Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 14 de novembro de 2013 Páx. 44299

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2013, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A existencia de postos vacantes no servizo de Gardacostas de Galicia e a necesidade da súa cobertura transitoria fai necesaria a elaboración de listas para o nomeamento de funcionarios interinos do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas, da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia poden desempeñar, entre outros, os postos de subinspectores, patróns, mecánicos e vixilantes-mariñeiros adscritos ao citado servizo, que constitúen a maior parte dos seus efectivos.

Para o desempeño de todos estes postos cómpre estar en posesión de titulación do nivel académico exixido para o ingreso no subgrupo C1.

Para o desempeño de postos de patróns, mecánicos e vixilantes-mariñeiros cómpre, ademais, estar en posesión das titulacións profesionais especificadas nas relacións de postos de traballo.

Coa finalidade de garantir que a selección de aspirantes se realice coa máxima axilidade, só serán chamados ao acto de selección de patróns, mecánicos e vixilantes-mariñeiros aqueles aspirantes que acrediten xunto coa súa solicitude de inscrición que están en posesión da titulación profesional requirida.

Polo exposto, de conformidade co Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG número 48, do 9 de marzo), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, esta dirección xeral acorda realizar a convocatoria para a elaboración das ditas listas, consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é a elaboración das listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a funcionarios do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas.

Segunda. Ámbito territorial

O ámbito territorial das listas será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira. Requisitos que deberán posuír os solicitantes

I. Requisitos para ser admitidas/os nas listas. Os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que for a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharelato, técnico superior ou equivalentes.

No caso de titulacións obtidas no extranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

4. Permiso de conducir. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da modalidade B.

5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

6. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios.

No caso de ser nacional doutro estado, non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

7. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo).

II. Requisitos para ser chamados a desempeñar interinamente postos de patróns, mecánicos ou mariñeiros. Os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, as respectivas titulacións profesionais establecidas nas relacións de postos de traballo:

a) Titulación profesional de patrón de pesca de altura ou patrón maior de cabotaxe ou calquera outra titulación naútica que teña atribucións profesionais de despacho de buques igual ou superior ás anteriores.

b) Titulación profesional de mecánico naval maior ou mecánico naval de primeira ou calquera outra titulación náutica que teña atribucións profesionais de despacho de buques con potencia motriz igual ou superior ás anteriores.

c) Titulación profesional de mariñeiro pescador ou certificado de competencia de mariñeiro ou equivalente.

Cuarta. Solicitudes

1. Os interesados/as en formaren parte das listas deberán presentar a instancia conforme o modelo que se encontra á súa disposición na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) na epígrafe «Listas de contratación», subepígrafe «Xeración de solicitudes».

2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e presentaranse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas Oficinas do Rexistro e Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 26 de novembro, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinta. Documentación

Xunto coa instancia deberá presentarse fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) DNI ou pasaporte.

Estarán exentos da presentación os interesados/as que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

b) Titulación académica requirida na alínea terceira I.3.

c) Permiso de conducir requirido na alínea terceira I.4.

d) Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

e) Titulación/s profesional/ais requiridas na alínea terceira II para o desempeño de postos de patróns mecánicos e vixilantes-mariñeiros.

f) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición.

Sexta. Taxas

1. De conformidade coa la Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, o importe das taxas que hai que aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 16,98 euros.

2. Están exentos do pagamento, de acordo co sinalado no artigo 23.5 da citada lei:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As personas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non perciban prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude, imprimirana e presentarana, antes da finalización do prazo fixado, xunto co orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo o suposto en que se encontren.

Discapacitados:

Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

a) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego ininterrompidamente, desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria.

b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non perciben prestación ou subsidio por desemprego.

3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento, poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto utilizarán os impresos que están á súa disposición no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas Oficinas do Rexistro e Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

Tamén poderán descargar o impreso na página web da Consellería de Facenda, epígrafe «Axencia Tributaria», premendo no ligazón «Taxas e prezos» no menú da marxe esquerda, epígrafe «confección on-line de impresos» e por último «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación dun xustificante do ingreso das taxas no cal non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data determinará a exclusión do/a solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

4. O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolverase, tras os trámites correspondentes, só aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguiente ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas definitivas.

Sétima. Orde de prelación

1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

3. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Oitava. Elaboración das listas

1. A Comisión Permanente Central prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición das listas provisionais e definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

2. As ditas listas, nas cales se indicará a puntuación obtida por cada candidato, poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas Oficinas Comarcais da Xunta de Galicia e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Novena. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Facenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 46 e 14.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2013

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública