Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2014 Páx. 5517

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de xaneiro de 2014 pola que se procede ao recoñecemento de Puerto de Celeiro, S.A. como organización de produtores no sector da pesca de altura e grande altura.

Puerto de Celeiro, S.A. presentou, ante a Consellería do Medio Rural e do Mar, unha solicitude de recoñecemento como organización de produtores pesqueiros.

As condicións para o recoñecemento das organizacións de produtores veñen recollidas no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura e no Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións.

A Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado establece, no artigo 3.g), que un dos seus fins é o fomento do asociacionismo no sector pesqueiro. Segundo o artigo 5 do Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, o recoñecemento dunha organización de produtores corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas cando se trate de organizacións que obteñan o 95 % ou máis da súa produción no seu ámbito territorial e, polo menos, o 80 % desta sexa obtida por unidades de produción radicadas nesa comunidade autónoma. Puerto de Celeiro, S.A. cumpre ambas as dúas premisas.

Na elaboración desta orde tívose en conta a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e o Real decreto 1778/1994, do 5 de agosto, polo que se adecuan á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as normas reguladoras dos procedementos de outorgamento, modificación e extinción de autorizacións.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Recoñecer a Puerto de Celeiro, S.A. como organización de produtores no sector da pesca de altura e grande altura; o seu ámbito de actuación é a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2

Puerto de Celeiro, S.A. comprométese a cumprir coas obrigas das organizacións de produtores pesqueiros establecidas na lexislación vixente.

Artigo 3

O incumprimento de calquera das condicións que permitiron o seu recoñecemento, será causa de retirada deste.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar