Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 5 de setembro de 2013 Páx. 35358

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade do Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre as avinzas realizadas entre as comunidades veciñais de Adraño, Cubelo e Vadebois, Parada e outros da parroquia de San Mamede, do concello de Carnota.

Para os efectos previstos nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coas avinzas entre as comunidades veciñais de Vadebois, Parada e outros e a CVMC de Cubelo respecto do linde común dos seus montes respectivos de San Mamede e de Abaixo e de Riba ou Pedrouzo; as CVMC de Adraño e CVMC de Cubelo respecto do linde común nos montes Adraño e de Abaixo e de Riba ou Pedrouzo, respectivamente; e a avinza entre a CVMC de Adraño e a CVMC de Vadebois, Parada e outros en relación ao seu linde común nos montes de Adraño e San Mamede.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, presenta un escrito o 12.6.2013 en que informa das avinzas realizadas polas seguintes comunidades veciñais:

• Avinza entre a CVMC de Vadebois, Parada e outros (tamén chamada CVMC de San Mamede) e a CVMC de Cubelo en relación co seu linde común nos montes de San Mamede (expediente 286) e de Abaixo e de Riba ou Pedrouzo (expediente 303), da parroquia de San Mamede, do concello de Carnota.

• Realizouse un levantamento topográfico do seu linde común, que foi aprobado polas respectivas asembleas xerais das comunidades veciñais e ademais levantouse acta notarial do dito acordo o 12.4.1996.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica, o linde entre ambos os dous montes transcorre entre os vértices 303 e 307.1 e as súas coordenadas defínense na acta notarial presentada e no plano do levantamento topográfico achegado con esta, e é compatible coa definición de lindes das súas resolucións de clasificación respectivas e coa indefinición cartográfica da súa representación gráfica que consta nos seus expedientes.

• Avinza entre a CVMC de Adraño e a CVMC de Cubelo en relación ao seu linde común nos montes de Adraño (expediente 285) e de Abaixo e de Riba ou Pedrouzo (expediente 303) da parroquia de San Mamede, do concello de Carnota.

Realizouse un levantamento topográfico do seu linde común (outubro de 2010), que foi aprobado polas respectivas asembleas xerais das comunidades veciñais.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica, o linde entre ambos os dous montes transcorre pola liña que une os vértices 4 e 28 do plano do levantamento topográfico e é compatible coa definición de lindes das súas resolucións de clasificación respectivas e coa indefinición cartográfica da súa representación gráfica que consta nos seus expedientes.

• Avinza entre a CVMC de Adraño e a CVMC de Vadebois, Parada e outros (tamén chamada CVMC de San Mamede) en relación co seu linde común nos montes de Adraño (expediente 285) e de San Mamede (expediente 286) da parroquia de San Mamede, do concello de Carnota.

Realizouse un levantamento topográfico do seu linde común, que foi aprobado polos respectivos presidentes das comunidades veciñais no acto de conciliación número 5/2012 ante o xulgado de Carnota o 18.12.2012.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica, o linde entre ambos os dous montes transcorre pola liña que une os vértices 0001 e 00025, e do vértice 00025 ao 00027 (este último é da liña que separa Adraño de Cubelo) do plano de levantamento topográfico, e é compatible coa definición de lindeiros das súas resolucións de clasificación respectivas e coa indefinición cartográfica da súa representación gráfica que consta nos seus expedientes.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta establece que, para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previsto no artigo 53, se publicarán no Diario Oficial de Galicia as resolucións do Xurado.

Segundo. Da documentación achegada coas avinzas presentadas e do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre estas, constátase que son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vistas as avinzas presentadas, a documentación achegada con estas e o informe do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, este xurado, en atención ao disposto no artigo 53 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar as avinzas descritas no antecedente primeiro e nos termos indicados e segundo os planos topográficos achegados con elas e validados polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, no seu informe do 12.6.2013.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña