Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2014 Páx. 18521

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 24 de marzo de 2014 polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o 18 de febreiro de 2014, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra da variante de Cangas e Moaña, nos concellos de Cangas e Moaña (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como do disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 18 de febreiro de 2014, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra da variante de Cangas e Moaña, nos concellos de Cangas e Moaña (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 18 de febreiro de 2014, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental da obra da variante de Cangas e Moaña, nos concellos de Cangas e Moaña (Pontevedra), promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (clave 2009/0133)

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 10 de xullo de 2012 aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01).

O obxecto do presente proxecto de trazado e impacto ambiental é a definición técnica das variantes de Cangas e Moaña.

Dado que o proxecto está comprendido no grupo 6, alínea a.1, do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva, sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 20 de xullo de 2012 publícase no DOG nº 139 a Resolución do 26 de xuño de 2012, da Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña, nos concellos de Cangas e Moaña (Pontevedra).

Con data do 10 de xuño de 2013 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas, no cal se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes dos distintos organismos consultados:

Organismo consultado

Recibido

Non recibido

Ministerio de Fomento. Demarcación de Costas de Galicia

x

Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

x

Instituto de Estudos do Territorio

x

Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

x

Secretaría Xeral de Patrimonio Cultural

x

Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública

x

Dirección Xeral de Conservación da Natureza

x

Augas de Galicia

x

Deputación de Pontevedra

x

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Á variante de Cangas:

O Concello de Cangas, o Partido Popular de Cangas, a asociación de veciños Río Bouzós, a asociación de veciños Nós, a asociación de veciños e propietarios A Pedra Choca, o colectivo ecoloxista Luita Verde, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o Foro Social de Cangas, a Ría Non se Vende, Salvemos Monteferro, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo Cíes e 156 particulares máis.

– Á variante de Moaña:

O Concello de Moaña, a Federación de Asociacións de Veciños de Moaña-A Chamusca, a Asociación de Veciños Redondo-Marrúa, o colectivo Bronlle de Meira, a Asociación de Veciños A Chamusca, a Asociación de Veciños O Cristo, o colectivo ecoloxista Luita Verde, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o Foro Social de Cangas, A Ría Non se Vende, Salvemos Monteferro, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo Cíes e 26 particulares máis.

– Para a conexión de Tirán:

A ANPA Madreboa do CEIP de Tirán, a asociación de veciños de Tirán, o colectivo ecoloxista Luita Verde, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o Foro Social de Cangas, A Ría Non se Vende, Salvemos Monteferro e 15 particulares máis. Nesta declaración foron tidas en conta as alegacións recibidas no que respecta ás súas consideracións de carácter ambiental.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña nos concellos de Cangas e Moaña (Pontevedra).

No anexo I da presente declaración inclúese un resumo da actuación prevista e no anexo II recóllense de xeito resumido as alegacións de carácter ambiental e as respostas do promotor.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo– poderá ditar só para os efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que proporcionen unha maior protección ao ambiente. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, acompañada de documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, e non pode comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento Proxecto de trazado e impacto ambiental; variantes de Cangas e Moaña, clave: PO/07/220.01, nos concellos de Cangas e Moaña, na provincia de Pontevedra, na configuración da solución adoptada, recollida no tomo III do proxecto de trazado e impacto ambiental, maio de 2012, no documento nº 2 (Planos).

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase o disposto na normativa vixente no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se for o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección da calidade das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, por tanto procederase ao balizamento ou sinalización adecuada dos tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras e o seu acceso limitarase só nos casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos ditos cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán cun largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, procurando que todas as especies que caian poidan saír. Irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (camadas de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos en que a rede verte á contorna. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de empozamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de bacía, neste caso Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

Durante a fase de remocións de terras necesarias para aterraplenar as vías terase especial coidado de que non haxa achegas de materiais á rede de escorremento.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas e realizaranse os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía construíndo gabias receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorberen a auga de escorremento con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, facendo o mantemento da maquinaria en lugares adecuados, deseñando as obras de drenaxe de acordo coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto, etc.

Todas as obras provisionais que sexan precisas para a execución do proxecto sempre precisarán autorización previa da Administración hidráulica se se sitúan no dominio público hidráulico ou na zona de policía de ríos.

3.8. Os movementos de terras próximos ás canles contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de seren afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, e cumprirán en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que poidan afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os ecosistemas.

3.10. O cruzamento dos cursos de auga deberán realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desaugamento de enchentes extraordinarias, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima desde a beira do curso. As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións nel.

3.11. Deberase obter a preceptiva autorización do organismo de bacía, neste caso, Augas de Galicia, para a execución das obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoña un obstáculo para a corrente en réxime de enchentes ou poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

3.12. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo R.D.L. 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio, e polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e as normas incluídas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

3.13. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta que:

• Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse dispor rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

• Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.

3.14. Deberase extremar o respecto por aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexa interceptada polo trazado previsto, segundo o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros.

3.15. As obras de drenaxe transversal realizaranse, a ser posible, nas épocas de estiaxe. Colocaranse tubos provisionais para evitar o movemento da maquinaria sobre os leitos, así como elementos de defensa como cunetas de garda, barreiras de sedimentos e balsas de decantación que garantan a protección do dominio público hidráulico.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas e prohíbese ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e ser retirados cando estas finalicen.

4.2. Tamén se procederá ao balizamento ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais, sendo esta medida imprescindible e de carácter preventivo.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, e procederase á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etc.), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, e evitarase, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a empregar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando prevista a instalación de factorías de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de instalación ou instalacións externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha instalación propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal que se empregue na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou escorremento do material almacenado, para o cal se adoptarán as medidas técnicas adecuadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con fornecemento de mulch suficiente para manter entre un 5 % e un 6 % de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser a estendedura de mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.10. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fora de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos, sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas; sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, e prevalecerá sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramamentos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. As pontes previstas polo proxecto disporán dos seus estribos a máis de 5 m das marxes dos ríos sobre os que cruza o trazado, tomando como referencia para isto a disposición das zapatas ou cimentacións.

O proxecto construtivo deberá expoñer as oportunas e específicas medidas preventivas, de control e de corrección da potencial incidencia das obras sobre a calidade das augas e medios fluviais, así como dos adecuados protocolos de seguimento delas.

O deseño das mencionadas estruturas de cruzamento terán en conta a altura media do arboredo de ribeira nas zonas, así como a súa composición florística e estado de conservación, todo isto con obxecto de evitar afeccións sobre el.

Débese extremar o respecto polos cursos fluviais e a súa vexetación que sexan interceptados polo trazado previsto.

No suposto de ter que empregar as estruturas tipo marco ou tubo en canles de escasa entidade, estas deberán quedar soterradas un mínimo de 40 cm por baixo do leito fluvial para permitir a creación dunha canle de características semellantes as orixinais.

6.2. Dada a posible afección ás zonas de alimentación e potenciais lugares de nidificación ou refuxio das especies Galemys pyrenaicus, Rhinolophus hipposideros, Chioglossa íusitanica, Hyla arbórea ou Rana ibérica, deberanse establecer medidas de recuperación e mellora do seu hábitat no proxecto construtivo.

Do mesmo xeito, o proxecto construtivo deberá completarse cunha análise no caso do grupo dos quirópteros.

Ademais, respecto ás medidas de mellora do hábitat do contorno dos trazados baseados no desenvolvemento de microzonas húmidas e de bosques autóctonos, o proxecto construtivo deberá desenvolver, a nivel directamente executable, a mencionada proposta.

6.3. Desenvolverase un estudo de corredores faunísticos no territorio, tamén baseado no traballo de campo específico, do cal se derivará unha proposta de permeabilización da infraestrutura ao paso da fauna. A citada proposta incluirá unha avaliación respecto ao seu efecto sobre a conectividade do territorio.

Preverase a disposición de pasaxes de fauna naqueles puntos que funcionen como corredores ecolóxicos.

Terase en conta a necesidade de evitar a intrusión lumínica na proposta de permeabilización da vía ao paso de fauna.

A proposta preverá a disposición de tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo e deseñarase adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Estas estruturas deberán permitir o paso de fauna de pequeno tamaño.

6.4. No caso de detectarse a presenza de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e/ou hábitats de interese comunitario no transcurso da realización das obras de construción e/ou no caso de que por causas imprevistas se produzan danos nos ecosistemas, en especial nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para paliar os impactos, comunicándoo previamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

6.5. Evitarase modificar as zonas de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste senso, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo.

As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

6.6. Todas as augas procedentes de formigonaxes, especialmente no caso dos procesos construtivos das pías dos viadutos, serán derivadas e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

6.7. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos naturais. Este plan deberá recoller a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá recoller a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e un seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o cal será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/19997, do 10 de xullo, que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

7.4. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.5. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, esta circunstancia deberá comunicarse á dirección xeral o máis axiña posible.

7.6. No que respecta ao Castro do Rosal (GA36029027), o achádego das Raíñas 1 (GA36029A10) e o achádego de Raíñas 2 (GA36029A11), proponse modificar a traza da variante de Moaña neses puntos. Se por razóns técnicas non for posible a modificación, deberase realizar unha avaliación preliminar dos elementos en fase de implantación mediante sondaxes manuais e mecánicas en toda a superficie dos elementos.

7.7. No caso da ponte de Sabaceda, se non for posible variar a traza deberase realizar un control das obras para que non afecten a súa fabrica orixinal e a súa posta en valor para que poida ser visitable.

7.8. No caso do cruceiro de Faxáns e o canastro I de Reboredo, se non for posible a modificación da traza, e a medida que se vaia adoptar sexa o traslado, deberá ser redactado de xeito previo á execución o proxecto de traslado por un técnico competente, o cal se remitirá á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu preceptivo informe.

7.9. Polo que respecta ao muíño de Sanchelán, dada a súa proximidade á traza, de xeito previo ao inicio das obras deberá realizarse unha limpeza do seu contorno para descartar posibles afeccións a elementos complementarios da edificación que poidan estar ocultos.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais, etc).

Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación na contorna.

8.2. Procurarase a integración estética no ambiente das obras que se executen, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

– Definición contractual das medidas correctoras:

• Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán de quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

– Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

• Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

• Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

• As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

– Orzamento:

• Todas as medidas de integración ambiental irán orzamentadas da mesma forma que o conxunto do proxecto.

– Criterios para o seguimento das medidas:

• Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se poidan prever no estudo ou no condicionado desta DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

• Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.

• As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, por tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

• Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por un organismo de control autorizado ou entidade acreditada e homologada, e os resultados acreditados estarán asinados por un técnico da dita entidade.

• Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados segundo os resultados obtidos.

• No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no número 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

• Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando a metodoloxía, a periocidade e os limites que se impoñerán aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, se deben analizar os parámetros seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

• Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, no cal deben constar os puntos de mostraxe, a metodoloxía, a periodicidade e os límites que se impoñen, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido na normativa vixente.

• Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

• En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Axencia Galega de Infraestruturas, a quen lle corresponde, ademais, o seguimento e a vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se for o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes que se deben presentar na fase de obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA e elaborará os informes do seguimento ambiental que se sinalan a seguir, e dos cales remitirá unha copia á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e da porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e a hora, acompañándoas dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado no cal quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora e deben ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

10.3.2. Informes que presentarán na fase de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA e elaborará anualmente un informe do seguimento ambiental que incluirá:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, a hora, e a localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna e verificación da súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que deban emitir as direccións xerais de Conservación da Natureza e do Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións dos números 6 e 7 desta DIA.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberase informar a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental, previamente ao inicio das obras, da persoa responsable (dirección facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014. Justo Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I
Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

As vías desenvolvidas no proxecto xorden da necesidade de reordenar o tráfico existente que actualmente transita pola estrada PO-551 (entre a N-554 en Rande e Bueu), que atravesa os núcleos de Moaña e Cangas, cun contorno densamente poboado e cunha forte presenza de edificacións en ambas as marxes da estrada. As vías definidas no proxecto xustifícanse por suporen unha mellora significativa nas comunicacións dos concellos de Cangas e Moaña ao xeraren unha considerable mellora da seguranza viaria, fluidez nos desprazamentos, redución dos tempos de percorrido e incremento da calidade de vida dos veciños do contorno, ao tempo que se integran adecuadamente no planeamento previsto e complementan o corredor do Morrazo.

Descrición do trazado.

O proxecto de trazado propón a definición de catro vías con que se pretende xerar itinerarios alternativos á rede viaria actual nos concellos de Cangas e Moaña. Deste modo, está previsto reducir o tráfico que soportan as estradas actuais que se localizan nun contorno enormemente urbanizado. A maior parte do seu percorrido conta con accesos controlados e limitados a rotondas intermedias. Descríbense a seguir, as catro vías deseñadas:

• Variante de Moaña (1.699,8 m) que conectará a PO-313 na zona de Sabaceda (punto de cruzamento co río Rialdarca) coa PO-551 á altura de Meira.

Propón un percorrido alternativo á PO-551 que se prolonga cara á VG-4.5 coa construción da conexión PO-313/VG-4.5 (Sabaceda). Divídese en catro treitos:

– Treito 1 (497,6 m): iníciase na PO-313 na zona de Sabaceda (punto de cruzamento co río Rialdarca), na denominada VM Rotonda 1, e conclúe na VM Rotonda 2, sobre a estrada que comunica os núcleos de Pedroso e Redondo.

– Treito 2 (695,4 m): prolóngase ata a VM Rotonda 3, en Pozonegro, sobre a PO-1101. Inclúe unha ponte sobre a estrada Bernárdez Sotelo e outra sobre o río do Inferno.

– Treito 3 (798,1 m): conclúe na VM Rotonda 5, sobre a PO-1102, en Meira. Inclúe unha rotonda intermedia, para incluír a futura conexión de solo urbanizable, e un treito de 307 m de carril adicional. Presenta unha ponte sobre o río da Fraga.

– Treito 4 (393,9 m): finaliza na PO-551 (Meira), xunto á desembocadura do río Barranco. Inclúe un carril adicional de 230 m.

• Variante de Cangas (1.699,8 m), que conecta a PO-551 na Madalena coa rotonda da VG-4.5 no Espírito Santo. Presenta 2 treitos e unha vía adicional de conexión:

– Treito 1 (602,1 m): inicíase na denominada VC Rotonda 1, sobre a PO-551, na Madalena, e conclúe na VC Rotonda 2, sobre a estrada provincial PO-1001, no Sistro. Inclúe un carril adicional en toda a súa lonxitude.

– Treito 2 (1.097,7 m): prolóngase ata a VG-4.5 no Espírito Santo, incluíndo a ponte sobre o río das Presas e dúas rotondas intermedias.

– Conexión avenida de Marín: a actuación complétase coa execución desta vía de 327,5 m, prevista no planeamento, para completar a integración da variante na rede viaria municipal.

Conexión PO-313/VG-4.5 (Sabaceda) (1.270,5 m): con ela preténdese dar continuidade á variante de Moaña, conectándoa co denominado enlace de Cangas do corredor CG-4.1 e do cal parte a estrada VG-4.5. Deste modo, articúlase un percorrido continuo entre Moaña e Cangas que sexa alternativo á rede actual. Parte da rotonda actual do enlace de Cangas do corredor CG-4.1 inclúe unha rotonda intermedia e 795 m de carril adicional. Conclúe na VM Rotonda 1 onde se inicia a variante de Moaña.

Conexión PO-551/VG-4.5 (Tirán) (499,0 m): a súa función é habilitar una conexión directa entre a PO-551, no entorno de Tirán, co enlace de Ameixoada da VG-4.5, mellorando amplamente a accesibilidade a este enlace.

Iníciase na rotonda existente do enlace de Ameixoada e conclúe noutra nova rotonda sobre a PO-551, en Tirán. Presenta unha rotonda intermedia que separa o primeiro treito, de accesos controlados, do segundo, con accesos a nivel nas marxes. A actuación complétase coa ampliación da vía de acceso ao enlace de Ameixoada (conexión oeste Ameixoada) de 136,4 m.

Plano do conxunto

Descrición do medio.

A área de estudo localízase na península do Morrazo, que presenta unha cadea montañosa na súa parte central con elevacións da orde de 500-600 m de altitude. Desde alí parten os pequenos cursos fluviais que modelan unha sucesión de chairas que, en xeral, crean un relevo accidentado para o paso das novas vías (río do Inferno, río das Presas, río da Fraga, río Bouzas, río Saíñas e río do Faro) pertencentes ao ámbito competencial do Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

A maior parte da superficie representada está ocupada por bosques de plantación, áreas agrícolas e zonas habitadas, cunha elevada superficie de plantacións forestais, sobre todo Pinus pinaster e Eucalyptus globulus, ben en masas puras ou misturados.

Non se atopan espazos naturais nin hábitats afectados directamente polas alternativas.

ANEXO II
Resumo dos aspectos ambientais das alegacións presentadas

A seguir recóllense os aspectos ambientais máis relevantes mencionados durante o proceso de información pública:

Variante de Cangas.

Sobre a execución de noiros en zonas onde non son estritamente necesarios e sobre a permeabilidade da vía, na fase de redacción do proxecto de construción faranse os axustes da sección tipo necesarios para dotar a infraestrutura de elementos de integración urbana, polo menos na conexión coa avenida de Marín e no treito comprendido entre a rotonda 3 e o final da actuación.

Na fase de redacción do proxecto de construción analizaranse as posibilidades de baixar a cota da rasante entre o paso sobre o río das Presas e a rotonda 3, substituír o paso inferior VC2 PI 0.3 por unha intersección a nivel (tamén o VC2 PI 0.2 no caso de que resulte necesario), e integrar na malla urbana no treito comprendido nese punto e a rotonda 2.

Na fase de redacción do proxecto de construción analizarase, entre outras, a posibilidade de subtituír o recheo do treito 1 por un viaduto.

Sobre a colocación das pantallas acústicas, no proxecto de trazado están xustificadas polo correspondente estudo acústico.

Sobre o impacto inasumible con recheos nas valgadas dos ríos Bouzos e da Pesca, nos informes elaborados por Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza non se informou desfavorablemente sobre este aspecto.

Sobre a profundidade das análises dos hábitats de interese comunitario e prioritarios do estudo de impacto ambiental, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza non informou desfavorablemente ao respecto.

Sobre a elaboración dun estudo de impacto de integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio informa que o citado estudo cumpre formalmente coas exixencias da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Variante de Moaña.

Sobre a retirada do proxecto nos treitos da variante de Moaña e conexión PO-313-VG 4.5 (Sabaceda), por consideralo innecesario, cun elevado impacto sobre o medio humano e natural polo Concello de Moaña e grupos veciñais, e solicitada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a necesidade de revisión do trazado, proponse deixar sen efecto o proxecto neses treitos.

No entanto manterase o proxecto na conexión PO-515/VG-4.5 (Tirán).

Enlace de Tirán.

Sobre os efectos ambientais e paisaxísticos que se producirían coa execución do enlace, considérase que o impacto ambiental é reducido, polo que se mantén a cota de acceso ás distintas vivendas e se propón o tratamento de noiros para a súa adecuada integración paisaxística. O noiro xerado polo enlace é similar ao existente no p.q. 0+250.

missing image file