Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 24 de setembro de 2013 Páx. 37750

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2013 pola que se amplía para os proxectos de carácter anual a data de execución e xustificación dos investimentos prevista na Resolución do 14 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos (Diario Oficial de Galicia núm. 95, do 21 de maio).

Antecedentes.

1. No artigo 2 da Resolución do 14 de maio de 2013 citada na cabeceira (en diante, bases reguladoras), relativo ás actuacións que se subvencionan, disponse que o período de execución dos investimentos comezará unha vez que se efectúe a solicitude de axuda ante esta entidade pública e rematará en función dos prazos previstos no artigo 21, podendo ter carácter bianual.

2. O parágrafo terceiro do devandito artigo 21 das bases reguladoras establece que o último día para presentar a documentación xustificativa do investimento será o 30 de se-tembro de 2013, excepto nos casos de execución bianual, nos cales se disporá ata o 30 de novembro de 2013 para xustificar, como mínimo, un 30 % do investimento elixible, e ata o 30 de novembro de 2014 para o resto do investimento.

3. Debido ao elevado número de solicitudes presentadas correctamente, así como á heteroxeneidade de proxectos propostos polos solicitantes acolléndose á posibilidade con cláusula aberta que ofrecen as bases reguladoras para os dous sectores empresariais subvencionados (cuarto suposto das letras a) e b) do artigo 5.1 das bases reguladoras), as fases de instrución e valoración dos expedientes demoráronse máis do previsto inicialmente, polo que os próximos e inminentes adxudicatarios das axudas con proxectos de execución anual terán unha estreita marxe de tempo para axustar a execución e xustificación dos investimentos á referida data do 30 de setembro de 2013.

Consideracións legais.

1. De acordo co artigo 11 das bases reguladoras correspóndelle ao director do Instituto Enerxético de Galicia ditar as diferentes resolucións que deriven do procedemento administrativo de concesión das subvencións.

2. O artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro (en diante, LRXPAC), permite a posibilidade de que a Administración competente, salvo precepto en contrario, poida conceder de oficio ou por pedimento dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade deste, se as circunstancias o aconsellan e tal medida non prexudica dereitos de terceiros. O acordo de ampliación ou prórroga deberá ser notificado aos interesados e producirse antes de que expire o prazo ou prazos de que se trate.

3. En termos similares, o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), admite a opción de ampliación de prazos no capítulo relativo á xustificación das subvencións, reiterándose que non excederá da metade do prazo previsto inicialmente sobre a base da duración do procedemento e sempre que as bases reguladoras non establezan o contrario.

Ao respecto, non hai precepto que exclúa a posibilidade de prórroga nas bases reguladoras e concorren as restantes condicións que se acaban de mencionar.

Por conseguinte, sobre a base dos antecedentes e consideracións legais expostos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Ampliar como data límite de execución dos investimentos e xustificación dos proxectos subvencionados de carácter anual ata o día 30 de novembro de 2013.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 LRXPAC, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia