Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2014 Páx. 18544

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 2 de abril de 2014 polo que se fai pública a resolución de aprobación do expediente de información pública e definitiva do proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01).

Con data do 31 de marzo de 2014, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 10 de xullo de 2012, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01).

Segundo. Con data do 20 de xullo de 2012, publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 139, a Resolución do 26 de xuño de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01) así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Terceiro. Con data do 22 de agosto de 2012, publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 159, a Resolución do 8 de agosto de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se ampliaba o prazo de información pública do referido proxecto de trazado.

Cuarto. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións que foron remitidas á dirección do estudo para a súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que, cando se trate da construción dunha nova estrada ou variante de poboación non prevista no planeamento urbanístico vixente, a Administración titular da estrada aprobará tecnicamente o correspondente estudo informativo ou proxecto de trazado, que se someterá ao trámite de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No número 2 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto deberá remitirse ás administracións afectadas para que, no prazo dun mes, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para o interese xeral e para os intereses das localidades e provincias afectadas. Transcorrido este prazo e un mes máis sen que as administracións afectadas emitan informe ao respecto, entenderase que están conformes co estudo ou proxecto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e após a análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01) tendo en conta as seguintes consideracións na fase de proxecto de construción:

a) Variante de Moaña e conexión PO-313-VG-4.5 (Sabaceda):

Considerando as diversas alegacións recibidas que solicitan a retirada do proxecto por consideralo innecesario e con elevado impacto sobre o medio humano e natural do concello, emitidas polo Concello de Moaña e os grupos veciñais, e a necesidade de revisión do trazado solicitada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, resólvese deixar sen efecto o referido proxecto nestes treitos.

b) Variante de Cangas:

1. Consideraranse as medidas requiridas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

2. Faranse os axustes de sección tipo necesarios para dotar a infraestrutura de elementos de integración urbana, ao menos na conexión coa avenida de Marín e no treito comprendido entre a rotonda 3 e no final da actuación.

3. Analizaranse as posibilidades de baixar a cota da rasante entre o paso sobre o río das Presas e a rotonda 3, substituír o paso inferior VC2 PI 0.3 por unha intersección a nivel (tamén o VC2 PI 0.2 no caso de que resulte necesario) e integrar na malla urbana o treito comprendido entre ese punto e a rotonda 2.

4. Analizarase, entre outras, a posibilidade de substituír o recheo do treito 1 por un viaduto.

5. Debido a que os cambios propostos no deseño da vía non cumprirían o indicado no artigo 38.4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a inhabilitan para formar parte da Rede autonómica de estradas de Galicia, e eliminarase da planificación autonómica en materia de estradas. No caso de que nun futuro se acade algún tipo de acordo co Concello de Cangas para cofinanciar o seu desenvolvemento, este deberá asumir o compromiso de, cando menos, obter os terreos necesarios para a execución das obras e asumir a titularidade e a explotación da nova vía e do treito existente da PO-551, na travesía de Cangas, que aquel vén complementar.

c) Conexión PO-515-VG-4.5 (Tirán):

1. Consideraranse as medidas requiridas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Respecto do cruceiro de Faxáns, deberá ser redactado, previamente á execución, o proxecto de traslado por un técnico competente, que será remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe.

2. Completarase o deseño engadindo un treito adicional de beiravía na marxe esquerda entre os p.q. 0+200 - 0+250, dispondo beiravías na contorna da rotonda 2 e dando continuidade ás beiravías da marxe dereita ata o centro escolar.

3. Acondicionarase como parque a zona que se vai expropiar na contorna do p.q. 0+200 (marxe esquerda), e habilitarase zona de estacionamento para minusválidos.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución do 18 de febreiro de 2014.

Terceiro. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico dos concellos de Cangas e Moaña, afectados polos trazados aprobados:

– Variante de Cangas.

– Conexión PO-515-VG-4.5 (Tirán).

O cal deberá acomodarse ás determinacións do proxecto de trazado e impacto ambiental aprobado no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Cuarto. O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Quinto. Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas) porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto de trazado aprobado.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2014

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas