Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2014 Páx. 3865

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 16 de xaneiro de 2014 pola que se amplía o prazo para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2013, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2014.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo de 2012, establece, no seu artigo 43.1 que, unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 5 de febreiro do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o dito decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios, a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, así como o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano en curso. A esta data límite do 5 de febreiro tamén fai referencia o artigo 58.6 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, para a presentación, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, da certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, e demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Debido á necesidade de actualización da aplicación informática posta en marcha o ano 2011, a través da cal todas as corporacións locais teñen que elaborar necesariamente os formularios para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2013, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2014, mediante o cal as corporacións locais solicitan o financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia, e dado que, previsiblemente, non vai ser posible que esta aplicación estea dispoñible coa antelación suficiente para que as corporacións locais poidan cubrir os datos referentes ao financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais dentro do prazo establecido do 5 de febreiro de 2014. Ademais, logo da experiencia dos exercicios anteriores, comprobouse que o prazo do 5 de febreiro establecido no dito Decreto 99/2012 é excesivamente curto para que as corporacións locais poidan achegar os datos requiridos e presentar no prazo procedente toda a documentación xustificativa.

Por todo o anterior, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do dito decreto e, en concreto, para o desenvolvemento mediante unha orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase o prazo para a presentación da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2013, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2014, ata o día 31 de marzo de 2014, incluído.

Disposición derradeira única

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar