Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 2014 Páx. 22494

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2012/266-4).

Visto o expediente para outorgamento de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, da instalación eléctrica que a continuación se describe, a cal conta con autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do 27 de decembro de 2012:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS, CT Cambeses.

Situación: Vigo.

Características técnicas: LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ de 200 metros de lonxitude, con orixe na LMTS TRO722, cara o CT Ramón Nieto nº 229, e final no CT Ramón Nieto nº 246 unha vez entre e saia do CT proxectado Cambeses. Centro de transformación de 400 kVA, RT 15 kV/400-230 V, situado na baixada D. Martín, Vigo.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 6 de febreiro, no BOP do 11 de febreiro, no periódico Faro de Vigo do 10 de febreiro de 2014 e no tabloleiro de anuncios do Concello de Vigo. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Primeira. Elías Gabián Piñeiro, con data 24 de febreiro de 2014, presenta escrito de alegacións no que indica que:

• Pola mesma superficie que se proxecta a servidume de paso tense acceso á parte posterior do terreo situado detrás da casa, así como a veciños titulares de predios.

• O establecemento da dita servidume de paso suporía unha limitación nos usos e unha diminución do valor do terreo, polo que se deberían buscar outras alternativas.

• Existe un muro de peche ao sur do predio que podería verse afectado coa construción proxectada, sufrindo perigo de derruba.

• No predio existe unha casa e a súa construción, cara a orientación sur, está en semisoto. É probable que poida verse afectada por humidades e auga no caso de que a obra proxectada non quede perfecta e convenientemente rematada.

• É probable que no futuro cambien as condicións urbanísticas da parcela, dándolle unha edificabilidade maior.

Segunda. Ramón Lago Cereceda, en nome e representación da comunidade de bens Curros Don Martín, C.B., presenta escrito de alegacións en que indica que:

• Non existe ningún erro na relación de persoas, bens e dereitos que sexa obxecto de afección, en canto á comunidade de bens Curros Don Martín.

• A liña que se pretende instalar pode discorrer por terreos destinados a vías de titularidade pública, e pode instalarse o transformador en terreos de titularidade pública.

O 2 de abril de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. remite escrito de contestación ás alegacións presentadas, no que indica:

• Que a imposición da mencionada servidume de paso subterránea non provocará ningún dano sobre as propiedades lindeiras e non impide aos titulares dos predios localizados na zona acceder a elas, xa que a servidume de paso subterráneo comprende a ocupación do subsolo polos cables condutores.

• Que a instalación do transformador vén determinada polas necesidades eléctricas da zona; a parcela seleccionada é tecnicamente máis viable para mellorar a calidade da subministración eléctrica dos veciños.

• Que na alegación presentada por Ramón Lago faise referencia a un plano coa variación proposta, pero non consta na documentación.

Consideracións previas.

Primeira. O artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, indica que non poderá impoñerse servidume de paso para liñas de alta tensión sobre calquera xénero de propiedades particulares, sempre que se cumpran conxuntamente as condicións seguintes:

• Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio público, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros dos predios de propiedade privada.

• Que a variación de trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante.

• Que tecnicamente sexa posible.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Conclusións:

Primeira. Segundo os planos do proxecto, a liña discorre polas rúas Ramón Nieto e Baixada D. Martín.

Segunda. No escrito de alegacións presentado non se propón trazado alternativo ao do proyecto de execución, polo que non se pode valorar o indicado no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Así mesmo, o citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000 refirese á imposición de servidume de paso de liñas eléctricas, e non é aplicable á expropiación dunha parcela para a instalación dun CT ou calquera equipamento necesario.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial, resolve:

Declarar a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados.

Esta declaración de utilidade pública outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da citada instalación.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, de 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 24 de abril de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra