Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46743

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (316/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 316/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Óscar Manuel del Campo Sánchez contra a empresa Galeconfort, S.L., Fondo de Garantía Salarial, Fogasa, sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

«Sentenza: nº 412/2013.

A Coruña, 4 de xullo de 2013.

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, estes autos de xuízo nº 316/2011 seguidos por instancia de Óscar Manuel del Campo Sánchez, representado polo letrado Sr. Pousa Merens, fronte a Galeconfort, S.L. e con intervención procesual do Fogasa, que non comparece, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda con entrada o día 24 de marzo de 2011 que correspondeu a este xulgado contra a demandada xa mencionada na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se condene a empresa ao aboamento ao demandante da cantidade de 5.061,57 euros.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, non comparecendo a demandada nin o Fogasa, malia a súa citación en legal forma. Ratificada a demanda, recibiuse o xuízo a proba e a parte propuxo interrogatorio de parte e documental e, logo de declaración de pertinencia, uníronse os documentos aos autos, co resultado que consta neles; a seguir, as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada desde o 24.8.2010 ao 17.2.2011 coa categoría profesional de oficial de 3ª e salario mensual de 1.419,13 euros con rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. A empresa debe ao demandante a cantidade de 5.061,57 euros, correspondente aos salarios de novembro de 2010 a febreiro de 2011, todo iso segundo o detalle que se recolle no feito terceiro da demanda, que se dá por reproducido.

Terceiro. Con data do 23 de marzo de 2011, tivo lugar a conciliación previa ante o SMAC, co resultado de intentada sen efecto, pois non compareceu a conciliada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación dos feitos despréndese da valoración conxunta da proba practicada en autos, para os efectos do artigo 97.2 da LPL/LRXS, e da documental achegada pola demandante, que comprende follas de salarios e sentenza de despedimento, sen prexuízo do que se expresa a seguir con relación á valoración probatoria.

Segundo. Neste procedemento a parte demandante exerce reclamación de cantidade correspondente a salarios e vacacións pendentes no momento da extinción da relación laboral, non tendo comparecido a empresa demandada, correctamente citada.

O principio regulador da carga da proba nos supostos de reclamación de pagamento de cantidades por salarios devindicados e non percibidos determina que o reclamante está obrigado a demostrar a prestación dos servizos cuxo pagamento reclama e, en consecuencia, a devindicación non satisfeita do salario correspondente a eles; e é ao demandado, se excepciona o pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo, a quen incumbirá a carga de probar ese pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo –sentenzas do Tribunal Supremo do 13 de maio de 1986, 26 de xaneiro de 1988 e 2 de marzo de 1992–. A aplicación do onus probandi –coa consecuente imposición ao traballador da carga de acreditar o orzamento constitutivo da súa pretensión– determina a necesidade de que o empregador demandado xustifique o aboamento efectivo das retribucións reclamadas.

Por isto, xa que corresponde ao empresario probar o pagamento dos salarios reclamados –feitos extintivos–, e o traballador logrou acreditar os feitos constitutivos da súa reclamación de cantidade, tendo en conta a documentación achegada e en aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da LPL/LRXS, ante a súa incomparecencia, e citación cos apercibimentos correspondentes, deben considerarse recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, antigüidade, salarios e demais cantidades devindicadas durante os últimos meses da súa relación laboral, como igualmente do mesmo modo a falta de aboamento pola parte demandada.

Consecuencia da proba articulada, no suposto de autos, acreditáronse nas actuacións os orzamentos constitutivos da obriga, todo o cal comporta as obrigas contidas nos artigos 4.2.f) e 29.1º e 53.4 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 122.3 da Lei reguladora da xurisdición social, correspondendo ao demandado a proba dos feitos que impidan, extingan ou enerven tales obrigas (artigos 217.3º e 281 da LAC). Se non se practicar esa proba, a demanda debe ser estimada, con obriga de aboamento das cantidades que se declararon probadas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda que en materia de cantidade interpuxo Óscar Manuel del Campo Sánchez fronte a Galeconfort, S.L., con intervención do Fogasa e, en consecuencia, debo condenar e condeno á demandada a que lle aboe á parte demandante a cantidade de 5.061,57 euros.

Advírtase o recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros do depósito especial indicado no artigo 229.1.a) da Lei reguladora da xurisdición social, na conta aberta na entidade Banesto, a nome deste xulgado, acreditando mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario por esa cantidade, en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista e incorporalo a este xulgado co anuncio do recurso.

En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de o anunciar.

Dedúzase testemuño literal desta sentenza, que quedará nestas actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Esténdoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que, na mesma data da sentenza, se deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e polas leis. Seguidamente, expídese testemuño da sentenza para a súa unión aos autos. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Galeconfort, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 12 de novembro de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial