Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21513

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 3 de marzo de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución dun recurso de reposición contra a resolución de clasificación dos montes denominados Caeiro e outros, solicitado en prol dos veciños da CMVMC da Canicouva, na parroquia da Canicouva (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Miguel Ángel Pérez Dubois (xefe territorial).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 18.2.2014, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución dun recurso de reposición presentado contra a resolución de clasificación dos montes denominados Caeiro e outros do 19.6.2013, solicitados en prol dos veciños da CMVMC da Canicouva, da parroquia da Canicouva (Pontevedra).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 29.5.2009 José Luis Parada Carballo, actuando en calidade de presidente da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados Caeiro e outros como veciñais en man común a favor da CMVMC que representa, acompañada dun informe técnico e pericial coa descrición dos montes, identificación, superficie, ocupacións e estremas, así como unha diversa e extensa documentación histórica dos montes que se pretenden clasificar.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, incoar o corresponde expediente de clasificación dos devanditos montes en sesión que tivo lugar no 26.11.2009.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 de Decreto 260/1992 solicita informe preceptivo do Servizo de Montes, que é recibido polo Xurado de Montes con data do 21.1.2010,

Cuarto. O Rexistro da Propiedade de Pontevedra certifica con data do 9.2.2012 que os montes solicitados non figuran inscrito en dominio nin posesión a nome de ningunha persoa.

Quinto. Unha vez feitas de xeito legal as comunicacións a todos os interesados e rematado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Pontevedra, foron presentadas alegacións contra a clasificación por Belén Raposo Pérez, en nome e representación das CMVMC de Bértola (Vilaboa), de Tomeza (Pontevedra), de Pontesampaio (Pontevedra) e da CMVMC de Marcón (Pontevedra); así mesmo, formulan alegacións Milagros Míguez Fernández e Marina Cal Naval expondo todos eles o que consideraron conveniente na defensa dos seus intereses e que foron debidamente valoradas á hora de ditar resolución o Xurado.

Do mesmo xeito, nas datas 30.7.2010 e 16.11.2010 o promotor do expediente presenta alegacións reiterando o carácter veciñal dos montes solicitados a favor da CMVMC da Canicouva. En datas 18.10.2011 e 3.10.2012 reitera a clasificación dos montes ao entender estimada por silencio positivo a solicitude de clasificación obxecto do expediente ao ter transcorrido máis que de sobra o prazo dun ano que o Xurado de Montes ten para resolver este procedemento.

Sexto. Analizados todos os antecedentes descritos e, sobre todo, o informe emitido polo Servizo de Montes, xunto coa documentación presentada pola CMVMC solicitante, o Xurado de Montes, con data do 19.6.2013, acordou ditar resolución estimatoria da clasificación solicitada sobre os montes Caeiro, Pía de Auga ou Espedregal, O Pío, Cabreira Farexa e Rebordelo, ao considerar que quedaba suficientemente acreditado o uso e aproveitamento consuetudinario destes montes polos veciños da Canicouva, e non clasificar os montes Outeiro e Lagoa, ao entender que non quedaba acreditado de xeito suficiente o uso ou aproveitamento consuetudinario sobre as ditas parcelas, tal e como legalmente se exixe.

Sétimo. Contra esta resolución, unha vez que foi debidamente notificada a todas e cada unha das partes interesadas, na data 6.8.2013 José Luis Parada Carballo presentou, na súa calidade de presidente da CMVMC da Canicouva, o pertinente recurso de reposición, no cal alega novamente os argumentos xa esgrimidos durante o procedemento de clasificación, isto é, invoca os efectos do silencio positivo para a clasificación das dúas parcelas e que se teña en consideración o informe técnico-pericial como proba documental que consta no expediente e que se presentou xunto coa solicitude de clasificación.

Tomando en consideración os datos e documentos que constan no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas en contrario, emítese a seguinte proposta de resolución, con base nos seguintes fundamentos de dereito:

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer e resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

Segundo. Procede admitir o recurso de reposición interposto en contrario por concorreren os requisitos fixados no artigo 117.1 da Lei 30/1992.

Terceiro. O escrito de alegacións que serve de sustento ao recurso de reposición presentado polo promotor deben ser rexeitado, unha vez que non presente ningún documento ou proba que poida comportan a pretensión de clasificación invocada pola comunidade respecto das parcelas Outeiro e Lagoa. En definitiva, non presenta o recorrente nada novo que non fose xa tido en conta polo Xurado á hora de ditar a resolución do 19.6.2013.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas propón, e o Xurado por unanimidade acorda:

Desestimar do recurso de reposición presentado en contrario e a ratificación íntegra da resolución de clasificación do 19.6.2013 dos montes Caeiro e outro a favor da CMVMC da Canicouva.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 3 de marzo de 2014

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra