Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 8 de novembro de 2013 Páx. 43686

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo.

O Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establece medidas para facilitar a reinserción laboral, así como axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo. A súa disposición adicional primeira habilitaba ás comunidades autónomas que asumiron o traspaso da xestión realizada polo Servizo Público de Emprego Estatal en materia de traballo, emprego e formación a ditar normas de procedemento e bases reguladoras para adaptar a concesión das axudas especiais á súa propia organización.

En virtude da citada habilitación, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4 de outubro de 2011, a Orde do 20 de setembro de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvención ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo.

Posteriormente, mediante o Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro, modificouse o Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establecendo unha axuda adicional á prevista neste para os traballadores, afectados polos expedientes de regulación de emprego citados, desempregados maiores de cincuenta e dous anos, para os exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola perda do nivel de cotización que puidesen sufrir tales traballadores como consecuencia da perda de emprego.

Mediante a presente orde procédese, polo tanto, á modificación da Orde do 20 de setembro de 2011, para os efectos de regular a dita axuda adicional e introducir algunha modificación procedemental destinada a clarificar e axilizar a tramitación dos expedientes de subvención.

Publicada xa no Diario Oficial de Galicia nº 85, do 3 de maio, a Resolución do 25 de abril de 2013 pola que se fai público o crédito destinada á concesión das axudas previstas para anualidade 2013, da axuda especial aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo, na presente orde establécese o importe do crédito destinado a financiar a axuda adicional derivada da subscrición do convenio especial coa Seguridade Social para a dita anualidade.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e emitidos os informes preceptivos na tramitación desta orde, por proposta de Dirección Xeral de Emprego e Formación e en uso das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación da Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvención ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo.

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 2, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 2. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios da subvención especial recollida nesta orde e poderán selo da cantidade adicional os traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, ou 25/2001, do 31 de xullo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter 52 ou máis anos.

b) Atoparse en desemprego e inscrito como demandante de emprego.

c) Non ter tido dereito ao gozo da prestación por desemprego de nivel contributivo ou, en caso de ter dereito a esta, tela esgotada».

Dous. Modifícase o artigo 3, que queda redactado da seguinte forma.

«Artigo 3. Contía e remuneración

1. A contía da subvención será de 3.000 euros anuais e os períodos inferiores ao ano ratearanse. No caso de traballadores que non puidesen ser recolocados nun prazo de 24 meses desde o comezo da percepción desta subvención, a contía da subvención será de 5.500 euros anuais.

Desde o 1 de xaneiro de 2012 e con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, estas contías actualizaranse, con respecto ás do ano anterior, na mesma porcentaxe en que varíe a contía do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

2. Así mesmo, os traballadores considerados no artigo anterior terán dereito a percibir a cantidade adicional establecida no artigo 5.bis do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, segundo modificación realizada polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro, para os exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola perda do nivel de cotización que puidesen sufrir eses traballadores como consecuencia da perda de emprego.

O importe desta cantidade adicional non poderá ser superior á contía que corresponda cotizar respecto á base de cotización do convenio especial a subscribir de acordo co disposto na letra b) do artigo 5.bis do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, segundo modificación realizada polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro.

A elección da base de cotización do convenio especial efectuarase de forma que non resulte superior ao 85 por cento do termo medio das bases de cotización, durante os doce meses anteriores ao cesamento no traballo, como consecuencia dos referidos expedientes de regulación de emprego, coas actualizacións ou incrementos que procedan, de acordo co disposto no artigo 6.2.1 da Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro. Para o caso de que existise obriga de cotizar polos beneficiarios de subsidios por desemprego, a base de cotización non será superior á diferenza entre a base que resultase da aplicación da dita porcentaxe e a base pola que cotice, en cada momento, o Servizo Público de Emprego Estatal á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. A subvención especial, así como a cantidade adicional, devindicarase desde que o traballador reúna os requisitos establecidos para cada suposto, retrotraendo os seus efectos como máximo, desde o día 28 de febreiro de 2010 e ata o día inmediato anterior a aquel en que cumpra a idade ordinaria de xubilación conforme o artigo 161.1.a) do texto refundido la Lei xeral da seguridade social, adquira a condición de pensionista de incapacidade permanente ou por xubilación de forma anticipada, conforme a normativa de seguridade social aplicable en cada caso, ou concorra calquera outra causa, das previstas nesta orde, de extinción ou suspensión desta subvención especial».

Tres. Engádese unha letra c) no punto 2 do artigo 6, polo que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 6. Cómputo de prazos. Vixencia da subvención

2. Non será de aplicación este prazo nestes supostos:

a) No suposto de suspensión do artigo 5, caso en que se poderá continuar a percepción da subvención, logo de solicitude do interesado.

b) Aos que, a data 27 de febreiro de 2012, reúnan os requisitos indicados no artigo 2, salvo a letra c) do número 1 deste, e estean a percibir a prestación contributiva por desemprego. Neste caso poderán ter dereito ao gozo da subvención a partir do día seguinte ao de extinción da citada prestación.

c) Para os exclusivos efectos do recoñecemento do dereito á cantidade adicional regulada no artigo 3.2, a que poderá recoñecerse durante o prazo previsto no artigo 3.3, dándose cumprimento ao establecido no Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro».

Catro. Modifícase o artigo 7, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas súas entidades. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico, ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que a continuación se relacionan:

a) Para o caso de solicitar a axuda especial, ademais do anexo I debidamente cuberto:

– Certificado expedido polo Servizo Público de Emprego Estatal, relativo ao recoñecemento e extinción por esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de non ter tido dereito á devandita prestación, certificado neste sentido expedido polo mesmo Servizo Público de Emprego Estatal.

– Certificado actualizado da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou autorización ao órgano xestor para o acceso a ela.

b) Para o caso de solicitar a cantidade adicional para o financiamento do convenio especial, ademais do anexo I-B debidamente cuberto:

– Resolución da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de concesión do convenio.

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de que a base de cotización subscrita no convenio especial non supero o máximo establecido no artigo 3.2 desta orde.

– Copia do convenio especial subscrito.

3. Forma parte de cada solicitude a declaración responsable relacionada cos seguintes aspectos:

a) O cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2 desta orde.

b) Non estar incurso ou incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Non estar incurso ou incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

4. A presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar ou revogar este consentimento, efectuando comunicación escrita en tal sentido. Neste suposto, deberán presentarse ademais certificados orixinais positivos da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Axencia Tributaria de Galicia e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de estar ao día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, cuxa validez deberá estenderse á data do pagamento da axuda.

5. Se do exame da solicitude se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei».

Cinco. Modifícase o artigo 11, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 11. Liquidación das axudas

Recoñecido o dereito á percepción da subvención, o pagamento producirase por períodos mensuais, sen prexuízo de que se liquide dunha soa vez o período transcorrido desde a xeración do dereito ata o seu recoñecemento.

Ao tratarse dunha subvención especial que se concede en atención á concorrencia dunha
determinada situación do perceptor, a xustificación consistirá na acreditación, de acordo co disposto nesta orde, da dita situación, previamente á resolución da concesión prevista no artigo 10 desta orde.

A xustificación da subvención en concepto de cantidade adicional realizarase mediante a presentación dos boletíns de cotización legalmente establecidos, acreditativos do pagamento mensual das cotas relativas ao convenio especial.

Corresponderá ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, o recoñecemento da obriga e a proposta de pagamento destas axudas».

Seis. Introdúcese un novo punto 4 na disposición adicional primeira, coa seguinte redacción:

«4. Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na directora xeral de Emprego e Formación para autorizar e redistribuír os créditos orzamentarios destinados ao financiamento das axudas previstas nesta orde».

Disposición adicional primeira. Referencias normativas

As referencias realizadas na Orde do 20 de setembro de 2011 á subvención enténdense realizadas tanto a subvención especial como á cantidade adicional establecida no artigo 5.bis
do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, segundo modificación realizada polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro.

Disposición adicional segunda. Financiamento e prazo para a presentación das solicitudes da cantidade adicional

O financiamento no exercicio 2013 da cantidade adicional prevista no artigo 3.2 efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, a través do crédito consignado na aplicación 11.03.322B.480.2, código de proxecto 2013 00 544, correspondente a fondos finalistas de carácter estatal, polo importe global de 199.878 euros.

As persoas beneficiarias que desexen solicitar esta cantidade adicional deberán formalizar a correspondentes solicitude (modelo anexo I-B TR361B), xunto coa documentación prevista no artigo 7.2.b).

O prazo para a presentación das solicitudes para o recoñecemento da cantidade adicional será de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file