Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31246

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 20 de xuño de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados As Covas, solicitados a prol da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Salceda, do concello de Salceda de Caselas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes.

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Faustino Pino Freire (representante da CMVMC de Santa María de Salceda).

Manuel Bargiela Carracedo (representante da CMVMC de Santa María de Salceda).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo da xefatura).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 12 de setembro de 2012, Faustino Pino Freire, na súa condición de presidente da CMVMC de Santa María de Salceda, do concello de Salceda de Caselas e na súa representación, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado As Covas como veciñal en man común a prol dos veciños da CMVMC de Santa María de Salceda (concello de Salceda de Caselas), xuntando informe técnico e pericial en que se describe monte, identificación, superficie, ocupacións e lindeiros. De acordo co citado informe, o monte As Covas está dividido en dúas parcelas, sen nomes asignados e que identificaremos como parcela leste e parcela oeste.

Segundo. Con data do 9.10.2012, o informe de topografía sinala que os datos xeométricos permiten identificar as parcelas e que esas parcelas non están clasificadas nin cualificadas como de utilidade pública. A  parcela leste  inclúe a parcela catastral 308 do polígono 16 sen ocupala totalmente, e a parcela oeste ocupa parte das parcelas 312 e 313 do mesmo polígono. De acordo con datos de catastro, nas parcelas 308 e 312 figura como titular a CMVMC de Sta. Mª de Salceda, mentres que na 313 figura como titular a Granxa Pegullal, S.A.

Terceiro. Xúntase declaración da administradora única de Granxa do Pegullal, en que recoñece a pertenza e goce do monte As Covas pola CMVMC de Sta Mª de Salceda desde tempo inmemorial.

Cuarto. Achégase certificado do secretario da CMVMC de Sta Mª de Salceda, datado o 10.9.2012, en que se recolle a aprobación en asemblea xeral extraordinaria do acordo de solicitude de clasificación do monte As Covas.

Quinto. Achéganse declaracións, datadas o 10.9.2013, dos presidentes das CMVMC da Picoña e San Xurxo, nas cales recoñecen a pertenza e goce do monte As Covas pola CMVMC de Sta Mª de Salceda desde tempo inmemorial.

Sexto. Con data do 29.10.2012, achégase acordo de recoñecemento de deslindamento entre a  CMVC  de  San Xurxo e a CMVMC  de Sta Mª de Salceda, ambas as dúas do concello de Salceda de Caselas, asinado polos presidentes e secretarios de ambas as dúas comunidades, achegando plano de deslindamento asinado polos anteriormente citados.

Sétimo. Con data do 19.12.2012, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda a incoación de expediente de clasificación do monte As Covas. Publícase o seu anuncio no DOG nº 72 do 15.4.2013, no taboleiro do Concello de Salceda de Caselas, e ábrese un período dun mes para a práctica de alegacións.

Oitavo. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solícita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais. Con data do 5.9.2010 o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite o correspondente informe en que convén salientar que: «a resolución de clasificación dos montes de San Xurxo de Salceda modifica a descrición do seu perímetro e a cabida que recolle o estudo previo á clasificación, sen achegar datos ou cartografía que permita a localización das novas superficies realmente clasificadas, polo que non é posible establecer a relación das parcelas cuxa clasificación se solicita agora co monte clasificado a esta última comunidade» e que «A parcela leste presenta fortes pendentes en solo con abundantes afloramentos rochosos. Está poboada por masa de fustal de pinus pinaster e eucaliptus globulus, co seu límite sur ocupado por unha formación pouco densa de carballo. Esta zona foi rozada recentemente; tamén aparecen exemplares soltos de loureiro, bidueiro e ameneiro. A parcela oeste, con menor pendente, presenta tamén afloramentos rochosos e masa pouco densa de carballo e piñeiro».

Noveno. Á vista da documentación achegada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Salceda de Caselas.

Parroquia: Santa María de Salceda.

Nome do monte: As Covas.

Cabida: 1,2658 ha (superficie aproximada alegada na solicitude), en dúas parcelas: Parcela leste, con cabida de 1,0072 ha e parcela oeste, con cabida 0,2586 ha.

Lindeiros:

Parcela leste.

Norte: MVMC de San Xurxo.

Leste: río Caselas.

Sur: propiedade privada.

Oeste: propiedade privada.

Parcela oeste.

Norte: MVMC de San Xurxo.

Leste: propiedade privada.

Sur: propiedade privada.

Oeste: propiedade privada.

Decimo. O rexistrador da propiedade de Tui certifica, con data do 20.3.2012, que na parcela solicitada non aparece ningún ben nin dereito real inscrito.

Décimo primeiro. Con data do 26.4.2013 practícase anotación de suspensión por termo de sesenta días a favor da CMVMC de Sta. Mª de Salceda no Rexistro da Propiedade de Tui.

Decimo segundo. Realizadas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, preséntanse dúas alegacións ao expediente.

– Con data 16.1.2013, a CMVMC de Sta. Mª de Salceda presenta copia parcial do Plan técnico dos montes veciñais de Santa María de Salceda, que inclúe o monte As Covas, e no cal se cita «Respecto á parcela As Covas» existe unha cuestión de importancia que salientar,  xa que no esbozo do estudo previo á clasificación do monte (carpeta-ficha)  non aparece debidamente situada esta parcela e, porén, aparecen  dúas  pequenas  parcelas denominadas As Covas e Muíño das Covas pero noutra localización.

Así mesmo, achéganse facturas de limpeza do monte.

– Con data 3.5.2013 a CMVMC de Sta. Mª de Salceda achega declaracións xuradas de comuneiros que avalan o uso comunal das parcelas, documentos fotográficos e facturas correspondentes a gastos de limpeza do monte.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte en vía administrativa é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. Por outra banda, de conformidade co artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. considérase monte:

«ou terreo forestal todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal:

a) Os terreos ermos, os rochedos e os areais.

b) As construcións e as infraestruturas destinadas a servizo do monte en que se localizan, así como os equipamentos e as infraestruturas de uso socio-recreativo.

c) Os terreos de antigo uso agrícola e con polo menos dez anos continuados de abandono, sempre que adquirisen sinais inequívocos do seu carácter forestal, cando formen parte de superficies continuas de polo menos 5 hectáreas, agás que se trate de terreos que estean incluídos con ese fin nun banco de terras ou instrumento semellante.

d) Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba coa finalidade de ser repoboado ou transformado á actividade forestal, de conformidade coa normativa aplicable.

e) Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima de 5 hectáreas, a non ser que se compoñan os ditos enclaves de masas de especies forestais de frondosas do anexo 1 cunha idade media de polo menos dez anos. Para estes casos, diminuirase a dita superficie mínima ata 1 hectárea.

2. Non teñen a consideración de monte ou terreo forestal:

a) O solo urbano e o solo de núcleo rural.

b) O solo urbanizable delimitado, coas excepcións sinaladas na disposición transitoria quinta.

c) Os terreos de dominio público, agás os que integran o dominio público forestal.

d) Os terreos rústicos de protección ordinaria destinados a cultivo agrícola.

e) Os terreos rústicos de especial protección agropecuaria, sen prexuízo do establecido no artigo 61 desta lei.

3. En solos rústicos de especial protección, os aproveitamentos forestais rexeranse polo disposto nesta lei en todo aquilo en que non se lles aplique a súa normativa específica.

Cuarto. Para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de xeito continuado, así o establece artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7.3.01).

Quinto. Deste xeito, e á vista do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común e do informe-peritación achegado, compróbase que existen tratamentos silvícolas no monte As Covas realizados pola comunidade veciñal.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor e o Xurado propón e o Xurado acorda por unanimidade dos seus membros:

Clasificar como veciñais en man común as parcelas do monte denominado As Covas solicitada, a prol da CMVMC de Santa María de Salceda, do concello de Salceda de Caselas, de acordo coa descrición reflectida no feito noveno e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución».

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de xuño de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais de Man Común de Pontevedra