Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2014 Páx. 3713

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 31 de decembro de 2013 pola que se modifica, no relativo ás anualidades, a Orde do 29 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca nun 75 %, e se convoca para o exercicio 2013 o devandito procedemento.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 20 de abril de 2013 (DOG núm. 89, do 10 de maio) establece as bases reguladoras e convoca para 2013 as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 75 %.

No artigo 3.7 da citada orde detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto nas anualidades 2013 e 2014 para o financiamento das ditas axudas, da seguinte forma: 5.000.000 de euros para a anualidade 2013 e 10.000.000 de euros para a anualidade 2014.

Tendo en conta as especiais circunstancias que dificultaron a tramitación destas axudas, o tempo transcorrido na tramitación para a aprobación das solicitudes de axuda e a imposibilidade dunha resolución para a totalidade dos expedientes con tempo suficiente para a xustificación dos investimentos por parte dos beneficiarios na anualidade 2013, faise necesario un reaxuste da dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas sen variar o importe total da orde.

En consecuencia e, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 3, punto 7, da Orde do 20 de abril de 2013, que establece as axudas para a transformación e comercialización de produtos da pesca convocadas para o ano 2013, que queda redactado como segue:

7. Para o ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2013, aprobado pola Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 15.000.000,00 de euros distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2013: 1.500.000,00 de euros.

– Anualidade 2014: 13.500.000,00 de euros.

Disposición adicional única

O reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 29 de abril.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar