Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2014 Páx. 14426

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 31 de marzo de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Burela.

O Concello de Burela eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu o 12.3.2014 orde de non aprobación do PXOM de Burela, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.b) da LOUG, e sinalou unha serie de deficiencias que se deberían corrixir.

2. Corrixido o documento de PXOM de Burela, e tras os preceptivos informes municipais do arquitecto técnico do 16.3.2014, e da secretaria do 17.3.2014, o Concello Pleno de Burela en sesión do 24.3.2014 aprobou provisionalmente o Plan xeral de ordenación municipal.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do PXOM de Burela, elaborada por Otea planes y proyectos, datada en marzo de 2014 e identificada con dilixencias da aprobación provisional do 24.3.2014; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que o proxecto dá cumprimento ás deficiencias sinaladas na anterior Orde da CMATI do 12.3.2014.

Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

II.1. Clasificación do solo rústico.

O plan inclúe os espazos de interese paisaxístico do POL na categoría de solo rústico de especial protección paisaxística, o cal é correcto; porén, na zona do Cantiño esta clasificación superponse ao solo urbano, o que non é posible.

Enténdese que na zona urbana do Cantiño non ten efecto a clasificación de solo rústico de especial protección paisaxística.

II.2. Determinacións.

1. Da redacción do artigo 264.2 da normativa, non queda claro se os sectores D1, D2 e D3 poden executarse sen remisión a plan parcial, caso en que habería que incluír no PXOM, para estes sectores, todas as determinacións exixidas pola LOUG para os plans parciais (artigo 57.2 da LOUG).

2. Aínda que se optou por remitir os sectores R02 e R03 a plan parcial, nas súas fichas de condicións de desenvolvemento non consta esta remisión, e polo contrario, figura que a súa ordenación está establecida polo PXOM.

Por todo isto, debe entenderse que os sectores D1, D2, D3, R02 e R03 se executarán a través de plan parcial.

II.3. Erros.

1. A pesar do seu uso como espazo libre, non se lle debe asignar ao monte Castelo a ordenanza O7 de solo urbano, xa que é solo rústico.

2. No O.2.30, onde había unha porción de terreo sen clasificación, corrixiuse esta circunstancia, atribuíndose a de solo rústico de especial protección de infraestruturas e de costas, pero a LOUG non recolle a posibilidade de clasificar solo rústico de protección de costas a máis de 200 m do límite interior da ribeira do mar, polo que nesta zona se entenderá eliminada esta categoría de solo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Burela, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición estrita á corrección das observacións e erros sinalados no punto II desta orde.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Burela, 31 de marzo de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas