Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19939

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2014 pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2014/15.

A Orde do 12 de maio de 2011 (DOG do 20 de maio), regula as seccións bilingües en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novas seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Na sección segunda da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira segunda autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos ao programa de seccións bilingües, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2014/15 de autorización de novas seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 2. Solicitude e documentación

1. Os centros que desexen iniciar a implantación de seccións bilingües deberán dirixir a correspondente solicitude, segundo o modelo que figura como anexo desta resolución, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, achegando a seguinte documentación:

a) Proxecto de participación no plan, en que se recollan, entre outros aspectos: profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos en que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas e pautas para a avaliación do proxecto.

b) Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro.

c) Compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante, como mínimo, dous anos.

d) Relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación que acredite a súa competencia lingüística no nivel requirido (B2).

e) Certificación da dirección do centro co número de alumnos/as que participarán nas seccións bilingües que se solicitan.

2. A inspección educativa informará a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Artigo 3. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación de solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Así mesmo, as persoas representantes dos centros educativos solicitantes poderán completar, en liña, o formulario electrónico na aplicación dispoñible na epígrafe Linguas estranxeiras, Programa de seccións bilingües, (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir e asinar. Posteriormente, a solicitude deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Presentaranse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se faga constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de maio de 2014.

Artigo 4. Autorización dos centros

1. Corresponderalle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización dos centros para participar neste programa.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das novas seccións bilingües autorizadas.

3. Aqueles centros que precisen autorización de seccións bilingües en cursos distintos daqueles para os que foron autorizados deberán formalizar unha nova solicitude cun novo proxecto e con toda a documentación requirida, segundo establece o artigo 2 desta resolución.

4. No caso de centros concertados, a autorización do proxecto de sección bilingüe en ningún caso significará modificación das condicións do concerto educativo subscrito.

Artigo 5. Asesoramento e avaliación

1. As estruturas de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración de proxectos como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 6. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file