Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2014 Páx. 3867

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2014 pola que se declara de interese galego a Fundación Diversia e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Diversia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

Primeiro. Con data do 16 de setembro de 2013 ten entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia solicitude presentada pola presidenta do padroado da Fundación Diversia, María Milagros Rey Pérez, para a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da citada fundación. Como consecuencia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza iniciou a tramitación do expediente para a súa clasificación como fundación de interese asistencial.

Segundo. A Fundación Diversia foi constituída en escritura pública outorgada en Ribeira o 30 de xullo de 2013, ante a notaria María Covadonga Vázquez López, co número de protocolo 691 pola Asociación Ámbar das persoas con diversidade funcional que actúa representada pola súa presidenta María Milagros Rey Pérez.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten obxecto velar pola dignidade e os dereitos humanos e civís das persoas con discapacidade, exercendo a tutela, curadoría e a asistencia social e educativa das persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial, así como o fomento do estudo, investigación, formación e divulgación en materia de discapacidade.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade do fundador, a dotación, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio e ámbito de actuación, o obxecto, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e a determinación dos beneficiarios, o goberno da fundación, réxime económico e a súa modificación, agregación ou extinción.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por María Milagros Rey Pérez como presidenta, José Antonio Chouza Romero e María Luisa Rodríguez Queiruga como vogais, figura tamén como secretaria non membro do padroado Rosana Olveira Sieira.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Diversia con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de outubro de 2013 (DOG nº 212, do 6 de novembro), clasificouse como de interese asistencial a Fundación Diversia, e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Diversia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Diversia polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Diversia, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Diversia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014

María Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar