Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27272

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2014 pola que se fai publica a convocatoria e o sorteo que terá lugar para a selección e adxudicación entre os aspirantes do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas.

Antecedentes.

Primeiro. Portos de Galicia ten construídas no exterior da estación marítima de Cangas as casetas para uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros na expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas.

Segundo. Estas casetas están equipadas cos elementos que se describen no anexo I desta resolución.

Terceiro. Constan xa identificadas ante Portos de Galicia catro empresas que poden estar interesadas en dispor dun destes despachos de billetes, sen que se descarte a existencia doutros empresarios interesados, polo que para os efectos de igualdade, publicidade e concorrencia resulta preciso optar por un sistema de efecto neutro na competencia entre os operadores da pasaxe no porto de Cangas, razón pola que se opta polo sorteo ao puro azar como acto preparatorio da posterior tramitación e outorgamento da autorización de ocupación e uso dos despachos de expedición de billetes.

Fundamentos xurídicos.

Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia.

Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante (TRLPEMM).

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O órgano competente para a aprobación dos actos que deriven deste expediente é a Presidencia de Portos de Galicia, en virtude do establecido no artigo 6 da Lei 5/1994 citada no punto anterior.

Esta convocatoria ten natureza preparatoria do procedemento de outorgamento da autorización e insírese como fase previa a este, derivando, para quen resulte seleccionado no concurso, o dereito a que se inicien os trámites establecidos na normativa de aplicación para o outorgamento eventual da autorización.

Vistos os fundamentos xurídicos anteriores, conforme as atribucións que me confire a normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as bases relativas á convocatoria e ao sorteo que terán lugar para a selección e adxudicación entre os aspirantes do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para o uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas.

Estas bases está recollidas no anexo II desta resolución.

Segundo. Publicar esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com

Terceiro. O sorteo terá lugar, en convocatoria única, o vindeiro día 2 de xullo de 2014, ás 10.30 horas, nas oficinas dos servizos centrais de Portos de Galicia, sitas en Santiago de Compostela, praza de Europa nº 5A-6º andar. Véxanse as bases.

Cuarto. As solicitudes de participación presentaranse no Rexistro de Portos de Galicia, no prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Véxanse as bases.

Quinto. A tramitación do procedemento será por urxencia, tendo en conta que é inminente a apertura da temporada alta da actividade de pasaxe no porto de Cangas por razóns da maior afluencia de poboación na tempada estival.

Sexto. Nomear como instrutor-actuario do sorteo a Manuel Bautís Cheda, xefe da Secretaría Xeral-Asesoría Xurídica de Portos de Galicia-CMRM, Xunta de Galicia.

O seu réxime de abstención e recusación é o establecido nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo. Contra este acto expreso, que é definitivo na vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que por repartición corresponda, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, e a teor do disposto no artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, en concordancia co artigo 109 c) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo de que con carácter potestativo e previo ao recurso contencioso-administrativo, indicado no parágrafo anterior, contra esta resolución expresa que se fai pública se poida interpor recurso de reposición, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso potestativo de reposición será dun mes, segundo o artigo 117.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; unha vez transcorrido o dito prazo, producido o silencio administrativo negativo, pode interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de seis meses, computados desde o día seguinte en que o recurso de reposición potestativo deba entenderse presuntamente rexeitado, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo iso sen prexuízo de calquera outra acción ou recurso que se considere oportuno interpor para a mellor defensa dos intereses do recorrente.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia

ANEXO I

Descrición dos despachos de billetes

Cada un dos despachos de billetes ten unha dimensión aproximada de 1,9×1,5 m, son de estrutura de aceiro e a súa carpintaría é de aluminio. Son independentes, sen comunicación entre eles e con servizo eléctrico individualizado con cadanseu contador de consumo. Ademais da instalación eléctrica contan con preinstalación para servizos de voz e datos.

ANEXO II

Bases da convocatoria e do sorteo que terá lugar para a selección e adxudicación entre os aspirantes do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para o uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes
aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas

1ª. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto establecer as normas que rexerán a convocatoria e o sorteo que terá lugar para a selección e adxudicación entre os aspirantes do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para o uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas.

2ª. Despacho de billetes dispoñibles

Os despachos de billetes dispoñibles son catro e cada interesado só poderá optar á autorización sobre un único despacho de billetes.

3ª. Sorteo

O sorteo terá lugar, en convocatoria única, o vindeiro día 2 de xullo de 2014, ás 10.30 horas, nas oficinas dos servizos centrais de Portos de Galicia, sitas en Santiago de Compostela, en praza de Europa, nº 5 A-6º andar.

O sorteo será público e a adxudicación do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación e utilización de cada un dos catro despachos de billetes farase por azar, mediante insaculación sucesiva nun saco ou nunha urna opaca de catro números, cada un correspondente cun despacho de billetes concreto.

De haber un número de aspirantes igual ao de despachos dispoñibles, cada un deles, no acto do sorteo, insaculará a cegas e por azar unha única tarxeta, a cal determinará o despacho de billetes concreto respecto do que resulta adxudicatario da tramitación da autorización correspondente.

No caso de que houber máis aspirantes que despachos de billetes dispoñibles, depositaranse nunha urna ou saco tantas tarxetas numeradas como aspirantes admitidos concorran, e noutra urna ou saco tantas tarxetas numeradas como despachos de billetes existan (tarxeta con número e con identificación do despacho de billetes) e as restantes tarxetas baleiras ata completar o número de solicitudes, de xeito que nun único acto se extraerá un número da urna ou saca dos aspirantes e, correlativamente, un número da urna ou saco das tarxetas dos despachos de billetes, así ata a adxudicación dos despachos de billetes dispoñibles.

A extracción, neste caso, das tarxetas será realizada pola persoa que exerce na actualidade as funcións de secretaria das mesas de contratación de Portos de Galicia.

4ª. Presentación de solicitudes

Cada interesado poderá presentar a súa solicitude a participar no sorteo e pode aspirar unicamente a un único despacho de billetes.

Poderá presentar solicitude toda persoa interesada, conforme o modelo normalizado que se define nestas bases.

Será requisito imprescindible para ser admitido ao sorteo que o solicitante estea habilitado para prestar o servizo de pasaxe conforme o Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Non poderán participar no correspondente sorteo aquelas persoas físicas ou xurídicas que, tendo formulado a solicitude, se atopen nalgunha das situacións seguintes:

Aqueles que aparezan como debedores de Portos de Galicia, da Comunidade Autonómoma de Galicia ou de calquera outra Administración pública.

Aqueles a quen lles caducase a autorización de ocupación de despacho de billetes por infracción das condicións de outorgamento destes.

As solicitudes de participación presentaranse no Rexistro de Portos de Galicia no prazo máximo de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria do sorteo no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez admitidas as solicitudes presentadas no tempo e na forma, o instrutor-actuario do procedemento determinará unha lista única de admitidos, que se publicará na páxina web de Portos de Galicia e na plataforma de contratos públicos de Galicia. Esta lista será exposta, como mínimo, 48 horas antes da data de realización do sorteo.

Polo uso do despacho de billetes, o titular da autorización terá que aboar as taxas correspondentes, en aplicación da Lei 6/2003, de prezos, taxas e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que neste caso será a tarifa E-2 de superficie cuberta e a E-3 polos fornecementos de auga e enerxía prestados.

A participación no sorteo dos interesados en obter un dos despachos de billetes de expedición de billetes ao pasaxe no porto de Cangas implica a aceptación incondicional destas bases.

5ª. Modelo de solicitude-declaración responsable

Expediente: convocatoria e sorteo que tera lugar para a selección e adxudicación entre os aspirantes do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para o uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas.

Data da declaración:

Datos do declarante.

Nome:

Apelidos:

NIF:

Teléfono:

Fax:

Correo electrónico:

Enderezo para os efectos de notificacións:

Entidade mercantil que representa (en caso de actuar en representación):

NIF:

Cargo:

Poder de representación:

DECLARO, baixo responsabilidade ao abeiro da representación suficiente e en vigor que posúo:

A posesión e validez, na data de finalización do prazo de presentación de proposicións, das circunstancias que a seguir se indican e quedo obrigado/a a acreditalas, no caso de que recaia ao meu favor a proposta de adxudicación e previamente á adxudicación do dereito á tramitación e ao outorgamento eventual dunha autorización de ocupación dun dos catro despachos de billetes existentes no exterior da estación marítima de Cangas para o uso dos operadores de liñas de transporte regular e/ou discrecional de pasaxeiros para a expedición de billetes aos usuarios do servizo de pasaxe no porto de Cangas, mediante a oportuna documentación orixinal ou copia cotexada.

Que a entidade está habilitada para prestar o servizo de pasaxe conforme o Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas da Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes.

Que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas de alta e pagamento ou exención do imposto de actividades económicas impostas polas disposicións vixentes, o cal xustificará documentalmente no momento en que sexa requirido.

Que a esta entidade non lle caducou a autorización de ocupación de despacho de billetes por infracción das condicións de outorgamento destes.

Que acepto de xeito incondicional as bases da convocatoria para chegar a obter un dos despachos de expedición de billetes ao pasaxe no porto de Cangas.

_________________ , ______ de _____________ de 20____

(Selo e sinatura do propoñente)

Presidente de Portos de Galicia

Nota informativa: o número 4 do artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispón que a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore a unha declaración responsable ou a unha comunicación previa, ou a non presentación ante a Administración competente da declaración responsable ou comunicación previa, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.

Así mesmo, a resolución da Administración pública que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou ao comezo da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento co mesmo obxecto durante un período de tempo determinado, todo iso conforme os terrnos establecidos nas normas sectoriais de aplicación.