Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 2014 Páx. 22451

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO de notificación de sentenza (926/2013).

Nº autos: despedimento/cesamentos en xeral 926/2013 F.

Demandante: Pedro Francisco Iglesias Blanco.

Avogado: Felipe Carlos Martínez Ramonde.

Demandados: Tai Coruña, S.A. e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 926/2013 deste xulgado do social, seguidos por instancia de Pedro Francisco Iglesias Blanco contra a empresa Tai Coruña, S.A. e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se adxunta:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 213/2014.

Nº autos: 926/2013.

A Coruña, 24 de abril de 2014.

Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, despois de ver os presentes autos sobre despedimento entre partes, dunha e como demandante, Pedro Francisco Iglesias Blanco, que comparece asistido do letrado Sr. Martínez Ramonde, e doutra, como demandado, Tai Coruña, S.A. e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), que non comparecen a pesar de estar citados en legal forma.

En nome do Rei.

Ditou a seguinte sentenza:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Pedro Francisco Iglesias Blanco, por medio de escrito con entrada o día 19 de agosto de 2013, que correspondeu por quenda a este xulgado, formulou demanda contra a empresa Tai Coruña, S.A. na cal, despois de facer as alegacións de feito e de dereito que tivo por oportunas, solicitaba que se ditase sentenza pola cal se declarase a improcedencia do despedimento do demandante coas consecuencias legais inherentes, así como ao aboamento da cantidade de 2.186,79 euros.

Segundo. Admitida a trámite, sinalouse como data para a celebración de conciliación e xuízo o 24 de abril de 2014, nos cales compareceu só a parte demandante. Aberto o acto, e dada conta, a parte demandante afirmouse e ratificouse na súa demanda. Atendendo a solicitude, acordouse recibir o preito á proba e no devandito trámite admitiuse e practicouse a proba de interrogatorio e documental, cuxo resultado consta na acta; a seguir pasouse ao trámite de conclusións, nas cales o demandante expresou a súa petición de que na resolución se declare a extinción da relación laboral, co que se deu por finalizado o acto, quedaron os autos conclusos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación do presente xuízo observáronse e cumpríronse as disposicións legais.

Feitos probados.

1º. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada desde o 17 de xullo de 1997 coa categoría profesional de peón especialista e salario diario de 45,60 euros con rateo das pagas extraordinarias.

2º. A empresa demandada comunicou o 28 de xuño de 2013 o seu despedimento por causas económicas, con efectos o día 30 do mesmo mes. Consta nos autos como doc. 2 do ramo do demandante e tense por reproducida.

3º. As instalacións da empresa encóntranse pechadas e sen actividade. A empresa non aboou a cantidade de 2.186,79 euros establecida como saldo e liquidación e correspondente a aviso previo omitido.

4º. A parte demandante non ten nin tivo no último ano a condición de representante legal ou sindical dos traballadores.

5º. Celebrouse acto conciliatorio previo ante o SMAC, con incomparecencia da demandada e resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos probados antes referidos resultan da proba practicada valorada no seu conxunto, tendo en consideración a facultade de ter a parte incomparecida por confesa (artigo 91.2 LRXS/304 LAC). Ademais, constan nos autos a vida laboral, a copia da carta de despedimento, a liquidación e as nóminas que acreditan a relación laboral e as súas circunstancias, así como as da súa extinción. Tamén se achegou coa demanda unha copia da acta de conciliación.

Segundo. Está acreditada a relación laboral entre a empresa e a parte demandante ao tempo do despedimento.

Consta o despedimento sen que se acreditase o cumprimento das exixencias formais previstas (comunicación expresando a causa de forma suficiente, posta á disposición da indemnización legal) para tales casos no ET, nin causas materiais habilitantes (52.c) en relación co artigo 51.1 do ET) polo que o despedimento debe ser tido por improcedente –artigo 122.1 da LRXS e 53. 1 e 4 do ET–.

Terceiro. A consecuencia da declaración de improcedencia é, en principio, a obriga da empresa demandada de optar, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, entre a readmisión nas mesmas condicións que rexían antes do despedimento, ou o aboamento dunha indemnización de 33 días por ano traballado, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano (e tomando as fraccións de mes que puideren resultar como un mes completo segundo, entre outras, STS unif. dout. 31-10-07, Rec. 4181/06) ata un máximo de 24 mensualidades (coas modificacións previstas na DT 5º Real decreto lei 3/2012); e con aboamento, para o caso de readmisión, dos salarios deixados de percibir desde a data do despedimento –artigo 123.2 e 110.1 da LRXS e artigo 56 do ET– até a notificación da presente resolución.

Non obstante, de conformidade coas previsións dos artigos 110.1.b), 120 e 123 da LRXS, á vista da imposibilidade da readmisión, e de acordo coa solicitude expresada polo propio traballador, procede ter por feita a opción pola indemnización na sentenza, declarando extinguida a relación na resolución, e condenando a aboar a indemnización por despedimento calculada até a data desta.

Quinto. En relación á reclamación de cantidades salariais acumulada, debe procederse, así mesmo, ao pagamento reclamado á vista da acreditación da existencia da relación laboral e os artigos 4.2.f) e 29 do ET, e a falta de acreditación do pagamento, feito extintivo cuxa proba corresponde ao debedor (artigo 217 da LAC), sen que conste ningunha circunstancia obstativa.

Resolvo.

Debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por Pedro Francisco Iglesias Blanco contra a empresa Tai Coruña, S.A., con intervención procesual do Fogasa e, en consecuencia:

1. Declaro a improcedencia do despedimento.

2. Tense por efectuada a opción a favor da indemnización, declarando a extinción da relación laboral na data desta resolución e condenando a demandada a aboar ao demandante, en concepto de indemnización, a cantidade de 34.336,80 euros.

3. Condénase, así mesmo, a empresa demandada ao pagamento ao demandante da cantidade de 2.186,79 euros por salarios debidos.

Modo de impugnación: advírtese ás partes que contra a presente resolución poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa dun deles, ou que non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta no Banesto a nome desta oficina xudicial co número 1532/0000/36/0926/13, indicando no campo de concepto «Recurso» seguido do código «34 Social suplicación», o que demostrará presentando o comprobante do ingreso no período comprendido até a formalización do recurso. No caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, deberá tamén consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido pola devandita cantidade no cal se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, e que se incorporarán a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso ao momento de anuncialo.

Así, por esta miña sentenza, xulgando definitivamente, o pronuncio, mando e asino.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe o maxistrado xuíz deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola constitución e as leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Tai Coruña, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 25 de abril de 2014

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial