Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 30 de outubro de 2013 Páx. 42537

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (1976/2011).

Tipo e nº de recurso: recurso suplicación 1976/2011 CRS.

Xulgado de orixe/autos: demanda 473/2010 Xulgado do Social número 2 de Ourense.

Recorrente/s: Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela, Luis Carlos de Sousa Ferreira.

Avogado: Antonio Valencia Fidalgo, Antonio Valencia Fidalgo.

Procurador/a:

Graduado/a social:

Recorrido: Allianz Compañía Seguros Reaseguros, S.A.

Avogado: César Alberto Outerelo González.

Procurador: Xulio López Valcárcel.

Recorrido: Movex Vial, S.L.

Avogado: Alberto Fresco González.

Procuradora: Carmen Belo González.

Recorrido/s: Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L.

Avogado: César Alberto Outerelo González.

Procurador: Xulio López Valcárcel.

Recorrido: AXA Seguros Generales, S.A.

Avogado: Alberto Ricardo Viejo Puga.

Procurador: Antonio Pardo Fabeiro.

Recorrido: Gagopiedra, S.L. DOG.

M. Asunción Barrio Calle, secretaria xudicial da Sección número 1 da Sala Segunda do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber:

Que no procedemento recurso suplicación 1976/2011 desta Sección, seguido por instancia de Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela, Luis Carlos de Sousa Ferreira contra a empresa AXA Seguros Generales, S.A. de Seguros y Reaseguros, Allianz, Compañía de Seguros y Reaseguros, S.A., Movex Vial, S.L. (agora Civis Global, S.L.), Gagopiedra, S.L., Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L., sobre outros dereitos seguridade social, se ditou a seguinte resolución:

Maxistrados/as:

Manuel Domínguez López

Isabel Olmos Parés

Jorge Hay Alba

Na Coruña, 26 de setembro de 2013

Tras ver e deliberar as presentes actuacións, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co prevido no artigo 117.1 da Constitución española,

En nome do rei e pola autoridade que lle confire o pobo español, ditou a seguinte

Sentenza

No recurso de suplicación 1976/2011, formalizado polo letrado Antonio Valencia Fidalgo, en nome e representación de Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela e Luis Carlos de Sousa Ferreira, contra a sentenza número 81/2011 ditada polo Xulgado do Social número 2 de Ourense no procedemento de demanda 473/2010, seguido por instancia de Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela e Luis Carlos de Sousa Ferreira fronte a AXA Seguros Generales, S.A. de Seguros y Reaseguros, Allianz, Compañía de Seguros y Reaseguros, S.A., Movex Vial, S.L. (agora Civis Global, S.L.), Gagopiedra, S.L., Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L., en que foi maxistrada relatora Isabel Olmos Parés.

Das actuacións dedúcense os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela e Luis Carlos de Sousa Ferreira presentaron demanda contra AXA Seguros Generales, S.A. de Seguros y Reaseguros, Allianz, Compañía de Seguros y Reaseguros, S.A., Movex Vial, S.L. (agora Civis Global, S.L.), Gagopiedra, S.L., Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L., que foi remitida para o seu coñecemento e axuizamento ao sinalado xulgado do Social, o cal ditou a sentenza número 81/2011, con data do 7 de febreiro de 2011, pola que se desestimou a demanda.

Segundo. Que na citada sentenza se declaran como feitos probados os seguintes:

Primeiro. Os demandantes Luis Carlos de Sousa Pereira e Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela prestaron servizos por conta e baixo a dependencia da empresa codemandada Gagopiedra, S.L., coas seguintes antigüidades, categorías profesionais e salarios mensuais, incluído o rateo das pagas extras:

– Luis Carlos de Sousa Ferreira, desde o 1.10.2004, categoría de oficial 1ª colocador e salario mensual de 1.572,94 euros.

– Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela, desde o 15.2.2005, categoría de peón ordinario e salario mensual de 1.152,04 euros.

Segundo. O día 13 de xuño de 2007, os demandantes encontrábanse prestando os seus servizos na obra «urbanización das fases 1 e 2 do polígono 1 do PERI 4 -Barreiros 2 do concello de Vigo, realizando tarefas de colocación do bordo da beirarrúa esquerda, obra para a que a empresa Gagopiedra, S.L. fora subcontratada pola demandada Movex-Vial, S.L.» Sobre as 16.00 horas, o traballador da empresa de Movex-Vial, S.L. Juan Fernández González Cayetano deixou estacionado o Dumper matrícula C-00175DX nunha vía da obra en costa, co motor apagado, o freo de man accionado e con carga de formigón. Nun momento dado, o Dumper comezou a esvarar costa abaixo pola vía e a uns 40 metros do lugar en que fora estacionado, atropelou os traballadores demandantes, os cales se encontraban nunha curva da vía colocando o bordo da beirarrúa, de costas ao Dumper.
A zona onde se produciu o accidente era un camiño de terra, cunha pendente ascendente en sentido desde a avda. Ramón Nieto cara ao lugar, firme de terra seco e limitado por beirarrúas de obra. O Dumper indicado é propiedade da empresa Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L., que fora alugado a Movex-Vial, S.L. O devandito Dumper está asegurado na compañía Allianz, S.A.

Terceiro. Como consecuencia do accidente o demandante Luis Carlos de Sousa Ferreira permaneceu en situación de I.T. derivada de accidente de traballo desde o 13.6.2007 ao 6.7.2007, despois de aboarlle a Mutua Universal a cantidade de 816,43 euros en concepto de prestación de I.T. A resultas do accidente ten as seguintes secuelas: «pequena hernia foraminal 1,5-S1 esquerda. Sufrimento radicular leve esquerdo».

Cuarto. Como consecuencia do accidente, o demandante Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela permaneceu en situación de I.T. derivada de accidente de traballo desde o 13.6.2007 ao 14.12.2007, despois de aboar a Mutua Universal as correspondentes prestacións de I.T. en contía de 4.990,92 euros. Permaneceu ingresado no hospital Povisa de Vigo desde o 13.6.2007 ao 11.7.2007. Mediante Resolución da D.P. do INSS do 5.5.2010, foi declarado afecto de incapacidade permanente total, derivada de accidente de traballo, con dereito á percepción de pensións en contía do 55 % da base reguladora mensual de 1.078,93 euros, con efectos do 3.5.2010, por padecer as seguintes lesións: «Traumatismo complexo en rexión pélvica con polifracturas. Espondiloartrose. Dor lumbar e de cadeiras».

Quinto. Como consecuencia do accidente tramitouse no Xulgado de Instrución número 5 de Vigo o xuízo de faltas n° 774/2008, en que se ditou sentenza absolutoria o 26.1.2009. Esta sentenza figura incorporada a autos, tendo aquí o seu íntegro contido por reproducido.

Sexto. Igualmente, como consecuencia do accidente, a Inspección de Traballo e Seguridade Social de Vigo levantou acta de infracción n° 1195/07 á empresa Movex-Vial S.L., propoñendo unha sanción de 2.046 euros. A devandita sanción foi confirmada mediante a Resolución da Consellería de Traballo do 11.11.2009.

Sétimo. Esgotouse a vía previa administrativa.

Terceiro. Que a parte dispositiva da indicada resolución é do teor literal seguinte:

Resolvo: que desestimando as demandas acumuladas interpostas por Luis Carlos de Sousa Ferreira e Manuel Fernando de Sousa Pinto Vilela contra Axa Seguros Generales Sociedad Anónima de Seguros y Reaseguros, Movex Vial, S.L., Allianz, S.A., Gagopiedra, S.L. e Xestión Alquileres Construcción Xealco, S.L., debo declarar e declaro que estas non proceden e, en consecuencia, absolvo os demandados das pretensións na súa contra esgrimidas.

Cuarto. Contra a devandita sentenza a parte demandante interpuxo recurso de suplicación, que foi impugnado de contrario. Elevados os autos a este tribunal, dispúxose o paso destes ao relator.

Fundamentos de dereito

Primeiro. A demanda de indemnización de danos e perdas que deu lugar ás presentes actuacións foi desestimada pola sentenza de instancia, que absolveu a todos os codemandados das pretensións deducidas na súa contra.

A representación procesual dos demandantes recorre en suplicación contra o devandito pronunciamento, construíndo o recurso de suplicación sobre a base dun primeiro e único motivo con abeiro no artigo 191 c) da LPL, isto é, para examinar a infracción de normas substantivas e da xurisprudencia. Este recurso de suplicación foi impugnado pola representación letrada da Cía. Allianz, S.A., pola empresa Movex Vial, S.L. e Axa Seguros Generales, Sociedad Anónima de Seguros y Reaseguros.

Segundo. Como dicimos, como primeiro e único motivo do recurso con abeiro no artigo 191.c) da LPL, invócase a infracción dos artigos 1101, 1902 e concordantes do Código civil en relación cos artigos 5, 14 e 17 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais; a parte C.7.b) e c) do anexo IV do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, e o artigo 1903 do Código civil en relación todos eles co artigo 76 da Lei 50/1980, do contrato de seguro, e coas pólizas de responsabilidade civil subscritas coas empresas e compañías aseguradoras demandadas.

Alégase que na produción do accidente interveu culpa, pois o Dumper que causou o atropelo dos demandantes foi estacionado cargado, en pendente e sen calzar as rodas, de modo que a empresa incumpriu a normativa sobre seguridade no traballo, como recolle a acta de infracción da Inspección de Traballo.

En efecto, a Inspección de Traballo levantou acta á empresa Movex Vial, S.L. e, entre outras infraccións, considerou que se incumprira o artigo 11.2º do Real decreto 1627/1997, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, que establece que «Os contratistas e os subcontratistas serán responsables da execución correcta das medidas preventivas fixadas no plan de seguridade e saúde no relativo ás obrigas que lles correspondan a eles directamente ou, se é o caso, aos traballadores autónomos por eles contratados.

Ademais, os contratistas e os subcontratistas responderán solidariamente das consecuencias que deriven do incumprimento das medidas previstas no plan, nos termos do número 2 do artigo 42 da Lei de prevención de riscos laborais».

Como pon de manifesto a acta de infracción, o Plan de seguridade e saúde laboral establecía como medida de seguridade a de calzar as rodas no caso de que o vehículo en cuestión estivese en pendente. Sobre este punto a xuíza afirma que non consta que a empresa non subministrase as calzas ou que non informase ou exixise o seu cumprimento, cando o relevante é simplemente o incumprimento da medida preventiva prevista no Plan de seguridade, incumprimento que recae directamente sobre o contratista e subcontratista por culpa in vigilando, de forma solidaria, salvo que se acredite culpa exclusiva das vítimas, que non é o caso, ou imprudencia temeraria do traballador que conducía o Dumper, o que debe ser rexeitado tamén dado que este accionou o freo e apagou o motor.

Ademais, a parte C do anexo IV da norma regulamentaria antes citada referido ás «Disposicións mínimas específicas relativas a postos de traballo nas obras no exterior dos locais» e no seu número 7, relativo a «Vehículos e maquinaria para movemento de terras e manipulación de materiais» dispón que:

a) Os vehículos e a maquinaria para movementos de terras e manipulación de materiais deberán axustarse ao disposto na súa normativa específica.

En todo caso, e a salvo de disposicións específicas da normativa citada, os vehículos e a maquinaria para movementos de terras e manipulación de materiais deberán satisfacer as condicións que se sinalan nos seguintes puntos desta epígrafe.

b) Todos os vehículos e toda a maquinaria para movementos de terras e para manipulación de materiais deberán:

1º. Estar ben proxectados e construídos, tendo en conta, na medida do posible, os principios da ergonomía.

2º. Manterse en bo estado de funcionamento.

3º Utilizarse correctamente.

c) Os condutores e persoal encargado de vehículos e maquinarias para movementos de terras e manipulación de materiais deberán recibir unha formación especial.

Pola súa banda, no Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, que establece as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipamentos de traballo, anexo II (disposicións relativas á utilización dos equipamentos de traballo) contén as condicións xerais de utilización dos equipamentos de traballo, e dispón no seu número 7 que «Os equipamentos de traballo deberán ser instalados e utilizados de forma que non poidan caer, envorcar ou desprazarse de forma incontrolada, poñendo en perigo a seguridade dos traballadores» e, no seu número 8, que «Os equipamentos de traballo non se deberán someter a sobrecargas, sobrepresións, velocidades ou tensións excesivas que poidan poñer en perigo a seguridade do traballador que os utiliza ou a de terceiros».

O anterior xustifica precisamente a inclusión dentro do Plan de seguridade da obra da medida preventiva que exixía calzar as rodas no caso de que o vehículo estivese en pendente, tanto máis canto estaba cargado. En definitiva, o incumprimento da medida preventiva debe recaer sobre a empresa Gagopiedra, S.L. e a empresa Movex Vial, S.L., en canto subcontratista e contratista respectivamente, que deben responder solidariamente dos danos causados por ese incumprimento das medidas de seguridade citadas, ben que a empresa Xealco queda exonerada de responsabilidade por canto é a propietaria do vehículo pero foi alugado á contratista en virtude de contrato de alugamento que prescribe expresamente que o arrendatario queda exonerado polo incumprimento das instrucións de seguridade, o uso indebido ou neglixente ou o incumprimento da Lei de prevención de riscos laborais e normativa legal aplicable, que é o que precisamente aconteceu no caso de autos. Do mesmo modo, absólvese a Compañía Allianz, que queda excluída da responsabilidade por tratarse dun feito alleo á circulación de vehículos de motor, ao se tratar dun feito acontecido dentro da obra, cando, ademais, o vehículo estaba estacionado e utilizado en tarefas industriais conforme se exclúe expresamente na póliza, que só cobre os danos causados na circulación do vehículo.

Terceiro. Polo que se refire á indemnización, a xurisprudencia estableceu desde antigo, malia que ningún precepto legal o diga expresamente, que a indemnización dos danos debe ir encamiñada a lograr a íntegra compensación destes, para proporcionar ao prexudicado a plena indemnidade polo acto danoso, isto é, o que en dereito romano se chamaba restitutio in integrum ou compensatio in integrum. Tamén foi reiterada a xurisprudencia ao entender que a función de valorar e cuantificar os danos por indemnizar é propia e soberana dos órganos xurisdicionais, entendéndose que tal función comprendía tanto a facultade de valorar o dano conforme a proba practicada (STS (IV) do 11.2.99 Rec. 2085/98), coma o deber de facelo de forma fundada, para evitar que a discrecionalidade se convertese en arbitrariedade. E así díxose que «que esa cuantificación dependía da valoración persoal do xulgador da instancia» e por iso «vedouse con carácter xeral a revisión do seu criterio por medio dun recurso extraordinario, salvo que se combatesen axeitadamente as bases en que se apoiase esta ou que se utilizasen as regras dun baremo, aplicación susceptible de revisión por ir referida á dunha norma», como apuntou o TS (I) nas súas sentenzas do 25 de marzo de 1991 e do 19 de xullo de 2006. Pero esa discrecionalidade, como se dixo, non se pode confundir coa arbitrariedade, xa que o xulgador, por imperativo do disposto nos artigos 24 e 120.3 da Constitución, 218 da Lei de axuizamento civil e 97.2 da Lei de procedemento laboral, e na Resolución 75.7 do Comité de Ministros do Consello de Europa do 14 de marzo de 1975 (principio xeral 1-3 do anexo), debe motivar suficientemente a súa decisión e resolver todas as cuestións formuladas, o que o obriga a razoar a valoración que fai do dano e a indemnización que recoñece polos diferentes prexuízos causados. Neste caso ningunha valoración realizou a xuíza de instancia ao se ter limitado a desestimar a demanda, de modo que é a Sala a que asume esa función en atención aos referidos criterios, o que supón que non se pode realizar unha valoración conxunta dos danos causados, senón que procede facer unha valoración vertebrada do total dos danos e perdas que se deben indemnizar, atribuíndo a cada un un valor determinado. Esa taxación estruturada é fundamental para outorgar unha tutela xudicial efectiva, pois á parte de que supón expresar as razóns polas cales se dá determinada indemnización total explicando os distintos conceptos e sumando todos os valorados, non deixa indefensas as partes para que poidan impugnar os criterios seguidos nesa fixación, por cando coñecerán os conceptos computados e en canto se taxaron. Unha valoración vertebrada requirirá diferenciar a taxación do dano biolóxico e fisiolóxico (o dano inferido á integridade física) da correspondente ás consecuencias persoais que este leva consigo (dano moral) e da que pertence ao dano patrimonial, separando por un lado o dano emerxente (os gastos soportados por causa do feito danoso) e por outro os derivados do lucro cesante (a perda de ingresos e de expectativas). Só así se dará cumprida resposta aos preceptos legais antes citados, como deriva da sentenza do Tribunal Constitucional núm. 78/1986, do 13 de xuño, onde se apunta que o principio de tutela xudicial efectiva require que na sentenza se fixen de forma pormenorizada os danos causados, os fundamentos legais que permiten establecelos, así como que se razoen os criterios empregados para calcular o quantum indemnizatorio do feito xulgado, requisitos que non se observaran no caso nela recollido, o que deu lugar a que se outorgase o amparo solicitado (STS do 17 de xullo de 2007, recurso nº 4367/2005).

En canto á aplicación do sistema (baremo) para a valoración de danos e perdas causados ás persoas en accidente de circulación que se estableceu pola adicional oitava da Lei 30/1995 e que hoxe se contén, como anexo, no Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, vén sendo aplicado con carácter orientador por moitos xulgados e tribunais do Social, de modo que non é obrigada a súa aplicación polos tribunais, máis aínda neste caso en que non constan como probadas circunstancias persoais dos traballadores lesionados, como sería a súa idade ou o capital custo da incapacidade permanente total recoñecida ao demandante Manuel Fernando, que impedirá a compensación por aplicación do principio da compensatio lucri cum damno, que foi aceptado pola Sala Cuarta na citada sentenza do 17 de xullo de 2007 (Recurso nº 4367/2005) e que o aplicou, entre outras, nas súas sentenzas do 30.9.1997 (Rec. 22/97), 2 de febreiro de 1998 (Rec. 124/97), 2 de outubro de 2000 (Rec. 2393/99), 10 de decembro de 1998 (Rec. 4078/97), 17 de febreiro de 1999 (Rec. 2085/98), 3 de xuño de 2003 (Rec. 3129/02) e 9 de febreiro de 2005 (Rec. 5398/03), 1 de xuño de 2005 (Rec. 1613/04) e 24 de abril de 2006 (Rec. 318/05), afirmando que o dano que se debe reparar é único e que as diferentes reclamacións para se resarcir del que poida exercitar o prexudicado, aínda que compatibles, non son independentes, senón complementarias e computables todas para establecer a contía total da indemnización, salvo a recarga dado o seu carácter sancionador.

Neste sentido, a xuíza de instancia declara probado, e non foi revisado polo recurso, que o traballador Luis Carlos de Sousa estivo de baixa desde o 13.6.2007 ao 6.7.2007, isto é, 24 días de baixa. E ademais, por eses días de baixa recibiu a cantidade de 816,43 euros da mutua. O seu salario era de 1.572,94 euros, de modo que o lucro cesante, isto é, o importe do que perdeu de gañar por estar de baixa é a diferenza, o que supón 441,84 euros. En canto ás secuelas de pequena hernia discal foraminal L5S1 esquerda e sufrimento radicular leve esquerdo, procede establecer unha indemnización de 15.000 euros.

Polo que se refire ao traballador Manuel Fernando de Sousa, estivo un total de 174 días de baixa, polos cales percibiu da Mutua a contía de 4.990,92 euros. Estivo ingresado no hospital desde o 13 de xuño ao 11 de xullo, un total de 28 días. O seu salario era de 1.152,04 euros ao mes ou 38,40 euros ao día, de modo que a diferenza (4.990,92 entre 174 días =28,68 euros) supón 9,72 euros ao día por 146 días (sen hospitalización), isto é, un total de 1.419,12 euros, e a iso sumarase, en relación cos 28 días de estadía hospitalaria, un 20 % máis, o que supón 326,59 euros; en total 1.745,71 euros.

Polas lesións consistentes en traumatismo complexo en rexión pélvica con polifracturas, espondiloartrose, dor lumbar e de cadeiras correspóndenlle 15.000 euros pero a eles sumaráselle un 50 % polo lucro cesante derivado da incapacidade permanente total pois, aínda que xa percibe unha renda substitutiva do salario, dentro do lucro cesante non só se indemniza a incapacidade laboral ou profesional senón tamén a incapacidade para outras actividades da vida, como sinalou a STS do 2 de outubro de 2007. En total, 22.500 euros. Por ambos os dous conceptos a cantidade total será de 24.245,71 euros, da cal responderán solidariamente, como se dixo, as empresas Gagopiedra, S.L. e Movex Vial, S.L. Respecto á Cía. AXA, deberá responder solidariamente coa súa asegurada ao non se tratar dun accidente de circulación cuberto co seguro obrigatorio de automóbiles, sen prexuízo da franquía de 1.500 euros da póliza (folio 213) máis o xuro do artigo 20.4º da Lei 50/1980, isto é, do 20 % desde a data do accidente.

Resolvemos

Que estimando en parte o recurso de suplicación interposto pola representación letrada dos demandantes, contra a sentenza do 7 de febreiro de 2011, ditada polo Xulgado do Social número 2 de Ourense, en proceso sobre danos e perdas promovido polos recorrentes, debemos revogar e revogamos a sentenza impugnada, condenando solidariamente as empresas Gagopiedra, S.L. e Movex Vial, S.L. a que indemnicen os demandantes por danos e perdas derivados do accidente de traballo nas seguintes cantidades: a Luis Carlos de Sousa, coa cantidade total de 15.441,84 euros e a Manuel Fernando de Sousa, coa cantidade total de 24.245,71 euros, incrementando a indemnización fixada nos xuros do 20 % respecto da Cía. AXA, e absolvendo a empresa Xealco, S.L. e a Cía. Allianz, S.A. das pretensións deducidas na súa contra.

Notifíquese esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, facéndolles saber que contra ela só cabe recurso de casación para unificación de doutrina, que se preparará por escrito ante esta Sala do Social, dentro dos dez días seguintes ao da notificación desta sentenza e de acordo co disposto nos artigos 218 e seguintes da Lei de xurisdición social. Se a recorrente non está exenta de depósito e consignación para recorrer, deberá ingresar:

– A cantidade obxecto de condena na c/c desta Sala no banco Banesto, nº 1552 0000 80 (nº recurso) (dúas últimas cifras do ano).

– O depósito de 600 euros na c/c desta Sala nº 1552 0000 37 (nº recurso) (dúas últimas cifras do ano).

Unha vez firme, expídase certificación para constancia na peza que se arquivará neste tribunal e incorpórese o orixinal ao correspondente libro de sentenzas, logo de devolución dos autos ao xulgado do Social de procedencia.

Así, por esta nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

E para que así conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que sirva de notificación en forma a Gagopiedra, S.L., con último domicilio coñecido na rúa Polvorín 2, Culleredo, A Coruña, coa advertencia de que as seguintes comunicacións se farán en estrados, salvo as que sexan auto ou sentenza ou cando se trate de emprazamento, expido e asino o presente edicto.

A Coruña, 26 de setembro de 2013

A secretaria xudicial