Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 11 de novembro de 2013 Páx. 43903

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT Mudelos, no concello do Carballiño (expediente IN407A 2013/19-3).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado no 17 de setembro de 2012 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, así como as modificacións introducidas naquel polo anexo do 23 de agosto de 2013, que foi presentado o día 26 de setembro de 2013; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 2 de abril de 2013, da xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 26 de abril de 2013, no BOP de Ourense do 30 de abril de 2013, no xornal diario La Región do 17 de abril de 2013, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso foi presentada alegación polo titular do predio nº 1, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto; desta alegación, que se refire á petición de soterramento da modificación proxectada en aéreo para alimentación do CT de Paciños, así como que se atenda á mellora eléctrica deste núcleo, déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, coas modificacións introducidas polo citado anexo, que teñen un orzamento de 388.660,99 euros, son as seguintes:

Características técnicas:

• LMT subterránea a 20 kV de 1.596 m con condutor RHZ1-12/20 kV-3×150 Al, con orixe no PAS proxectado en apoio celosía existente da LMT CNO 804 CEA4 e remate no CT proxectado en Mudelos, de 160 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

• RBT aero-subterránea de 1.550 m en aéreo con condutor RZ, e 12 m en subterráneo con condutor XZ1, derivada do CT existente A Veiga (32A316).

• RBT aero-subterránea de 2.970 m en aéreo, con condutor RZ, e 770 m en subterráneo con conductor XZ1, derivada do CT proxectado Mudelos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Coas modificacións introducidas ao proxecto aténdense as alegacións presentadas pola CMVMC de Paciños, xa que se suprimen as actuacións en aéreo en media tensión ao realizar o entroncamento da LMTS proxectada en apoio anterior ao inicialmente previsto; ademais, no relativo ás reformas en baixa tensión no citado núcleo, estase a avaliar, como indica a propia empresa eléctrica na contestación de alegacións, a súa acometida mediante un proxecto xeral ou ben con actuacións puntuais que puideran executarse para manter a calidade na subministración.

Cuarto. O proxecto de execución, que recibiu informe de xeito favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 17 de outubro de 2013

P.S.L. (Decreto 110/2013, do 4 de xullo)
Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe do Servizo de Administración Industrial