Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 24 de outubro de 2013 Páx. 42096

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2013 pola que se publica a data a partir da cal deixarán de subministrarse os cartóns físicos de bingo e a data a partir da cal comezarán a subministrarse electronicamente.

A Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo, establece, por un lado, as características, o formato e o contido dos cartóns de bingo autorizados pola consellería competente en materia de xogo para o seu uso nas salas de bingo situadas en Galicia; por outro lado, as condicións xerais e o procedemento para a súa expedición e distribución e, por último, a creación do Censo electrónico de salas de bingo de Galicia e os aspectos relativos ao pagamento dos tributos que gravan o xogo do bingo e á presentación das autoliquidacións correspondentes. Na dita orde establécese a obrigatoriedade da solicitude electrónica dos cartóns e a obrigatoriedade de subministración electrónica destes por parte da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Non obstante, a orde prevé un período transitorio no cal seguirán subministrando cartóns da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) as delegacións da Atriga. Así, o parágrafo primeiro da disposición transitoria única da orde establece que a Dirección da Atriga determinará, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a data a partir da cal non se subministrarán cartóns de bingo da FNMT-RCM a través das delegacións da Atriga.

Por outra parte, a Orde do 28 de maio de 2013, no punto 2 da disposición transitoria única, establece que, mediante resolución da Dirección Xeral da Atriga, se determinará a data a partir da cal comezará a subministración electrónica dos cartóns para o xogo do bingo.

Tendo en conta as existencias de cartóns da FNMT-RCM nas delegacións da Atriga na data da sinatura desta resolución e, en uso da facultade atribuída á Dirección da Atriga pola disposición transitoria única, parágrafos 1 e 2 da Orde do 28 de maio de 2013,

RESOLVO:

Primeiro. Os cartóns para o desenvolvemento do xogo do bingo expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) seguirán subministrándoos as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) ata a fin das súas existencias, terán como data límite para a súa subministración o 3 de novembro de 2013, data a partir da cal eses cartóns físicos deixarán de subministrarse.

Segundo. Os cartóns para o desenvolvemento do bingo regulados na Orde do 28 de maio de 2013 comezará a subministralos electronicamente a Atriga o día 4 de novembro de 2013.

Terceiro. Durante a última semana de outubro subministraránselles electronicamente en modo proba cartóns aos titulares das salas que así o demanden a través da Oficina Virtual Tributaria. Estes cartóns virán identificados informaticamente e non poderán ser utilizados para o desenvolvemento do xogo do bingo.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2013

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia