Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 21 de agosto de 2013 Páx. 33660

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 17 de xullo de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadumia.

O Concello de Ribadumia achega a modificación puntual número 2 do PXOM, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Ribadumia dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente en data 13.3.2001.

I.2. Consta Decisión do 17.6.2011, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual número 2.

I.3. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 21.12.2011. Someteuse a información pública durante o prazo de dous meses, con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 21.1.2012; e no DOG do 19.1.2012, dándolles audiencia aos concellos limítrofes.

I.4. Constan informes municipais respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta, técnico do 1.8.2011 e de Secretaría do 28.7.2011.

I.5. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– Augas de Galicia, do 6.3.2012.

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Informe sobre telecomunicacións, do 15.3.2012.

– Oficio en que se comunica improcedencia de informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do 24.1.2012.

– Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI, do 12.3.2012.

- Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, do 29.3.2012.

- Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informe condicionado do 23.1.2013.

- Deputación de Pontevedra en materia de estradas, do 5.7.2013.

I.6. O Concello de Ribadumia, en sesión plenaria de data 24.5.2012, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 2 do PXOM; e en sesión do 7.3.2013 o documento corrixido de resultas do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Ribadumia e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. A modificación puntual número 2 de Ribadumia ten por obxecto a reclasificación como solo urbano dun ámbito de 132.214 m2, situado entre os solos urbanos de Barrantes e de Santa Eulalia, que está actualmente clasificado no PXOM como solo de núcleo rural.

II.2. A modificación puntual mantén a tipoloxía e densidade de edificación preexistentes entre os dous solos urbanos en toda a lonxitude da vía provincial PO-9305 que os une, abranguendo un fondo variable en función do límite do solo rústico con que linda, da estrutura parcelaria e dos camiños existentes; colmatando os espazos intersticiais do tecido edificado existente.

II.3. A cualificación do ámbito coas ordenanzas 1, 1.A e 3.2 non supón incremento de intensidade de uso. A ordenanza 1, xa existente no PXOM, é unha ordenanza de vivenda unifamiliar illada á cal o PXOM asignaba os solos urbanos dos tramos de certas estradas, entre elas a PO-9305, situados fóra do solo consolidado da vila de Ribadumia. A subzona 1A da ordenanza 1 permite o mantemento de usos non residenciais compatibles co residencial. E a ordenanza 3.2 é un novo grao da ordenanza 3 do PXOM, que recolle a tipoloxía de bloque multifamiliar en B+1, situada en diversas zonas na transición do núcleo consolidado cara á periferia. O novo grao 3.1 da ordenanza 3 aplicarase ás zonas grafadas como ordenanza 3 nos planos de ordenación do PXOM.

II.4. A modificación puntual xustifica o interese público, en atención ao artigo 94.1 da LOUG, toda vez que pretende mellorar a ordenación urbanística vixente, potenciando o eixe de conexión entre dous solos urbanos existentes, fortalecendo ambos asentamentos sen solución de continuidade, mantendo en xeral as tipoloxías do PXOM.

II.5. Respecto da liña límite de edificación, atenderase ao contido do informe da deputación provincial emitido ao respecto en data 5.7.2013.

II.6. Observouse un erro material na transcrición do artigo 147.4.A.7.a) do PXOM, onde pon «...del 25 m2», debe poñer «...de 125 m2», o que a prol da seguridade xurídica se corrixirá na publicación da normativa no BOP.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 95.2 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 44/2012, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 do PXOM do Concello de Ribadumia, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas