Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 5 de setembro de 2013 Páx. 35353

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a avinza realizada entre as comunidades veciñais de Carballeiras e Vilar de Razo e a CVMC de San Martiño de Cances do concello de Carballo respecto do linde común dos seus montes Carballeiras e Vilar e Neme e Longo, respectivamente.

Para os efectos previstos nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade a que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Carballeiras e Vilar de Razo e a CVMC de San Martiño de Cances do concello de Carballo respecto do linde común dos seus montes Carballeiras e Vilar e Neme e Longo, respectivamente.

Antecedentes de feito.

Primeiro. As comunidades veciñais de Carballeiras e Vilar da parroquia de Razo e a comunidade de San Martiño de Cances da parroquia de Cances efectúan unha acta de protocolización notarial o 14.9.2009 sobre o acordo de deslindamento entre os seus respectivos montes Carballeiras e Vilar e monte Neme e Longo de Oza, no seu linde común.

Na acta notarial constan os acordos das asembleas xerais de ambas as dúas comunidades en que se aproba o deslinde topográfico realizado polo técnico competente o 20.11.2008, así como copia deste.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común realiza un informe o 5.7.2013 sobre esta avinza e o levantamento topográfico do seu linde común, afirmando, en síntese, que este é compatible coa definición de lindeiros das súas resolucións de clasificación respectivas e coa información gráfica do monte Carballeiras que figura no seu expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previsto nos artigos 53 e 54, deberán publicarase no Diario Oficial de Galicia as resolucións do Xurado.

Segundo. Da documentación achegada coas avinzas presentadas e do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre estas, conclúese que a avinza entre as CVMC de Carballeiras e Vilar de Cances e a CVMC de Neme e Longo de Razo son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre as CVMC de Carballeiras e Vilar de Cances e a CVMC de Neme e Longo de Razo do concello de Carballo respecto do seu linde común nos termos indicados e segundo os planos topográficos achegados con ela e protocolizados na acta notarial do 14.9.2009 e validados polo xefe de Area Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 5.7.2013.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña