Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 5 de setembro de 2013 Páx. 35349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade do Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a avinza realizada entre as comunidades veciñais de Cures e Mouzo e a comunidade de Pasantes en relación co linde común dos seus montes Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos e o monte Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba, do concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Cures e Mouzo (CVMC) e a CVMC de Pasantes, do concello de Vimianzo, en relación co seu linde común dos seus respectivos montes de Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos (expediente 160) e os montes Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369).

Antecedentes de feito.

Primeiro. As CVMC de Cures e CVMC de Pasantes, logo de acordo das súas asembleas xerais, realizan o 24.6.2010 unha acta notarial de protocolización da avinza entre ámbas as dúas comunidades respecto do linde común dos seus respectivos montes conforme o levantamento topográfico realizado para este fin segundo coordenadas UTM, e que quedan reflectidas no informe técnico do 24 de xuño de 2010 que se integra na dita acta.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, presenta un informe do 10.6.2013 en que indica que a avinza realizada é compatible coa definición de lindeiros das súas respectivas resolucións e coa indefinición cartográfica da representación gráfica que consta nos seus expedientes de clasificación. Segundo o informe, a liña estremeira común que abrangue a avinza transcorre entre os vértices 17, 16 e 15 do dito plano topográfico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta establece que, para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previsto no artigo 53, se publicarán no Diario Oficial de Galicia as resolucións do Xurado.

Segundo. Da documentación achegada coa avinza e do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña conclúese que esta é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, este xurado en atención ao disposto no artigo 53 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a avinza entre as CVMC de Cures e Mouzo e a CVMC de Pasantes en relación co seu linde común dos seus respectivos montes de Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos (expediente 160) e o monte Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369), nos termos indicados na acta notarial de protocolización do 24.6.2010 e segundo o plano topográfico achegado con ela e validado polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 10.6.2013.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña