Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2014 Páx. 5764

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural da Vila, na parroquia de Lobeira, concello de Lobeira.

O Concello de Lobeira remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural da Vila, parroquia de Lobeira, redactado en maio de 2013, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional 2ª da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en adiante LOUG), en que solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Lobeira non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do punto 2 da disposición adicional segunda e nel constan:

• O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 212, do 7.11.2012 e nos xornais La Región na data do 1.11.2012 e La Voz de Galicia na data do 7.11.2012.

• Certificación do secretario municipal con data do 8.10.2013 no que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

• Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 26.10.2012.

• Consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18 de setembro de 2013, tras un primeiro informe do 4 de marzo de 2013 en sentido desfavorable.

• Consta informe favorable da Deputación Provincial do 21 de novembro de 2013.

II. Contido.

O proxecto propón unha nova delimitación do asentamento poboacional da Vila como núcleo rural complexo; concorre no ámbito unha superficie de 24.179,17 m2 de núcleo rural histórico-tradicional e distingue dúas tipoloxías (NR H-T1 e NR H-T2) e unha superficie de 20.167,03 m2 de núcleo rural común con outras dúas tipoloxías (NR C-1 e NR C-2).

A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados define, o trazado viario público e os espazos destinados a dotacións e identifica trece elementos de valor cultural, xunto cun xacemento arqueolóxico. Constan dúas ordenanzas de edificación unha para cada tipo de núcleo.

III. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo concello e á vista do informe técnico elaborado no Servizo de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. Constitúen o solo de núcleo rural as áreas do territorio que serven de soporte a un asentamento tradicional de poboación singularizado, identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns oficiais. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural da Vila segundo nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo; DOG nº 169, do 29 de agosto).

2. Da documentación remitida dedúcese que a ordenación aplicable corresponde coa relativa ao núcleo rural complexo, segundo tipoloxía dos tipos básicos de solo de núcleo rural establecidas pola LOUG no seu artigo 13, segundo redacción dada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, diferenciando ambos os dous tipos de solo de núcleo rural tradicional e núcleo rural común coas determinacións que para cadansúa delimitación e categoría establece o artigo 13.3.c), da LOUG referidas ao grao de consolidación da edificación e demais determinacións do réxime aplicable.

3. O expediente contén o estudo individualizado do núcleo rural conforme o sinalado no artigo 61.3 da LOUG así como os planos de delimitación do perímetro do núcleo rural.

4. Nos planos queda reflectido o trazado da rede viaria pública existente e os espazos reservados para equipamentos públicos e consta a regulación detallada dos usos, volume e condicións hixiénico-sanitarias dos terreos e construcións, así como as características estéticas da edificación e do seu contorno.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009, sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

1. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural da Vila, na parroquia de Lobeira, Concello de Lobeira (Ourense).

2. No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativo).

3. Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file