Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 18 de decembro de 2013 Páx. 48502

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de decembro de 2013 pola que se clasifica de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia a Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, con domicilio na rúa Cantón Grande núm. 21-23, A Coruña.

Feitos:

1. Jesús Navazo Ruiz, actuando en representación da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 3 de decembro de 2013, ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 1023, por Jesús Navazo Ruiz, actuando na súa condición de secretario da Comisión Xestora da Fundación, cargo para o cal foi designado por Resolución da conselleira de Facenda do 22 de xaneiro de 2013.

A través desta escritura materialízase a transformación da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo Ourense e Pontevedra en fundación de carácter especial, coa denominación de Fundación Especial Novacaixagalia Obra Social, de conformidade co disposto no artigo 6 do Real decreto lei 11/2010, do 9 de xullo, de órganos de goberno e outros aspectos do réxime xurídico das caixas de aforros, segundo a redacción dada pola disposición final décimo terceira, número tres, da Lei 9/2012, do 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito.

3. Segundo consta no artigo 5 dos estatutos, a Fundación ten por obxecto a atención e desenvolvemento da obra benéfico-social e a atención do Monte de Piedade que viña realizando a Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra. O mesmo artigo sinala como fins específicos da Fundación actuacións relativas á mellora do tecido produtivo galego, desenvolvemento tecnolóxico e investigación, formación profesional e empresarial, actividade emprendedora, fomento do emprego, educación en todos os niveis, servizos de asistencia social e sociosanitarios, integración de colectivos marxinais e en risco de exclusión, apoio á cultura e ao deporte base, investimento en benestar e cohesión social e actividade do Monte de Piedade.

4. Na escritura de constitución constan os fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado inicial.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia, da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Facenda, pola súa condición de fundación especial resultante da transformación da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra, así como por razón das materias que constitúen o obxecto fundacional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 10 de decembro de 2013.

DISPOÑO:

Clasificar de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia a Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Facenda.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza