Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 18 de decembro de 2013 Páx. 48505

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 12 de decembro de 2013 pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, para o ano 2014.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúen á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, establece que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establecerá os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, adoptando as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromizon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e as angulas ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Tea, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2014.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

É obxecto desta norma a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromizon marinus) nas augas do río Tea durante o ano 2014.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A zona de pesca é o tramo do río Tea comprendido entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira.

Artigo 3. Modalidade de pesca

Os medios autorizados para a pesca da lamprea no Tea son a estacada, a fisga (unha por pescador) e a luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en voadizo sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente.

Artigo 4. Características das estacadas

1. As estacadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Deberán ter acceso desde terra e en ningún caso a súa lonxitude máxima superará a metade do leito fluvial do río.

b) Un extremo apoiarase na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

c) Deberán estar debidamente numeradas e situadas, de conformidade co recollido no anexo I. A situación exacta será indicada polo persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Calquera cambio de lugar requirirá solicitude e autorización previa do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra. No caso de que os adxudicatarios de dúas estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente, solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

d) Calquera modificación da vexetación de ribeira axustarase ao disposto na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. No caso de que a suxeición da estacada a terra sexa ás árbores de ribeira, tomaranse as medidas necesarias para que as ditas árbores non resulten danadas.

e) As luces colocaranse en liña paralela á estacada de xeito que todo o tramo quede iluminado coa mesma intensidade. Prohíbense os focos ou similares.

f) Unha vez finalizado o réxime especial o día 30 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retiraren as estacadas e demais instalacións. Deberán deixar o contorno libre de lixo e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas na oficina do Distrito Ambiental de Ponteareas, na rúa Paseo Matutino, 25, 1º A-B ou no Servizo de Conservación da Natureza, na avenida Fernández Ladreda, 43, 2º en Pontevedra.

2. Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.

Artigo 5. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será desde o 20 de xaneiro ata o 30 de abril.

A pesca realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares.

2. Poderase pescar desde as 21.00 horas do día autorizado ata as 8.00 horas do día seguinte.

Prohíbese a pesca desde as 8.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Artigo 6. Solicitudes

1. As persoas interesadas poderán participar no sorteo público que efectuará o Servizo de Conservación da Natureza.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou o modelo de solicitude que figura no anexo II desta orde.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. En cada solicitude deberán figurar catro persoas. De se comprobar que o nome dunha persoa aparece reflectido en máis dunha solicitude, procederase á eliminación do dito pescador de todas as solicitudes en que apareza, e darase un prazo de 10 días aos restantes para cubrir o seu lugar cun novo solicitante.

4. Xunto coa solicitude presentarase copia do DNI ou NIE dos solicitantes cando non autoricen expresamente a consulta dos datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo III).

5. Non poderá participar no sorteo quen fose inhabilitado por incumprir o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2012 (DOG núm. 230, do 23 de decembro).

Artigo 7. Período de solicitude

O prazo para solicitar a participación no sorteo será de quince días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Sorteo

O sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación das estacadas terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 17 de xaneiro de 2014, ás 11.00 horas.

Cada solicitante elixirá a estacada despois de presentar o DNI/NIE, pola orde obtida no sorteo.

Non se poderá cambiar ningún posto despois da elección.

Unha vez finalizado o sorteo os pescadores adxudicatarios dun posto poderán comezar a instalar as estacadas respectando as condicións establecidas no artigo 4 desta orde.

Artigo 9. Permisos

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a tempada logo do pagamento do prezo público que corresponda e da presentación da licenza de pesca.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non sexa o seu propio, nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas, que deberán ser debidamente cubertos e estar sempre á disposición da Gardaría de Conservación da Natureza. Unha vez rematada a temporada de pesca, deberán ser entregados no prazo de 15 días. O cumprimento destes requisitos será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Artigo 10. Limitacións e prohibicións

Antes de iniciar a actividade, os pescadores deberán estar en posesión da licenza de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou escorrentar os peixes de xeito que se facilite a súa captura.

Así mesmo, prohíbese atar as fisgas a calquera tipo de cordel.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, polo que non poderán causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas nos labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión da licenza especial para embarcación (licenza clase E) e levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondese no sorteo. En ningún caso estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza revisará cada estacada e, cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

Do incumprimento destas condicións responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I

Estacadas do río Tea 2014

Lonxitude total: 12.412 metros.

Núm. estacada

Distancia (m)

Ponte do ferrocarril a 1

21

1 a 2

139

2 a 3

60

3 a 4

50

4 a 5

60

5 a 6

370 (ponte romana/ponte PO-412)

6 a 7

100

7 a 8

105

8 a 9

70

9 a 10

305

10 a 11

100

11 a 12

120

12 a 13

120

13 a 14

100

14 a 15

352

15 a 16

50

16 a 17

677

17 a 18

173

18 a 19

280 (ponte Cordeiro)

19 a 20

1.160

20 a 21

120

21 a 22

400

22 a 23

100

23 a 24

290

24 a 25

210

25 a 26

200

26 a 27

1.350

27 a 28

1.850

28 a 29

180

29 a 30

300 (ponte das Partidas)

30 a 31

100

31 a 32

100

32 a 33

100

33 a 34

590

34 a 35

100 (desembocadura Uma)

35 a 36

350

36 a 37

110

37 a 38

110

38 a 39

110

39 a 40

120

40 a 41

90

41 a 42

120

42 a 43

120

43 a 44

160

44 a 45

210

45 a 46

80

46 a 47

150

47 a 48

100

48 á praia da Moscadeira

120

missing image file
missing image file
missing image file