Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 30 de outubro de 2013 Páx. 42535

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de pediatra de Atención Primaria e farmacéutico de Atención Primaria.

Mediante resolucións da Dirección de Recursos Humanos do 4 de xuño de 2012 (DOG nº 113, do 14 de xuño) e do 21 de setembro de 2012 (DOG nº 186, do 28 de setembro) abríronse os prazos para a inscrición de aspirantes de diversas categorías sanitarias para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e, entre elas, as de pediatra de atención primaria e farmacéutico de atención primaria.

Nas devanditas resolucións prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 14.7.2012 e 31.10.2012, respectivamente, que cumpran os requisitos determinados nas resolucións citadas.

Mediante resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 25 de xaneiro de 2013 (DOG nº 24, do 4 de febreiro) e do 9 de abril de 2013 (DOG nº 79, do 24 de abril), respectivamente, publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as daquelas categorías.

Finalizado o prazo de emenda previsto nas resolucións indicadas, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías estatutarias de pediatra de Atención Primaria e de farmacéutico de Atención Primaria, iniciados polas resolucións do 4 de xuño de 2012 e do 21 de setembro de 2012, respectivamente.

Segundo. As listas definitivas de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e mais o número de orde acadados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Terceiro. De conformidade coa base oitava da Resolución do 4 de xuño de 2012 e décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

As persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola que se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos