Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21517

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 22 de abril de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Lousadiño, a favor dos veciños de Lousadiño, na parroquia de Loureiro, no concello do Irixo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar no 10 de abril de 2014, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Lousadiño, a favor dos veciños de Lousadiño, na parroquia de Loureiro, no concello do Irixo, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 29 de abril de 2004 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común dos veciños de Lousadiño, na parroquia de Loureiro, no concello do Irixo, no cal solicitan ao seu favor a clasificación como veciñal en man común do monte denominado Lousadiño.

Segundo. Con data do 15 de marzo de 2006, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como vecinal en man común do referido monte, para o cal designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abre un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións, non consta que se presentase ningunha.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Concello: O Irixo.

Denominación do monte: Lousadiño.

Comunidade veciñal solicitante: veciños de Lousadiño, na parroquia de Loureiro.

Superficie total: 11 ha aproximadamente.

Estremas:

Norte: con monte dos veciños do lugar de Ramil (O Irixo).

Sur: leiras particulares de Beltrán González Felicitas, Aurora Cibeira Muñoz, Nicanor García Domínguez, Rosa Rodríguez Ferradas, José Manuel Fernández Rodríguez, Rosa Salgado Segura, Amparo Pájaro González, Antonio García Cibeira, Emilio Cibeira González, Dionisio Salgado Bernández, Felicito Bernández Vázquez, Aida Taboada Vidal e Aurora Cibeira Muñoz.

Leste: monte dos veciños dos lugares de Alén e de Barro (O Irixo) e leiras de Antonio Rubio de Vixide.

Consta no expediente a descrición das coordenadas UTM de todos os vértices que conforman a línea polígonal que delimita o monte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala Contencioso-Administrativa do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e que corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña disfrutando ao xurado provincial de clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante os testemuños dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros, resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Lousadiño, a favor dos veciños de Lousadiño, na parroquia de Loureiro, no concello do Irixo, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 22 de abril de 2014

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense