Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31253

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 20 de xuño de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Cardoufe-O Eirelo, solicitado a prol dos veciños de Cardoufe e O Eirelo, parroquia de Sanguiñedo, concello de Dozón.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

«O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

– Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

– Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Carlos Reboredo Civeira (representante dos veciños do lugar de Cardoufe e O Eirelo).

José Crespo Civeira (representante dos veciños do lugar de Cardoufe e O Eirelo).

– Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo da xefatura).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 30 de maio de 2008, José Alfredo Reboredo Mundín, actuando en calidade de representante dos veciños de Cardoufe e O Eirelo, parroquia de Sanguiñedo, concello de Dozón, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Cardoufe-O Eirelo, como veciñal en man común a favor dos veciños de Cardoufe e O Eirelo, xunto con diversa documentación consistente en:

1. Plano do monte en formato CD con cartografía xeoreferenciada.

2. Escrito do técnico que realizou a medición.

3. Escrito de solicitude de veciños dos citados lugares.

4. Relación de propietarios con lindeiros e enclaves no monte.

5. Planos (fotocopias) da Xerencia Territorial do Catastro.

6. Escritos de instrucións do enxeñeiro xefe do ICONA para realizar o estudo para a declaración do monte citado como MVMC.

No escrito que se xunta á solicitude mencionada, asinado por catro veciños, faise constar, entre outros puntos relevantes, os seguintes:

Que entre os lugares de Cardoufe e O Eirelo existe unha parcela de terreo que nos planos da Xerencia Territorial do Catastro aparece como Monte Comunal de Cardoufe-O Eirelo co número de polígono 354-253-53 e número de parcelas 859-860-836-517-581-2165 e 968, coincidentes na súa totalidade coa ortofoto SIXPAC, cunha superficie de 157,4764 ha. Que na situación actual se atopa en estado de abandono sen ningún tipo de xestión forestal, ambiental nin económica.

Que o uso actual entre os veciños é de aproveitamento de esquilmo, caza, considerándoo todos os veciños como monte comunal (...)».

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 3 de outubro de 2011, incoar o correspondiente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992 solícitase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 10 novembro de 2011, en que se fai constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

«A parcela principal superponse sobre parte dunha parcela con titularidade catastral distinta dos lugares solicitantes, así como sobre vías de comunicación de dominio público. A parcela está actualmente poboada por matogueiras de breixo e toxo, con pés illados de piñeiro, así como formacións de escasa extensión de carballo, bidueiro e salgueiro. Inclúe tres enclaves e servidumes de pistas e camiños». Non se observan sinales de aproveitamentos recentes.

«A titularidade catastral da parcela ocupada polo recinto número 1 non corresponde cos lugares solicitantes. Está ocupada por un barracón e unha plataforma asfaltada, poste con farol e tendido de media tensión. Non é susceptible de aproveitamento forestal».

«O recinto número 2 inclúe unha praia fluvial, dominio público correspondente a curso fluvial e parcelas de titularidade catastral distinta dos lugares solicitantes. Inclúe instalacións recreativas e formacións en galería con chopos, ameneiros e carballos. Non se observan sinais de aproveitamentos recentes».

«O recinto número 3 é un sobrante de cruzamento de camiños, de pouca extensión e con forte pendente, situado en núcleo rural. Está poboado por dous carballos demoucados, rexenerado de carballo e silveiras; está instalado un posto de tendido eléctrico de baixa tensión con farol. Non é susceptible de aproveitamento forestal.

O recinto número 4 inclúe parcelas con titularidade catastral distinta dos lugares solicitantes. Inclúe edificacións, cerrumes e pendellos, vexetación mixta de carballos, piñeiros e eucaliptos e matogueira alta de silvas, toxo e breixo. Atravesada por camiños. Obsérvanse usos particulares».

O recinto número 5 inclúe parcelas con titularidade catastral distinta dos lugares solicitantes. Parcela rasa con matogueira baixa de breixo atravesada por pistas. Non se observan sinais de aproveitamento recentes.

Cuarto. Consta, así mesmo, no expediente de clasificación, folios 35 e seguintes, informe de deslindamento referido ao monte Cardoufe-O Eirelo elaborado polo enxeñeiro técnico Forestal José Luís Vázquez Expósito.

Nel, e para os efectos que agora interesan, desde o punto de vista dunha posible clasificación do monte como MVMC, no número 4.2 Infraestruturas, faise constar que nas parcelas existen unha serie de instalacións accesorias para o uso e desfrute dos veciños, tales como un local social e o campo da festa, praia fluvial e pendellos particulares. Así mesmo, sinálase que está prevista a construción dunha traída de augas coa promoción do concello para o abastecemento dos veciños do Eirelo.

Finalmente, faise mención a que o trazado da autopista AP-53 de Santiago de Compostela-Ourense discorre polo extremo noroeste do monte, sendo a extensión expropiada para a súa construción de 2,40 ha.

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Lalín certifica, con data do 28 de decembro de 2011, que o monte solicitado non figura inscrito a nome de ninguén.

Sexto. Unha vez feitas, de xeito legal, as comunicacións a todos os interesados, con data do 27 de febreiro de 2012, Isabel Portela Rodríguez, en nome e representación da Sociedade Unipersoal denominada Autopista Central Galega, Concesionaria Española, S.A., presenta escrito de alegacións, no que, en esencia, sinala: «(...) en concreto, das parcelas catastrais que se identifican e das superficies que constan no catastro parece deducirse que se pretende a clasificación como monte veciñal en man común de terreos que foron expropiados polo Ministerio de Fomento, tendo a miña representada a condición de beneficiaria, para a construción da AP-53 autopista de peaxe. Polo tanto, entende esta sociedade concesionaria que non pode ser obxecto de clasificación aquela superficie que se encontre incluída dentro da líña de expropiación da autopista AP-53».

Con este escrito xúntase plano de planta coa liña de expropiación na zona en que se localizan os terreos cuxa clasificación se pretende.

Sétimo. Á vista das alegacións anteriores, con data do 2 de xullo de 2012 tivo entrada escrito presentado polos interesados na clasificación, os veciños de Cardoufe e O Eirelo, xuntando memoria de modificación da delimitación do monte coa finalidade de presentar o trazado do perímetro do monte adaptado á liña de expropiación da autopista A-53. Os cambios operados son os que se fan constar no punto de conclusións da referida memoria en relación coa extensión do recinto principal (151,5464 ha), recinto 4 (1,4491 ha), e recinto 5 (6,5143 ha).

Xúntase, así mesmo, planos.

Oitavo. Á vista da documentación achegada polo solicitante, o informe do Servizo de Montes e documentación presentada polos interesados con data do 2 de xullo de 2012, os montes obxecto do presente expediente abranguen unha superficie total de 160,8577 ha, coa descrición que a continuación se detalla (información publicada no DOG).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia 7/2012, do 28 de xuño, cómpre entender por monte veciñal en man común:

Artigo 1.

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestión relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual do monte, pódese colixir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

É certo que a parte solicitante presenta unha declaración xurada dos veciños do lugar dando fe da existencia dun uso consuetudinario pero, a xuízo deste órgano, tal declaración resulta insuficiente, non só porque nela se recoñece que os terreos se atopan na actualidade en estado de abandono, referendando o sinalado polo informe do Servizo de Montes, senón porque, sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adaptado por este xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común, resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico como actual polos veciños de Cardoufe e O Eirelo, tal e como se vén requirindo a outras comunidades de montes.

Deste xeito, e unha vez analizado con detalle o expediente de referencia, bótase en falta, por exemplo, a título meramente exemplificativo, que cando se fala da praia fluvial ou campo da festa se acheguen documentos que acrediten o acondicionamento realizado, ou se presenten facturas relativas a unha posible corta de madeira, documentación referente a traballos de rozas e limpeza das parcelas ou, algo que sería importante tamén en relación coa expropiación dos terreos a que se alude na memoria de xullo de 2012 e que motivaron a rectificación da delimitación inicial da superficie que se vai clasificar, que se xunte algún documento en que se acredite, por exemplo, que os veciños de Cardoufe e O Eirelo actuaron como suxeitos expropiados nas obras de trazado da autopista AP-53.

Entendemos, en definitiva, que tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos que se van clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente, de xeito fidedigno, a clasificación do monte como veciñal en man común.

De feito, a pretensión de clasificación que articulan os veciños de Cardoufe e O Eirelo susténtase unicamente no informe de delimitación, xunto coa solicitude inicial de clasificación en que, ben que se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais, tales como a recollida de leña, matogueira, toxo para uso gandeiro así como outras mais recentes, non se achega nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, sendo a declaración xurada dos veciños ao respecto moi escasa.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón, e o xurado acorda, por unanimidade dos seus membros, a non clasificación do monte Cardoufe-O Eirelo solicitado polos veciños de Cardoufe e O Eirelo, concello de Dozón, ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de xuño de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra