Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2014 Páx. 5514

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da Comisión Paritaria do Convenio colectivo de residencias privadas da terceira idade.

Visto o acordo da Comisión Paritaria do Convenio colectivo de residencias privadas da terceira idade, polo que se acadaron diversos acordos subscritos na xuntanza do 8 de xaneiro de 2014, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e o depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

Acta da xuntanza da Comisión Paritaria
do Convenio colectivo de residencias privadas da
terceira idade

Santiago de Compostela, ás once horas do día oito de xaneiro de dous mil catorce, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as persoas abaixo sinaladas.

– Representación empresarial:

Natalia Zabaleta Rodríguez (Acolle).

Bernardo Dávila Fuertes (Acolle).

Antonio Molina Schmid (Acolle).

Lucía del Campo Redondo (Agarte).

Tamar Hidalgo González (Agarte-asesora).

José Manuel Pazos Seco (Agarte).

Eva María Jove González (Agarte).

José Antonio Patiño Amboage (Agarte).

– Representación social:

• CC.OO.

Ángel Cameselle Corbacho.

• UGT-Galicia.

Javier Martínez Fente.

Eliseo Rivas Pernas.

E acordan:

Primeiro. Constituír a Comisión Paritaria para a interpretación, aplicación e vixilancia do convenio colectivo indicado, composta por dous representantes de UGT e dous representantes de CC.OO., pola parte sindical, e tres representantes de Agarte e un representante de Acolle, pola parte empresarial. A secretaría da Comisión Paritaria correspóndelle a quen teña a presidencia de Agarte, con enderezo electrónico para efectos de notificacións administracion.coruna@losmnnolios.com. Os acordos desta comisión adoptaranse nos termos do artigo 89.3 do ET.

Segundo. En relación coa dúbida interpretativa respecto do artigo 34 do convenio colectivo en relación cos anexos 1 e II, esta comisión expón:

1. Establécese no convenio un incremento do 2,9 % para o ano 2013, do 0,3 % para 2014 e do 0,3 % para 2015.

2. Aquelas empresas que no momento da sinatura do convenio colectivo non estiveren aboando o 2,9 % de incremento salarial aboarán o 1,5 % de incremento en 2013, o 0,7 % en 2014 e o 0,7 % en 2015.

Terceiro. Realízanse as seguintes correccións de erros detectados no texto do convenio colectivo.

1. No anexo 1, no complemento de domingos dos grupos D e E, onde figura a cantidade de 8,30 €, deben figurar 8,43 €.

2. No primeiro parágrafo do artigo 43, a expresión «non inferior a catro meses nin superior a cinco meses» substitúese por «non inferior a catro meses nin superior a cinco anos».

3. No artigo 9, as referencias do penúltimo e último parágrafo ao artigo 39 deben realizarse ao artigo 40.

Cuarto. Respecto da consulta formulada sobre a interpretación do artigo 41 do convenio colectivo, esta comisión manifesta que o traballador ten dereito a dous días de permiso en caso de enfermidade grave ou intervención dos parentes a que se refire o propio artigo 41, que se pode ampliar ata sete días coa exixencia da necesidade dun desprazamento, valorarase esta ampliación en cada empresa en función das circunstancias de cada caso.

Quinto. Facúltase o persoal do Consello Galego de Relacións Laborais para os trámites de rexistro, depósito e publicación desta acta.

Non tendo máis asuntos que tratar, remata a reunión, ás doce trinta horas do día sinalado no encabezamento. Expídese para o efecto esta acta que asinan todos os asistentes, en proba de conformidade.