Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19948

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 22 de abril de 2014 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2014 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2014.

A Orde do 18 de febreiro de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 37, do 24 de febreiro, regula a aplicación en Galicia dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2014. Esta orde, consonte o establecido no marco regulatorio estatal aplicable e, máis en concreto, na Orde AAA/1787/2013, do 1 de outubro, establece no seu artigo 39.2, que o período de comunicación das cesións de dereitos de pagamento único para a campaña 2014 se inicia o mesmo día en que se inicie o prazo de presentación da solicitude unificada 2014 e finaliza seis semanas antes da data límite para a dita presentación.

Pola súa parte, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1680/2009, do 13 de novembro, faculta o ministro de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, actualmente ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para modificar as datas que se establecen nel.

En uso desa facultade, a Orde AAA/426/2014, do 14 de marzo, modifica de novo o prazo do período de comunicación das cesións de dereitos de pagamento único para a campaña 2014, e é preciso modificar, no mesmo senso, o artigo 39.2 da Orde do 18 de febreiro de 2014.

En consecuencia, conforme o previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificar o prazo establecido no artigo 39.2 da Orde do 18 de febreiro de 2014 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2014, como segue:

Para a campaña 2014 o período de comunicación á Administración das cesións de dereitos de pagamento único coincidirá no seu inicio e remate co prazo establecido para a presentación da solicitude unificada 2014.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar