Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2014 Páx. 3751

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación de solo de núcleo rural de Olveiroa-Olveiroa, do concello de Dumbría (A Coruña), ao abeiro da disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002.

O Concello de Dumbría solicita por segunda vez a aprobación definitiva do expediente referido, subscrito polos arquitectos Daniel Beiras García-Sabell e David Estany Garea, ao abeiro do establecido na disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Dumbría carece actualmente de planeamento xeral de ámbito municipal. Como planeamento aplicable están as normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña, aprobadas definitivamente pola Orde da COTOP do 3 de abril de 1991.

2. O Pleno do Concello aprobou inicialmente o expediente de delimitación do solo de núcleo rural do núcleo de Olveiroa o 30.4.2009. Sometido a información pública polo prazo dun mes (Diario Oficial de Galicia do 11 de maio, El Correo Gallego do 8 de maio e La Voz de Galicia do 10 de maio de 2009) non foron presentadas alegacións.

3. No expediente consta o informe do secretario do Concello do 28.4.2009.

4. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a proposta o 4.9.2009.

5. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu, o 9.12.2009, non outorgar a aprobación definitiva, sinalando unha serie de consideracións.

6. O Concello de Dumbría remite nova documentación, consistente en:

a) Proxecto con dilixencia da súa aprobación polo Pleno do Concello o 5.7.2013.

b) Informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia do 20.6.2012; e favorable, con condicións, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 26.2.2013.

c) Informes da Deputación Provincial da Coruña, en materia de estradas, con datas 19.4.2013 e 14.8.2013 (favorable).

d) Informes do secretario-interventor con datas 30.11.2012 e 2.7.2013.

e) 5 solicitudes de licenza presentadas no concello no lugar de Olveiroa.

f) Informe do equipo técnico redactor do proxecto, do 2.10.2013.

7. A nova proposta reduce a delimitación a 4,97 hectáreas que se categorizan como solo de núcleo rural histórico-tradicional, adaptando a delimitación do núcleo rural que non foi aprobada en 2009 ás modificacións da LOUG derivadas da Lei 2/2010, de medidas urxentes.

II. Análise e consideracións.

Vista a documentación remitida polo Concello, en relación co cumprimento da Resolución do 9 de decembro de 2009 e a adaptación do proxecto á Lei 2/2010; e vista a proposta literal emitida nesta mesma data pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

1. Identificación do núcleo nos censos e padróns oficiais (artigo 13.1 da LOUG e punto III.1 da resolución): o núcleo de Olveiroa figura no nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña, aprobado polo Decreto 189/2003, do 6 de febreiro (DOG do 25 de marzo), polo que cumpre as condicións para consideralo identificado e individualizado nos padróns oficiais.

2. Motivación (punto III.2 da resolución): preséntanse copias de 5 solicitudes de licenzas sobre parcelas que se inclúen no ámbito.

3. Tipo básico de núcleo segundo o artigo 13 da LOUG en redacción dada pola Lei 2/2010: o proxecto (punto 6 do texto) encadra o núcleo no tipo básico de histórico-tradicional, pola presenza de edificacións tradicionais e pola vinculación coa explotación dos recursos naturais.

4. Consolidación edificatoria do ámbito delimitado (artigo 13 da LOUG e punto III.3 da resolución): canto á acreditación dunha consolidación edificatoria do 50 % de acordo coa ordenación proposta, o proxecto opta polo método numérico da Instrución 4/2011 (DOG do 11 de maio), resultando un 91,88 %. Non se ten en conta que a determinación da parcela mínima non se fai só cun número (900 m2), senón que engade como edificables as parcelas existentes encravadas entre outras edificadas, o que minora o grao de consolidación efectivo, mais cumprindo o 50 %.

5. Distancia do límite proposto respecto das edificacións tradicionais do núcleo (artigo 13 da LOUG e punto III.4 da resolución): a delimitación inclúe as edificacións tradicionais do asentamento seguindo o parcelario e as pegadas físicas existentes e, como máximo, a 50 m das devanditas edificacións tradicionais.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural histórico tradicional de Olveiroa-Olveiroa, no concello de Dumbría.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, de ser o caso, calquera outro que estimen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

3. No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa. Poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file