Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 14 de agosto de 2013 Páx. 33171

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN da Presidencia do Parlamento de Galicia, do 1 de agosto de 2013, pola que se convocan probas selectivas para a cobertura de dúas prazas, por promoción interna, do corpo de letrados do Parlamento de Galicia e pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2013 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia, entre as que se inclúe proceder á convocatoria de dúas prazas do corpo de letrados/as do Parlamento de Galicia mediante promoción interna, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu Estatuto de persoal, a Presidencia do Parlamento de Galicia, facendo uso da delegación de competencias conferida pola Mesa do Parlamento de Galicia mediante acordo do 13 de xullo de 2009 (BOPG núm. 48, do 13 de xullo de 2009), aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para a provisión das ditas prazas.

Bases

Primeira. Normas xerais

1.1. Características das prazas.

Convócase proceso selectivo para cubrir dúas prazas do corpo de letrados/as do Parlamento de Galicia, mediante o sistema de promoción interna prevista nos artigos 39 e 40 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, incluídas na relación de postos de traballo da Administración parlamentaria.

As prazas están dotadas coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2013.

A este proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e o disposto nesta convocatoria.

1.2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 35 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será, mediante promoción interna, o de concurso-oposición.

1.3. Incompatibilidades.

Os postos de traballo están sometidos ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

2.1. Xerais.

Para seren admitidos/as á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario/a de carreira aos corpos superior ou de xestión do Parlamento de Galicia e ter unha antigüidade neses corpos polo menos de dous anos.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado/a en Dereito ou grao de Dereito.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día de prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

Terceira. Solicitudes

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo que figura como anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións susceptibles da exención do pagamento ás que fai referencia esta convocatoria.

b) Declaración de que non se atopa separado/a a través de expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública nin inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) Documento xustificativo orixinal ou fotocopia debidamente compulsada de estar en posesión do nivel de Celga 4 ou de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, situado na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 40,74 euros, acreditarase achegando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Novagalicia Banco 2080-0388-21-3110000502, e indicarase nela o concepto «Dereitos de exame do proceso de selección de dúas prazas do corpo de letrados/as. DNI do/a solicitante ................................... ».

Aos/Ás aspirantes excluídos devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentos/as do pagamento das taxas dos dereitos de exame os/as aspirantes que estean incursos nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.4. Os/As aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relacións de admitidos/as e excluídos/as.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará resolución na que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación dos apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

Os/As aspirantes excluídos/as dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou a desestimación destas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Transcorrido o dito prazo, a Presidencia ditará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade ca a provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

A dita resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara, de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición deben atenderse os principios de imparcialidade e profesionalidade e o disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, limitándose estes/as asesores/as a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera interesado/a, e particularmente polos/as aspirantes, cando concorran algúns dos supostos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala ao que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da súa publicación, debendo, neste caso, comunicarllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto, e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou na prevista nestas bases.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal estenderase acta, coa sinatura do secretario ou da secretaria e o visto e prace do presidente ou da presidenta.

5.4. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados/as que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

6.1. Fase de oposición.

Os programas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo II a estas bases.

6.1.1. Exercicios.

a) Primeiro exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá en contestar por escrito, durante un tempo máximo de 60 minutos, un cuestionario de 50 preguntas tipo test con tres respostas alternativas, das que só unha será a correcta, proposto polo tribunal, relativo ao bloque I do temario. No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

Por cada resposta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta.

O primeiro exercicio cualificarase entre 0 e 10 puntos.

b) Segundo exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na elaboración, durante un tempo máximo de catro horas, dunha memoria ou informe de carácter xurídico, sobre unha cuestión xurídico-pública de índole parlamentaria, que elixirán os/as aspirantes entre dúas propostas polo tribunal, que, con base no contido dos bloques I e II do temario, verse sobre unha problemática habitual xurdida na Cámara das que ordinariamente se lle poidan suscitar a un letrado ou letrada do Parlamento de Galicia no exercicio das súas funcións.

Para a realización deste exercicio os/as aspirantes poderán utilizar textos legais e xurisprudenciais. Cada aspirante proverase dos seus propios textos, sen prexuízo das achegas por parte do tribunal das específicas normativas sectoriais, para o caso de que resulten necesarias.

O segundo exercicio cualificarase entre 0 e 10 puntos.

c) Terceiro exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na redacción dun ditame, informe ou comentario xurídico, durante un tempo máximo de catro horas, sobre un suposto ou expediente, que elixirán os/as aspirantes entre dous propostos polo tribunal, relativo á xestión administrativa da Administración parlamentaria, que se lle poida someter ordinariamente a un letrado ou letrada do Parlamento de Galicia, relacionado coas materias dos bloques III e IV do temario.

Para a realización deste exercicio os/as aspirantes poderán utilizar textos legais, xurisprudenciais e ditames de órganos consultivos. Cada aspirante proverase dos seus propios textos, sen prexuízo das achegas por parte do tribunal das específicas normativas sectoriais, para o caso de que resulten necesarias.

O terceiro exercicio cualificarase entre 0 e 10 puntos.

d) Cuarto exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na tradución do galego ao castelán e do castelán ao galego dun texto de carácter parlamentario.

Este exercicio cualificarase como apto/a ou non apto/a.

Están exentos da realización deste cuarto exercicio os/as aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou do curso de perfeccionamento de galego, ou equivalente coa correspondente validación expedida polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

e) Quinto exercicio. De carácter voluntario. Consistirá na tradución dun texto ou textos, propostos polo tribunal, dun ou máis idiomas oficiais da Unión Europea distintos do castelán dos solicitados polos/as aspirantes.

O quinto exercicio cualificarase entre 0 e 10 puntos.

O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web do Parlamento de Galicia, polo menos con corenta e oito horas de anticipación á sinalada para o seu inicio.

A presidenta ou o presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/das aspirantes, utilizando para iso impresos adecuados. O tribunal excluirá aqueles/as aspirantes cuxos exercicios presenten marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

Para superar a fase de oposición será preciso acadar polo menos un total de 15 puntos respecto dos exercicios de carácter obrigatorio e ter a cualificación de apto/a no cuarto exercicio, sen prexuízo do establecido nesta base respecto da súa exención.

Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar esta puntuación mínima.

6.1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase a partir de entón un prazo de dez días para que os/as aspirantes fagan ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas.

6.1.3. Os/As aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos/as do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

6.1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra presenza que a dos/das opositores/as, a dos membros do tribunal e a dos/das colaboradores/as designados/as por este.

6.1.5. Os/As aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

6.2. Fase de concurso.

Na fase de concurso, que só se aplicará a aqueles/as que superen a fase de oposición, valoraranse os seguintes méritos:

6.2.1. Experiencia profesional:

6.2.1.1.a) Polos servizos prestados na Administración parlamentaria en postos de traballo do grupo A ou B estando en posesión da licenciatura en Dereito: 0,04 puntos por mes ou fracción traballado.

6.2.1.1.b) Polos servizos prestados noutra administración pública en postos de traballo do grupo A ou B estando en posesión da licenciatura en Dereito: 0,02 puntos por mes ou fracción traballado.

A puntuación máxima desta alínea será de 6 puntos.

6.2.1.2. Polos servizos de avogacía prestados no sector público ou privado: 0,20 puntos por mes ou fracción traballado.

A puntuación máxima desta alínea será de 2,5 puntos.

6.2.1.3. Pola impartición de actividades formativas en facultades de Dereito, Económicas ou Ciencias Empresariais, ou en escolas públicas de formación, en materias xurídicas: 0,5 puntos por actividade impartida.

A puntuación máxima desta alínea será de 2 puntos.

6.2.2. Traballo desenvolvido, ata un máximo de 2 puntos.

Segundo o grao persoal consolidado, do seguinte xeito:

– Nivel 30: 2 puntos.

– Nivel 29: 1,70 puntos.

– Nivel 28: 1,40 puntos.

– Nivel 27: 1,10 puntos.

– Nivel 26: 0,80 puntos.

– Nivel 25: 0,50 puntos.

– Nivel 24: 0,20 puntos.

6.2.3. Formación profesional.

Pola realización de cursos de formación impartidos por universidades, administracións públicas, escolas oficiais de formación de funcionarios/as das administracións públicas ou por entidades privadas sempre que neste caso os cursos conten cunha homologación oficial, sobre materias relacionadas coa categoría profesional a que se opta, cursos de informática e de idiomas oficiais doutros países da Unión Europea, cos seguintes puntos:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

A puntuación máxima desta alínea será de 3 puntos.

6.2.4. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria, ata un máximo de 0,5 puntos.

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de familiares: 0,04 puntos/mes.

6.2.5. A puntuación máxima da fase de concurso será de 16 puntos.

6.2.6. Os méritos alegados nos puntos anteriores deberanse referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6.2.7. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade ao remate do prazo para presentar alegacións ás puntuacións da fase de oposición da base 6.1.2.

Os/As aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para efectuar ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

6.2.8. Os méritos aos que se refire o punto 6.2.1.1 deberán xuntarse á solicitude e acreditarse coa seguinte documentación, segundo modelo do anexo IV:

a) No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. No suposto de que tales servizos xa consten na Administración parlamentaria, poderán acreditarse coa certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Xunto co certificado achegarase a documentación acreditativa debidamente compulsada dos méritos nel reflectidos, entre a que se atopará o nomeamento como persoal funcionario, interino, contratado administrativo ou contratado laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nestes puntos ou que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

6.2.9. Os méritos a que se refire o punto 6.2.1.2 acreditaranse mediante documento expedido pola oficina, despacho ou entidade onde se prestasen os servizos.

6.2.10. Os méritos aos que se refire o punto 6.2.1.3 deberán xuntarse á solicitude e acreditaranse mediante documento acreditativo da universidade, centro ou escola pública correspondente.

6.2.11. Os méritos aos que se refire o punto 6.2.2 deberán xuntarse á solicitude e acreditaranse mediante copia compulsada do título ou diploma acreditativo.

6.2.12. Os méritos aos que se refire o punto 6.2.3 deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

7.1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se distribuirán en castelán aos/ás aspirantes que así o soliciten.

7.2. En calquera momento, os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa personalidade.

7.3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algún/algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia do/a interesado/a, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

7.4. Os/As aspirantes serán convocados/as para cada exercicio en único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza.

7.5. A publicación do anuncio de realización do segundo e sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal na páxina web do Parlamento de Galicia, con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados/as

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, o que será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento proposta en favor dos/das aspirantes que obtivesen a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous/dúas ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do/a aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso De persistir o empate, resolverase por orde alfabética segundo o sorteo que se efectuará, de ser o caso.

Novena. Presentación de documentos

9.1. Os/As aspirantes que superasen o proceso selectivo deberán presentar, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, e para o caso de que non conste na Administración parlamentaria, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.c) ou certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

9.2. Se dentro do prazo fixado, e agás os casos de forza maior libremente apreciados pola Oficialía Maior, os/as aspirantes non presentasen a documentación, ou do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderán ser nomeados/as letrados/as do Parlamento e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados os documentos aos que fai referencia a base anterior, logo de transcorrer o prazo de presentación de documentos, a Presidencia procederá ao nomeamento dos/das aspirantes que superasen o proceso selectivo como letrados/as do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberán prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia e as demais leis e tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo o artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2013

Pilar Rojo Noguera
Presidenta do Parlamento de Galicia

ANEXO II
Temario

BLOQUE I: DEREITO PARLAMENTARIO: O REGULAMENTO DO PARLAMENTO DE GALICIA

1. As fontes do dereito parlamentario galego. A Constitución. O Estatuto de autonomía de Galicia. O Regulamento do Parlamento de Galicia. Outras fontes.

2. A sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. A convocatoria e o desenvolvemento da sesión constitutiva.

3. A elección da Mesa do Parlamento de Galicia.

4. A cuestión idiomática no Parlamento de Galicia.

5. O estatuto dos/das parlamentarios/as galegos/as I. Adquisición da condición plena de deputado/a. A presentación da credencial. Declaración de incompatibilidades. Xuramento ou promesa.

6. O estatuto dos/das parlamentarios/as galegos/as II. Os dereitos dos/das deputados/as. Dereito de asistencia. Dereito a integrarse en comisións. Dereito de información. Dereitos económicos.

7. O estatuto dos/das parlamentarios/as galegos/as III. Os deberes dos/das deputados/as. Deber de asistencia. Deber de boa conduta. Deber de non prevalencia. Deber de realizar declaración de bens e actividades. Deber de observar as normas sobre incompatibilidades.

8. O estatuto dos/das parlamentarios/as galegos/as IV. As prerrogativas. A inviolabilidade. A inmunidade limitada. A salvagarda dos dereitos polo presidente ou presidenta da Cámara.

9. O estatuto dos/das parlamentarios/as galegos/as V. A suspensión dos/das deputados/as. A perda da condición do/da deputado/a.

10. A disciplina parlamentaria. As obrigas dos/das parlamentarios/as. As sancións de que poden ser obxecto.

11. Os grupos parlamentarios no dereito parlamentario galego I. Número mínimo de deputados/as. Límites legais á constitución dos grupos parlamentarios. Grupos parlamentarios non partidarios. Deputados/as asociados/as. Grupo mixto.

12. Os grupos parlamentarios no dereito parlamentario galego II. Dinámica dos grupos parlamentarios. Deputados/as incorporados/as. O abandono do grupo parlamentario. A disolución dun grupo parlamentario. A constitución de novos grupos parlamentarios.

13. Os grupos parlamentarios no dereito parlamentario galego III. Financiamento dos grupos parlamentarios. Igualdade de dereitos dos grupos parlamentarios.

14. Os órganos de goberno I. A Mesa: definición. Composición e funcionamento. Funcións normativas. Funcións administrativas. Funcións cualificativas. Funcións organizativas. Funcións residuais.

15. Os órganos de goberno II. A Presidencia. Funcións xerais. Funcións residuais. O réxime de suplencia.

16. Os órganos de goberno III. A Xunta de Portavoces. Composición. Funcionamento. Funcións.

17. As comisións parlamentarias na Cámara galega I. Composición. Estrutura. Réxime de funcionamento. Convocatoria. Constitución. Competencias. Duración dos traballos.

18. As comisións parlamentarias na Cámara galega II. Tipoloxía. As comisión permanentes lexislativas.

19. As comisións parlamentarias na Cámara galega III As comisión permanentes non lexislativas.

20. As comisións parlamentarias na Cámara galega IV. As comisións especiais.

21. As sesións parlamentarias na Cámara galega I. Pleno. Convocatoria. A publicidade plenaria. A fe pública das sesións plenarias.

22. As sesións parlamentarias na Cámara galega II. A Deputación Permanente. Funcións. Composición. A dación de contas.

23. A deliberación e os acordos parlamentarios I. A fixación da orde do día. Alteración da orde do día. Os debates. As alusións. As chamadas ao cumprimento do Regulamento. O dereito de réplica. As facultades moderadoras da Presidencia.

24. A deliberación e os acordos parlamentarios II. Tipos de intervención. Duración das intervención e a súa fixación. Orde das intervencións.

25. A deliberación e os acordos parlamentarios III. As votacións. O quórum legal. O desenvolvemento das votacións. Clases. Os empates. A explicación do voto.

26. A orde parlamentaria nos debates. A chamada á orde. As chamadas á cuestión. Definición. Sanción.

27. A orde no recinto parlamentario. Principio xeral. Ámbito do poder disciplinario. Poderes de policía nas sesións. A orde nas tribunas. Condutas punibles. Medidas adoptables.

28. A Xunta de Galicia como destinataria da confianza parlamentaria I: a investidura. Concepto. Substanciación.

29. A Xunta de Galicia como destinataria da confianza parlamentaria II: a moción de censura. Concepto. Substanciación.

30. A Xunta de Galicia como destinataria da confianza parlamentaria III: a cuestión de confianza. Concepto. Procedemento. Votación.

31. O procedemento lexislativo ordinario no Parlamento de Galicia I. A iniciativa lexislativa. A tramitación inicial dos proxectos de lei. Os requisitos da exposición de motivos e antecedentes. A actuación da Mesa. Presentación das emendas. O debate de totalidade.

32. O procedemento lexislativo ordinario no Parlamento de Galicia II. A tramitación inicial das proposicións de lei. Os antecedentes das proposicións de lei. A actuación da Mesa. O debate de toma en consideración. A presentación das emendas.

33. O procedemento lexislativo ordinario no Parlamento de Galicia III. A substanciación común dos textos lexislativos. A redacción do informe de ponencia. A elaboración do ditame de comisión. A segunda lectura plenaria. Obxecto do debate. Desenvolvemento do debate. Falta de redacción harmónica: a terceira lectura plenaria.

34. Os procedementos lexislativos especiais I. As leis de desenvolvemento básico do Estatuto de autonomía. A iniciativa. O procedemento.

35. Os procedementos lexislativos especiais II. A reforma do Estatuto de Galicia.

36. Os procedementos lexislativos especiais III. A lei orzamentaria anual. Marco de tramitación. Debate e aprobación.

37. Os procedementos lexislativos especiais IV. A competencia lexislativa plena das comisións. Iniciativa. Substanciación. Aprobación.

38. Os procedementos lexislativos especiais V. A tramitación dun proxecto de lei en lectura única. Substanciación. Aprobación.

39. Os procedementos lexislativos especiais VI. A proposición e solicitude de proxectos para a aprobación das leis estatais.

40. A Xunta ante o Parlamento: as comunicación da Xunta de Galicia. Exame de programas e plans. Información da Xunta de Galicia. En comisión. En pleno.

41. A Xunta ante o Parlamento: o control das disposicións da Xunta de Galicia con forza de lei. A delegación lexislativa na Comunidade Autónoma de Galicia. Procedemento.

42. Instrumentos de impulso político: as proposicións non de lei. Concepto. Suxeitos. Obxecto. Procedemento. A cualificación pola Mesa do Parlamento. Emendas. Inclusión na orde do día. Debate.

43. A actividade rogatoria e de impulso no Parlamento de Galicia I. As interpelacións. Suxeitos. Procedemento. Decaemento.

44. A actividade rogatoria e de impulso no Parlamento de Galicia II. As mocións. Definición. Suxeitos. Procedemento.

45. A actividade rogatoria e de impulso no Parlamento de Galicia III. As preguntas. Suxeitos. Procedemento. Tipos: orais en Pleno, orais en comisión, escritas.

BLOQUE II: DEREITO CONSTITUCIONAL E AUTONÓMICO

1. A Constitución española de 1978. A Constitución como norma xurídica.

2. Os valores superiores. Os principios constitucionais. O Estado español como Estado social e democrático de dereito.

3. Os dereitos e as liberdades públicas. Especial consideración do dereito de participación e de acceso ás funcións públicas.

4. Os sistemas de protección dos dereitos e liberdades no ordenamento constitucional español. O recurso de amparo: procedemento e ámbito.

5. A Coroa. Sucesión e rexencia. As atribucións do rei.

6. As Cortes Xerais: o Congreso e o Senado.

7. A organización das cámaras. O presidente ou presidenta. A Mesa. A Xunta de Portavoces. Os grupos parlamentarios. Os órganos de produción parlamentaria. O pleno e as comisións.

8. As funcións das Cortes Xerais. A función lexislativa. As funcións económicas. As funcións de control político.

9. A autonomía das cámaras e o dereito parlamentario.

10. Os regulamentos parlamentarios.

11. O funcionamento das cámaras. Constitución, renovación e disolución.

12. O Goberno. A súa regulación constitucional. Organización, estrutura e función do Goberno.

13. Goberno e administración: control dos actos políticos.

14. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

15. A defensa da Constitución. O Tribunal Constitucional: composición, estrutura e funcionamento. As competencias do Tribunal Constitucional.

16. O recurso de inconstitucionalidade e a cuestión de inconstitucionalidade.

17. A reforma da Constitución. Procedemento de reforma: iniciativa, elaboración, exame e adopción definitiva da reforma. Os límites á reforma da Constitución española.

18. A lei. O procedemento de elaboración. Os actos con forza de lei: os decretos lexislativos e os decretos lei.

19. As leis orgánicas. O concepto de lei orgánica e a súa posición no sistema de fontes.

20. A autonomía galega. O Estatuto de autonomía de Galicia. O estatuto como norma autonómica e como norma do Estado. Estrutura e contido.

21. Bases fundamentais da autonomía galega. O territorio. Os símbolos. O recoñecemento da galeguidade. A condición de galego/a.

22. Os dereitos dos/das cidadáns/ás galegos/as e as súas garantías. Os dereitos lingüísticos dos/das cidadáns/ás galegos/as.

23. Organización política da Comunidade Autónoma de Galicia. As institucións de autogoberno de Galicia.

24. O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia. A Xunta de Galicia e a súa presidencia. Composición. Competencias.

25. Participación da Comunidade Autónoma na composición do Tribunal Constitucional.

26. Os/As senadores/as representantes da Comunidade Autónoma de Galicia no Senado.

27. O Valedor do Pobo. Competencias e funcións. A súa relación co Parlamento de Galicia.

28. O Consello de Contas. Competencias e funcións. A súa relación co Parlamento de Galicia.

29. As relacións de outras institucións e órganos de Galicia co Parlamento de Galicia.

30. A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE). Organización e funcionamento.

31. A Conferencia de Presidentes/as de Parlamentos Autonómicos do Estado Español (Coprepa). Organización e funcionamento.

32. A técnica lexislativa. Directrices de aplicación.

33. A normativa autonómica do traballo en igualdade en Galicia.

BLOQUE III: A ADMINISTRACIÓN PARLAMENTARIA. ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO

A. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

1. A autonomía administrativa do Parlamento de Galicia.

2. A estrutura orgánica da Administración parlamentaria. As súas unidades administrativas.

3. Os órganos da Administración parlamentaria: a Mesa do Parlamento.

4. Os órganos da Administración parlamentaria: a Presidencia. O Gabinete da Presidencia.

5. Os órganos da Administración parlamentaria: a Oficialía Maior. Estrutura e competencias.

6. As direccións da Administración parlamentaria. Estruturas e competencias.

7. Os órganos de control e fiscalización da actividade económico-financeira parlamentaria.

8. Réxime xurídico administrativo. Réxime xurídico das disposicións e dos actos administrativos.

9. O procedemento administrativo na Administración parlamentaria.

10. Réxime xurídico dos bens da Administración parlamentaria.

B. Réxime xurídico do persoal da Administración parlamentaria.

11. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria. Obxecto e ámbito de aplicación. Órganos de persoal.

12. O persoal funcionario de carreira. O persoal de carácter temporal. O persoal eventual.

13. O comezo da relación do servizo: a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira.

14. A extinción da relación de servizo: a renuncia. Os distintos tipos de xubilación. Outras causas. A rehabilitación da condición de funcionario/a.

15. A planificación e ordenación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia. As ofertas de emprego público e as relacións de postos de traballo.

16. Clasificacións profesionais. Grupos. Corpos. Escalas.

17. Os sistemas de provisión de postos. Desempeño dos postos de traballo. As comisións de servizo. A mobilidade entre administracións públicas.

18. O acceso ao emprego público. Principios reitores. Requisitos de admisión. Procedemento de selección.

19. A carreira e a promoción profesional do persoal. A avaliación do desempeño.

20. A formación e perfeccionamento do persoal.

21. As situacións administrativas. Clases. Efectos.

22. O sistema retributivo do persoal.

23. Réxime das vacacións, licenzas e permisos.

24. A representación, participación e negociación colectiva e o dereito de reunión.

25. Os dereitos e deberes do persoal funcionario.

26. O réxime disciplinario do persoal da Administración parlamentaria.

BLOQUE IV: A CONTRATACIÓN ADMINISTRATIVA NA ADMINISTRACIÓN PARLAMENTARIA

1. A contratación administrativa na Administración parlamentaria. Réxime xurídico.

2. Os principios xurídicos da contratación pública.

3. Os contratos de obras. Limiares e réxime aplicable.

4. Os contratos de subministración. Limiares e réxime aplicable.

5. Os contratos de servizos. Limiares e réxime aplicable.

6. A contratación electrónica.

7. O contido, a perfección e a forma dos contratos.

8. O réxime de invalidez dos contratos.

9. Os órganos de contratación da Administración parlamentaria.

10. A capacidade e solvencia do empresario.

11. As unións temporais de empresas.

12. As mesas de contratación na Administración parlamentaria. Composición e funcións.

13. Obxecto, prazos e contía dos contratos. O sistema de revisión de prezos.

14. Garantías exixibles na contratación celebrada coa Administración parlamentaria.

15. Clases de tramitación. Tramitación ordinaria. Tramitación urxente. Tramitación de emerxencia.

16. Os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas. Contidos e regras de definición. A súa aprobación.

17. A selección do/da contratista e a aplicación dos criterios.

18. A adxudicación dos contratos.

19. O procedemento aberto. Caracterización e supostos de aplicación.

20. O procedemento restrinxido. Caracterización e supostos de aplicación.

21. O procedemento negociado. Caracterización e supostos de aplicación.

22. A formalización dos contratos.

23. Efectos dos contratos. Vinculación contractual.

24. As prerrogativas da Administración parlamentaria na contratación administrativa.

25. A execución dos contratos. O principio de risco e ventura. Réxime e consecuencias da execución defectuosa.

26. O réxime de modificación e suspensión dos contratos.

27. A extinción dos contratos. Causas de resolución e os seus efectos.

28. Órganos consultivos da contratación administrativa.

29. O Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file