Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 5 de setembro de 2013 Páx. 35351

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a avinza realizada entre as comunidades veciñais de Boa e a parroquia do Obre e lugar de Valbargos respecto do linde común dos seus montes Boa e San Lois, respectivamente, do concello de Noia.

Para os efectos previstos nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade a que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Boa e a CVMC da parroquia do Obre e lugar de Valbargos do concello de Noia respecto do linde común dos seus montes Boa e San Lois, respectivamente.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común presenta o 9.7.2013 un informe sobre a avinza entre as comunidades veciñais de Boa e da parroquia do Obre e lugar de Valbargos no que, en síntese, conclúe que os planos existentes nos correspondentes expedientes de clasificación dos montes Boa e San Lois no relativo aos seus lindes leste e oeste, respectivamente, só é útil a súa descrición dos lindeiros, sendo contraditorios nalgúns termos. A avinza presentada transcorre pola liña que une os vértices 114 ao 283 do plano de deslindamento do monte San Lois e Armada (CUP nº 190) de acordo co levantamento topográfico efectuado pola empresa RIGARPA e o Servizo de Montes (hai 7 vértices con coordenadas) e é compatible coa definición de lindeiros das súas resolucións de clasificación e coa indefinición cartográfica da súa representación gráfica que figura nos seus expedientes.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previsto nos artigos 53 e 54, deberán publicarase no Diario Oficial de Galicia as resolucións do Xurado.

Segundo. Da documentación achegada coa avinza presentada e do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre esta, constátase que a avinza entre as CVMC de Boa e a parroquia do Obre e lugar de Valbargos do concello de Noia é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, este xurado en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre as CVMC de Boa e da parroquia do Obre e lugar de Valbargos do concello de Noia respecto do seu linde común nos termos e segundo o plano topográfico achegado con ela e validado polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 9.7.2013.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña