Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2014 Páx. 26956

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 4 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública e audiencia aos interesados o Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación da zona húmida protexida Lagoa e areal de Valdoviño, o Plan de conservación e o Informe de sustentabilidade ambiental.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e a biodiversidade, regula nos seus artigos 49, 50 e 51 os humidais do Convenio relativo ás zonas húmidas de importancia internacional especialmente con hábitats de especies de aves acuáticas, que terán a consideración de áreas protexidas por instrumentos internacionais.

Esta lei, no seu artigo 15, establece que os recursos naturais e, en especial, os espazos naturais que se van protexer, serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a súa xestión aos seus principios inspiradores.

Por outro lado, o artigo 31 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que corresponde á categoría de plans de conservación a aqueles espazos que non sexan parques naturais ou reservas naturais.

Ademais o seu artigo 37 indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 38.

O artigo 8 do Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e se crea o Inventario de zonas húmidas de Galicia, establece unha serie de limitacións e prohibicións nestes espazos, sen prexuízo das normas establecidas nos instrumentos de planificación de cada espazo protexido, que se tomarán como marco de referencia.

Ademais, esta zona húmida forma parte da Rede Natura 2000, dado que está incluída dentro do espazo Costa de Ferrolterra-Valdoviño, declarada como zona de especial protección para as aves (ZEPA) e da ZEC Costa Ártabra. Por tal motivo, este espazo está afectado polo Decreto 37/2017, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Este plan director é un instrumento de planificación que recolle as medidas de xestión necesarias para o mantemento, ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable dos hábitats naturais e os hábitats das especies de interese comunitario e das especies de aves a que se refire o artigo 4 da Directiva 2009/147/CE no ámbito dos espazos protexidos da Rede Natura 2000.

Dada a particularidade do espazo e a súa importancia, é necesario establecer unha normativa concreta que nalgún caso desenvolva as anteriores, á vez que permita cumprir o estipulado na Lei 9/2001.

Como paso previo para a elaboración do Plan de conservación elaborouse un documento de inicio, que foi entregado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a determinación da necesidade ou non de someter o plan ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica (AAE), con base no establecido na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

O dito documento estivo exposto ao público na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, durante un período de 30 días naturais.

Tras a indicación, por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da necesidade de someter o plan ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, elaborouse o borrador de Plan de conservación, o Informe de sustentabilidade ambiental e o proxecto de decreto de aprobación do plan.

En consecuencia, de cara a someter os citados documentos a información pública e audiencia aos interesados, en virtude do establecido no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o artigo 10 da Lei 9/2006, do 28 de abril, e o artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación da zona húmida protexida Lagoa e areal de Valdoviño, o Plan de conservación e o Informe de sustentabilidade ambiental por un período de 45 días, contando o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que todos aqueles interesados poidan remitir as súas alegacións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 ou ao enderezo de correo electrónico planfrouxeira.conservación@xunta.es

Segundo. Durante o citado prazo, toda a documentación poderá ser examinada nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2014

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza