Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 14 de agosto de 2013 Páx. 33153

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN da Presidencia do Parlamento de Galicia, do 1 de agosto de 2013, pola que se convocan probas selectivas para a cobertura dunha praza, por promoción interna, do corpo de xestión do Parlamento de Galicia e pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2013 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia, entre as que se inclúe proceder á convocatoria dunha praza do corpo de xestión do Parlamento de Galicia mediante promoción interna, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu Estatuto de persoal, a Presidencia do Parlamento de Galicia, facendo uso da delegación de competencias conferida pola Mesa do Parlamento de Galicia mediante acordo do 13 de xullo de 2009 (BOG núm. 48, do 13 de xullo), aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para a provisión da dita praza.

Bases

Primeira. Normas xerais

1.1 Características da praza.

Convócase proceso selectivo para cubrir unha praza, mediante promoción interna, do corpo de xestión do Parlamento de Galicia, grupo B, incluída na relación de postos de traballo da Administración parlamentaria.

A praza está dotada coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2013.

A este proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e o disposto nesta convocatoria.

1.2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 35 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será, mediante promoción interna, o de concurso-oposición.

1.3. Incompatibilidades.

O posto de traballo está sometido ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

2.1. Xerais.

Para seren admitidos/as á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario/a de carreira ao corpo administrativo do Parlamento de Galicia e ter unha antigüidade nese corpo de, polo menos, dous anos.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día de prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

Terceira. Solicitudes

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo que figura como anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións susceptibles da exención do pagamento ás que fai referencia esta convocatoria.

b) Declaración de que non se atopa separado/a, a través de expediente disciplinario, do servizo de ningunha administración pública nin está inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) Documento xustificativo orixinal, ou fotocopia debidamente compulsada, de estar en posesión do nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, situado na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 35,08 euros, acreditarase achegando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Novagalicia Banco 2080-0388-21-3110000502, e na que se indicará o concepto «Dereitos de exame do proceso selectivo dunha praza do corpo de xestión do Parlamento de Galicia. DNI do/a solicitante ...».

Aos/Ás aspirantes excluídos/as devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento da taxa dos dereitos de exame quen estea incurso nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.4. Os/As aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relacións de admitidos/as e excluídos/as.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará resolución na que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación dos apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

Os/As aspirantes excluídos/as dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motive a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou a desestimación destas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Transcorrido o dito prazo, a Presidencia ditará resolución definitiva, contra a que se pode interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade ca a provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

A dita resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara, de acordo coa normativa reguladoras da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición deben atenderse os principios de imparcialidade e profesionalidade e o disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, limitándose estes/as asesores/as a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera interesado/a, e particularmente polos/polas aspirantes, cando concorran algúns dos supostos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala ao que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación desta convocatoria, debendo, neste caso, comunicarllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto, e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou na prevista nestas bases.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal estenderase acta, coa sinatura do secretario ou secretaria e co visto e prace do presidente ou presidenta.

5.4. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao da praza convocada. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados/as que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

6.1. Fase de oposición.

Os programas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo II a estas bases.

6.1.1. Exercicios.

a) Primeiro exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 50 preguntas tipo test sobre o contido do programa, con tres respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha será a correcta. No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

Por cada pregunta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta.

O tempo máximo de duración desta proba será de 60 minutos.

b) Segundo exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na resolución dun suposto práctico, que elixirán os/as aspirantes, entre dous propostos polo tribunal, no que se suscitarán cuestións diversas relacionadas proporcionalmente cos distintos contidos do programa, durante un tempo máximo de dúas horas.

O tribunal poderá determinar a realización dos dous exercicios na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispoñer a realización dunha pequena pausa entre un e outro exercicio.

Os/As interesados/as poderán formular alegacións no prazo de tres días hábiles seguintes ao da realización de cada exercicio.

O primeiro e o segundo exercicio cualificaranse cada un de 0 a 15 puntos.

c) Terceiro exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán ao galego e outra do galego ao castelán, durante o prazo máximo dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto/a ou non apto/a.

Estarán exentos/as da realización deste exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír, no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, o nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista neste terceiro exercicio.

Para superar a fase de oposición será preciso acadar polo menos un total de 15 puntos, respecto dos exercicios de carácter obrigatorio, e ter a cualificación de apto/a no terceiro exercicio, sen prexuízo do establecido respecto da súa exención nesta base.

Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar esta puntuación mínima.

6.1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase a partir de entón un prazo de dez días para que os/as aspirantes fagan ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas.

6.1.3. Os/As aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos/as do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

6.1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada, sen outra asistencia que a dos/das opositores/as, a dos membros do tribunal e a dos/das colaboradores/as designados/as por este.

6.1.5. Os/As aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos/as de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

6.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración aos/ás aspirantes que superen a fase de oposición dos seguintes méritos:

A) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira no grupo C, ou no extinto grupo D na Administración parlamentaria, 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillos/as e familiares.

2. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia o número anterior: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia por coidado de fillos/as e familiares.

B) Traballo desenvolvido, ata un máximo de 4 puntos.

Segundo o grao persoal consolidado, ata un máximo de 2 puntos, do seguinte xeito:

Nivel 16: 0,4 puntos.

Nivel 17: 0,8 puntos.

Nivel 18: 1,2 puntos.

Nivel 19: 1,6 puntos.

Nivel 20: 2 puntos.

Conforme o establecido na disposición transitoria novena do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, valorarase a prestación de servizos no grupo C previa á entrada en vigor do referido Estatuto de persoal con 0,010 puntos/mes, ata un máximo de 2 puntos.

C) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de fillos/as e familiares: 0,04 puntos/mes.

D) Formación, ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos valoraranse os cursos realizados sobre procedemento administrativo, seguranza e saúde laboral, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias deste tipo de postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

6.2.1. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 12 puntos, sumando todos os méritos a que se refire a base 6.2.

6.2.2. A experiencia alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6.2.3. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade ao remate do prazo para presentar alegacións ás puntuacións da fase de oposición da base 6.1.2.

Os/As aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para efectuar ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

6.2.4. Os méritos aos que se refiren os puntos 6.2.A).1, 6.2.A).2 e 6.2.B) deberán achegarse á solicitude e acreditarse coa seguinte documentación, segundo modelo do anexo IV:

a) No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. No suposto de que tales servizos xa consten na Administración parlamentaria, poderán acreditarse coa certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Xunto co certificado achegarase documentación acreditativa, debidamente compulsada, dos méritos nel reflectidos, entre a que se incluirá o nomeamento como persoal funcionario, interino, contratado administrativo ou contratado laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nestes puntos ou que, en calquera caso, non acheguen a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

6.2.5. Os méritos a que se refire o punto 6.2.C) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

6.2.6. Os méritos a que se refire o punto 6.2.D) deberán achegarse á solicitude e acreditaranse mediante copia compulsada do título ou diploma acreditativo.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

7.1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se lles distribuirán en castelán aos/ás aspirantes que así o soliciten.

7.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa personalidade.

7.3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algún/algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia do/a interesado/a, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

7.4. Os/As aspirantes serán convocados/as para cada exercicio en único chamamento, e será excluído/a da oposición quen non compareza.

7.5. A publicación do anuncio de realización do segundo e sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal na páxina web do Parlamento de Galicia, con, polo menos, corenta e oito horas de anticipación á sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados/as

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, o que será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento proposta en favor do/a aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous/dúas ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do/a aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso. De persistir o empate, resolverase por orde alfabética segundo o sorteo que se efectuará, de ser o caso.

Novena. Presentación de documentos

9.1. O/A aspirante que superase o proceso selectivo deberá presentar, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, e para o caso de que non conste na Administración parlamentaria, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.c) ou certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

9.2. Se dentro do prazo fixado, e agás os casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación, ou do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser promocionado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados os documentos aos que fai referencia a base anterior, logo de transcorrer o prazo de presentación daqueles, a Mesa procederá ao nomeamento do/a aspirante que superase o proceso selectivo como persoal funcionario do corpo de xestión do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia e as demais leis e tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a Mesa do Parlamento de Galicia, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2013

Pilar Rojo Noguera
Presidenta do Parlamento de Galicia

ANEXO II
Temario

1. A Constitución española de 1978. Os valores superiores: os principios constitucionais. O Estado español como Estado social e democrático de dereito.

2. Os dereitos e as liberdades públicas.

3. A Coroa. Sucesión e rexencia.

4. As Cortes Xerais. O Congreso e o Senado. Funcións.

5. O Goberno. A súa regulación constitucional. Organización, estrutura e funcións do Goberno.

6. O poder xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial. O Tribunal Supremo. O Ministerio Fiscal. Os tribunais superiores de xustiza.

7. O Tribunal Constitucional. Organización. Presupostos materiais e procedementos de recursos ante o tribunal.

8. A distribución territorial do poder do Estado. A autonomía galega: o Estatuto de autonomía de Galicia; estrutura e contido; a súa reforma.

9. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

10. A lei: concepto e clases. Disposicións do Executivo con forza de lei: decretos lei e decretos lexislativos.

11. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. Fases do procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrución e terminación. O silencio administrativo.

13. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Notificación e publicación. Eficacia. Executividade e suspensión.

14. Os recursos administrativos: concepto e clases.

15. Nulidade de pleno dereito e anulabilidade dos actos administrativos.

16. O Regulamento do Parlamento de Galicia, acordos interpretativos e normas complementarias.

17. Adquisición e perda da condición de deputado/a. Os dereitos e deberes dos/das deputados/as.

18. Os grupos parlamentarios.

19. Os órganos de goberno: a Mesa do Parlamento, a Presidencia e a Xunta de de Portavoces.

20. As comisións parlamentarias. Tipoloxía, réxime de funcionamento e competencias.

21. O Pleno do Parlamento e a Deputación Permanente. Composición e réxime de funcionamento.

22. Funcionamento do Parlamento: a orde do día, as sesións e os debates.

23. O procedemento lexislativo ordinario. Os proxectos e as proposicións de lei.

24. Os procedementos lexislativos especiais.

25. A investidura, a moción de censura e a cuestión de confianza.

26. As proposicións non de lei, as mocións e as declaracións institucionais.

27. Os debates xerais, as comunicacións, os programas e os plans da Xunta de Galicia.

28. As comparecencias. As interpelacións e as preguntas.

29. O control das disposicións da Xunta con forza de lei.

30. Os procedementos electivos e as relacións do Parlamento de Galicia con outras institucións e órganos.

31. Autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

32. A contratación administrativa na Administración parlamentaria. Réxime xurídico.

33. Os contratos administrativos: natureza, caracteres e clases.

34. Elementos dos contratos administrativos: suxeitos, obxecto, causa e forma. Formas de adxudicación dos contratos.

35. Contido, efectos e cumprimento dos contratos administrativos. Revisión de prezos. Resolución, rescisión e renuncia.

36. A función pública parlamentaria I: o seu réxime xurídico. Clases de persoal. Dereitos e deberes. Ordenación da actividade profesional. Réxime disciplinario.

37. A función pública parlamentaria II: sistemas de acceso e de provisión de postos. A promoción profesional.

38. A función pública parlamentaria III: situacións administrativas e réxime de incompatibilidades. Extinción da relación funcionarial.

39. A normativa autonómica do traballo en igualdade en Galicia.

40. O sistema retributivo do persoal da Administración parlamentaria. Nóminas: estrutura e normas de confección. Altas e baixas, a súa xustificación. Devindicación e liquidación de dereitos retributivos.

41. A Seguridade Social. Réxime xeral e os réximes especiais. A acción protectora da Seguridade Social. Tipos e características das prestacións. Réxime de incompatibilidades. Prescrición e caducidade. Reintegro das prestacións indebidas.

42. Réxime financeiro e orzamentario do Parlamento de Galicia. A execución orzamentaria e o seu control. Fases da execución orzamentaria.

43. Modificacións orzamentarias. Créditos extraordinarios e suplementos de créditos. Transferencias. Outras modificacións orzamentarias.

missing image file
missing image file
missing image file