Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 21 de agosto de 2013 Páx. 33663

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de agosto de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sanxenxo, no equipamento E-36E servizos municipais.

O Concello de Sanxenxo achega a modificación puntual número 3 do PXOM, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sanxenxo dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente o 27.2.2003.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI remitiu decisión de data 28.6.2012 sobre a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica da presente modificación puntual do PXOM.

3. Esta modificación puntual non precisou informe previo á aprobación inicial por encontrarse no suposto do artigo 93.4 da LOUG dado que se trata dunha modificación de planeamento que non implica a reclasificación de solo nin incremento da intensidade de uso nin altera os sistemas xerais previstos no PXOM.

4. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 29.10.2012. Foi sometida a información pública por un período de dous meses con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 13.11.2012, e no DOG nº 227, do 28.11.2012.

5. Constan no expediente administrativo a audiencia aos concellos limítrofes e os informes municipais técnicos do 8.8.2012, 15.11.2012, 26.3.2013 e 10.6.2013; xurídicos do 10.8.2012, 14.9.2012 e 10.6.2013; e de secretaría do 18.9.2012 e 14.6.2013.

6. Constan no expediente informes sectoriais de:

– A Axencia Galega de Infraestruturas do 28.1.2013.

– A Consellería del Medio Rural e do Mar do 14.2.2013.

– Augas de Galicia do 28.5.2013.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.6.2013.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Sanxenxo e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. A modificación puntual ten por finalidade a recualificación de dúas parcelas, sen modificar a súa clase de solo.

O PXOM preveu a localización dunha dotación local denominada E36E S. Servizos municipais nunha parcela da súa propiedade, no lugar de Contomil-Nantes, que por erro foi grafada na cartografía na parcela lindeira a esta que é de propiedade privada.

Esta modificación puntual propón unicamente o intercambio da categoría de equipamento entre a parcela privada e a pública, de forma que a parcela pública pasa de ser solo rústico de protección forestal a ser solo rústico ordinario e dotación local para equipamento de servizos técnicos, mentres que a parcela privada pasa de ser solo rústico ordinario coa categoría de equipamento local a ser solo rústico forestal.

2. A modificación proposta nesta modificación puntual nº 3 non implica reclasificación de solo nin incremento de intensidade de uso nin altera os sistemas xerais previstos no planeamento vixente.

3. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas nesta modificación puntual do PXOM en canto se formula para corrixir un erro gráfico que esclarece a situación real dunha dotación pública.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 do PXOM do Concello de Sanxenxo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas