Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2014 Páx. 14424

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de marzo de 2014 pola que se suprime o Rexistro Auxiliar da entidade pública empresarial Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte) da Coruña.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares farase mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas por proposta da consellería ou entidade correspondente logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia (DOG nº 9, do 13 de xaneiro) dispón no seu artigo 24 que a organización territorial da entidade pública empresarial Augas de Galicia estará dividida en zonas hidrográficas, unha delas será a Zona Hidrográfica de Galicia-Norte, con sede na cidade da Coruña, que abrangue as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao mar Cantábrico e as do océano Atlántico ata a bacía do río Grande, esta incluída.

Esta unidade administrativa atopábase na rúa Wenceslao Fernández Flórez da cidade da Coruña e contaba co seu rexistro auxiliar.

As oficinas da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte de Augas de Galicia trasladáronse ao edificio administrativo da Coruña, sito na rúa Vicente Ferrer nº 2, onde se atopa o Rexistro Xeral. En consecuencia, o Rexistro Auxiliar da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte, necesario ata o de agora no enderezo Wenceslao Fernández Flórez, pasa a ser innecesario, posto que este servizo pode servirse do Rexistro Xeral.

Todas estas modificacións fanse co obxecto de adaptarse á situación actual, tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Conforme o anterior, resulta preciso proceder á supresión do Rexistro Auxiliar da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte de Augas de Galicia. A actividade desta unidade pasará a ser servida pola Oficina do Rexistro Xeral, situada no edificio administrativo de A Coruña (sito na rúa Vicente Ferrer nº 2, 15008).

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímese o Rexistro Auxiliar da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte de Augas de Galicia. A actividade desta unidade pasará a ser servida pola Oficina do Rexistro Xeral, situada no edificio administrativo de A Coruña (sito na rúa Vicente Ferrer nº 2, 15008).

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza