Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19944

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 15 de abril de 2014 pola que se acorda a cesión en propiedade dun carro varadoiro sobre carrís e cabrestante, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores de Laxe.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O 28 de febreiro de 2014, a Confraría de Pescadores de Laxe solicitou a cesión en propiedade dun carro varadoiro sobre carrís e cabrestante situado no porto de Laxe.

A referida institución destinará o carro varadoiro sobre carrís e cabrestante a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á realización do servizo de varada das embarcacións. Por tanto, faise preciso cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores de Laxe dun (1) carro varadoiro sobre carrís e cabrestante, das seguintes características:

Fabricante/marca: Proemisa, S.L.

Capacidade máx. (con polea): 100 t.

Capacidade máx. (tiro directo): 50 t.

Pendente máx. rampla: 9 %.

Forza max. arrastre (con polea) : 12.000 kg.

Velocidade nominal arrastre (tiro directo): 8 m/min.

Velocidade nominal arrastre (con polea): 4 m/min.

– Motor:

Potencia: 11 kW.

Nº polos: 6.

Tensión: trifásica 400 Vac.

Frecuencia: 50 Hz.

– Freo:

Par de freada: 260 Nm.

Tensión de control: 400 Vac.

– Tambor:

Diámetro: 600 mm.

Lonxitude: 1.000 mm.

Cable de 6 × 36 Ø 18 mm de 200 m. Rm 226 KN.

– Carro sobre carrís:

Bastidor: perfil estrutural HEM 200 en aceiro S275JR galvanizado en quente posterior á súa fabricación.

Módulos: 2 carros de cabeceira máis 4 carros intermedios.

Columnas de centrado: 2 por carro intermedio con axuste mediante fuso manual e fixación mediante parafusos de M20.

– Alimentación e control eléctrico:

Envolvente: 800 × 600 × 250 mm IP66.

Mando: local e remoto.

Ano adquisición: 2014.

Nº de expediente: 2012-16-01290.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público do carro varadoiro, que se cede en propiedade, citado no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, os bens cedidos destinaranse a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial á realización do servizo de varada das embarcacións.

b) Coa cesión outorgaráselle á Confraría de Pescadores de Laxe a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, coma se se descoida ou se utilizase con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

Artigo 4

As cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación do carro varadoiro citado no artigo 1 ao fin para o que é cedido. Para isto poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar