Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 18 de decembro de 2013 Páx. 48516

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 12 de decembro de 2013 pola que se dita a normativa para autorizar a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2014.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúen á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, dispón que a Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes establecerá os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, e adoptará as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromizon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa a esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2014.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromizon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2014.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde son as pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións que a seguir se indican:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «Vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos ás augas ou entregados aos axentes que o soliciten todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento, deberán colaborar coa gardaría de Conservación da Natureza da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan a todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do día 1 de xaneiro ao 28 de marzo.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 1 de febreiro ao 25 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 10 de febreiro ata o 9 de maio.

O mesmo día que remate o período autorizado retiraranse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca (deberán levantarse as redes das pesqueiras) desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. Co obxecto de autorizar a actividade nas pesqueiras, os titulares destas presentarán a súa solicitude polos procedementos que seguen:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou o modelo de solicitude que figura no anexo II desta orde.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE cando non se autorice expresamente na solicitude a consulta dos datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Os titulares que presentan a solicitude por primeira vez, documento que acredite a titularidade das pesqueiras.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución que se dite pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, seguindo os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación ou directamente, segundo o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación.

Artigo 7. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregarase un cuestionario de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición da Gardaría de Conservación da Natureza. Unha vez rematada a temporada, será entregado no Servizo de Conservación da Natureza.

No caso de que traballe a pesqueira unha persoa distinta do seu titular, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra que está autorizado polo titular.

Artigo 8. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular. Se nun mesmo posto hai varios titulares responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file