Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 5 de setembro de 2013 Páx. 35355

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade do Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a adaptación do esbozo dos límites norte e oeste do monte veciñal de Caldebarcos e San Cibrao, da parroquia de San Mamede de Carnota (expediente 314).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coa revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Caldebarcos e San Cibrao, da parroquia de San Mamede de Carnota (expediente 314).

Antecedentes de feito.

Primeiro. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, presenta o 5.7.2013 un informe-proposta sobre a adaptación dos límites norte e oeste do monte veciñal de Caldebarcos e San Cibrao, declarado como veciñal por resolución deste xurado do 23.5.1995, ao estaren estas liñas estremeiras sen definir de forma precisa e de acordo coas novas técnicas topográficas no seu expediente de clasificación.

Segundo. Co informe presentado achégase, ademais do levantamento topográfico das ditas lindes, realizado por persoal do Servizo de Montes no ano 2007, a aprobación deste tanto pola Asemblea Xeral da comunidade propietaria do monte como polo concello de Carnota mediante acordo do Pleno do 23.11.2007, ao ser o titular do monte O Pindo (CUP nº 368) afectado polos lindes que se van definir. Así mesmo, indícase no informe que o levantamento topográfico presentado é totalmente compatible coa definición de lindeiros da resolución do Xurado de 1995 pola que se clasificaba como monte veciñal en man común o monte Caldebarcos e San Cibrao, e coa indefinición cartográfica da representación gráfica que constaba no expediente.

Terceiro. De acordo co dito levantamento topográfico do linde norte e oeste, a definición xa existente dos lindes sur e leste que se correspondían co deslindamento do monte CUP número 368 do monte Pindo xa definidos no expediente orixinal, o monte veciñal de Caldebarcos e San Cibrao da Comunidade de San Mamede de Carnota, ten a seguinte superficie e lindeiros:

Superficie: 306,74 ha.

Lindeiros:

Norte: parte do punto de confluencia entre a pista forestal que vai da Curra a Quilmas e a que se inicia en Vadebois (punto 5 do levantamento topográfico(1), LP) segue en liña recta na dirección N-L ata o pico de cota 426 (punto 4 do LP) e de aí ata o de cota 247 (punto 3 do LP).

Leste: desde o punto 3 do LP ata o punto 2, sito no Rego de Alba, baixa polo Rego de Alba ata o punto 1 do LP, e deste vai ata o vértice 73 do deslindamento do monte Pindo (DMP), número 368 do CUP, ata o vértice 226 do DMP, seguindo a orde de vértices.

Sur: desde o vértice 226 do DMP ata o 572 do DMP seguindo a orde crecente de vértices.

Oeste: desde o vértice 572 do DMP ata o punto 13 do LP deste ao punto 12 do LP (que cadra co vértice 494 do DMP), deste ata o punto 5 do LP seguindo a orde decrecente deles.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece un procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais que pola súa antigüidade no reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas.

Segundo. No parágrafo segundo da referida disposición décimo terceira establece que a Administración forestal pode realizar unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal, que remitirá ao Xurado para a súa aceptación.

Vista a proposta presentada polo Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar, analizada a documentación achegada con ela, este xurado en atención ao disposto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aceptar a revisión de esbozo presentada polo Servizo de Montes aos lindeiros norte e oeste do monte veciñal en man común de Caldebarcos e San Cibrao, de San Mamede de Carnota, segundo o informe presentado o 5.7.2013 polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña e a planimetría achegada, polo que queda identificado o monte coas características que se indican no antecedente terceiro desta resolución.

Segundo. Notificar esta proposta á comunidade propietaria, ao Concello de Carnota e publicala no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña