Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2014 Páx. 5519

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Epitrix spp (pulguiña da pataca), se establecen as zonas demarcadas e as medidas fitosanitarias para o seu control.

No ano 2012 publicouse a Decisión 2012/270/UE da Comisión, de 16 de maio de 2012, sobre medidas de emerxencia para evitar a introdución e propagación na Unión Europea de Epitrix cucumeris (Harris), Epitrix similaris (Gentner), Epitrix subcrinita (Lec.) e Epitrix tuberis (Gentner), e tendo en conta os seguintes antecedentes:

Primeiro. No ano 2009 sae publicado nun artigo de C. Boavida a detección de Epitrix similaris en Galicia, así como en varios puntos do territorio de Portugal. Por outra banda, este país notifica á Comisión a presenza de Epitrix cucumeris e Epitrix similaris no seu territorio.

Segundo. No ano 2010, con motivo destas deteccións e que nese momento o organismo Epitrix similaris estaba incluído na lista de alertas da EPPO, na Comunidade Autónoma de Galicia levouse a cabo unha inspección en plantacións de pataca, e detectouse este organismo en varias zonas, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Estas deteccións foron comunicadas aos organismos competentes en sanidade vexetal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Terceiro. Nos anos 2011 e 2012 continuouse facendo prospeccións para determinar a distribución e o alcance dos danos provocados por esta praga, e detectouse principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, sen chegar a causar danos importantes nas producións.

Cuarto. No ano 2013 a Comisión Europea, a través da Food and Veterinary Office (FVO), realizou unha auditoría para comprobar a distribución e as medidas de control da praga na Comunidade Autónoma, e emitiron un informe de resultados no cal se recorda que se trata dun organismo de corentena e que se debe tratar como tal, e presentan unha serie de recomendacións entre as cales se encontran a de establecer unhas zonas demarcadas amplas en que se leven a cabo as medidas establecidas na Decisión 2012/270/UE.

Por todo o anterior, cómpre declarar oficialmente a presenza da praga na Comunidade Autónoma de Galicia, establecer zonas demarcadas e adoptar as medidas encamiñadas á súa erradicación e control, así como evitar a súa dispersión; actuacións que se realizarán atendendo ás seguintes consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria é o órgano administrativo competente para ditar esta resolución, en virtude do disposto no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, que determina as competencias desta dirección xeral en materia de protección e control da sanidade vexetal.

2. O Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, sobre medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a terceiros países (BOE nº 19, do 22 de xaneiro) atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a execución das actividades relativas ás inspeccións en orixe, rexistro de produtores, pasaporte fitosanitario e controis fitosanitarios.

3. A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE nº 279, do 21 de novembro), establece nos seus artigos 18 e 50 as medidas fitosanitarias que as autoridades poden adoptar para o control e erradicación dos axentes patóxenos.

4. Cómpre acatar as medidas establecidas na Decisión 2012/270/UE da Comisión, do 16 de maio, sobre medidas de emerxencia para evitar a introdución e propagación na Unión de Epitrix cucumeris (Harris), Epitrix similaris (Gentner), Epitrix subcrinita (Lec.) e Epitrix tuberis (Gentner).

En virtude dos feitos indicados e da lexislación vixente,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a presenza da praga de corentena Epitrix spp. na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Establecer as seguintes zonas demarcadas dentro do territorio da Comunidade:

– Todo o territorio incluído nas provincias da Coruña e Pontevedra.

– A área incluída nun raio de 500 metros arredor das seguintes parcelas localizadas na provincia de Ourense:

• Concello: 62; polígono: 65; parcela: 11; recinto: 1. En Asneiros, Piñor de Cea.

• Concello: 26; polígono: 11; parcela: 356; recinto: 1. En Laias, Cenlle.

• Concello: 900; polígono: 8; parcela: 9000; recinto: 124. En Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.

Terceiro. Establécense as seguintes medidas para levar a cabo en todas as parcelas de produción dentro das zonas demarcadas:

– Vixilancia continua do cultivo para a detección precoz da presenza da praga.

– Desinfección da maquinaria despois de traballar nunha parcela posiblemente afectada.

– En caso de detección de síntomas da praga, aplicación de tratamentos fitosanitarios autorizados para o seu control.

– Retirada e destrución dos restos de cultivo despois da colleita.

– Eliminación das renacenzas de pataca de anos anteriores.

– Control das malas herbas que poidan ser hospedeiras da praga, tanto dentro da parcela de cultivo como nas beiras.

– Prohibición dos movementos de tubérculos de pataca fóra da zona demarcada.

– Os tubérculos destinados á comercialización deberán ir a un almacén rexistrado dentro da zona demarcada, no cal serán lavados ou cepillados e comercializaranse acompañados de pasaporte fitosanitario.

– Recoméndase que nos casos en que se detecten síntomas da praga se realice rotación de cultivos, de forma que non se cultiven plantas sensibles nesa parcela durante dous ou tres anos.

Cuarto. Todos os almacéns de pataca que queiran comercializar tubérculos procedentes de parcelas localizadas dentro das zonas demarcadas deberán estar inscritos no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais, e para a súa comercialización os tubérculos deberan ir acompañados dun pasaporte fitosanitario.

Para poder emitir pasaporte fitosanitario, antes da comercialización, deberán someter os tubérculos a un proceso de lavado ou cepilladura de forma que non quede máis dun 0,1 % de terra.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2014

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Produción Agropecuaria