Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31235

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve resolución de clasificación do monte denominado Caeiro e outros, solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva, concello de Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

José Luis Parada Carballo (representante da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva).

José Carlos Portela Portela (representante da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 18.00 horas do día 19.6.2013, coa asistencia das persoas citadas á marxe, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Caeiro e outros, solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva, parroquia da Canicouva, concello de Pontevedra.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 29.5.2009, José Luis Parada Carballo, en calidade de presidente da CMVMC de Santo Estevo da Canicouva, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados Caeiro e outros, como veciñal en man común a favor da CMVMC que representa, da parroquia da Canicouva, concello de Pontevedra, xuntando un informe técnico e pericial, en que se describen montes, identificación, superficie, ocupacións e lindeiros, así como unha diversa e extensa documentación histórica dos montes que se pretenden clasificar (Visitas ás reais devesas e plantíos. Provincia de Tui. Xurisdición de Ponte Sampaio. Ano 1750 e ano 1972. Emolumentos do común do Libro Real de Legos do Catastro do Marqués de la Ensenada, Freguesía de Santo Estevo da Canicouva. Ano 1752 e certificación de peritos agrimensores sobre o monte comunal pertencente ao común de veciños. Ano 1888-1889).

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, en sesión do 26.11.2009, incoar o correspondente expediente de clasificación dos devanditos montes.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992 solicítase informe preceptivo do Servizo de Montes, que é remitido ao Xurado con data do 21.1.2010, en que se fai constar, en síntese, que:

«(…) 1. Parcela Caeiro: parcela cuberta de matogueira, que limita con outros predios, con muros de pedra e camiños, onde se aprecia que se realizou un aproveitamento madeireiro, e os asistentes representantes da comunidade manifestan que se realizou a favor da CMVMC da Canicouva tras o incendio de 2006. Outros usos: existen camiños de paso no interior da superficie.

2. Parcela Pía de Auga ou Espedregal: parcela que se subdivide en dúas, onde a vexetación que predomina son brotes de eucalipto con rodeiras dispersas de rexeneración natural de piñeiro e brote de eucalipto con rodeiras dispersas de rexeneración natural de piñeiro e matogueira, onde se aprecia que se realizou un aproveitamento madeireiro, e os asistentes representantes da comunidade manifestan que se realizou a favor da CMVMC da Canicouva tras o incendio de 2006. No lado oeste da subparcela sur, xunto á estrada existe unha barreira de pedras que o presidente manifesta ter colocado a súa comunidade de montes para evitar verteduras. Outros usos: existen camiños de paso e unha estrada no interior da superficie. Outras observacións: segundo o informe do xefe da Sección de Topografía do Servizo de Montes, unha parte das parcelas sitúase no concello veciño de Vilaboa; respecto disto, a comunidade de montes manifesta que o límite destas parcelas o levan ata onde eles teñen por certo o límite dos seus montes, onde existen dúas cruces en dúas pedras que limitan as dúas subparcelas polo seu lado oeste, e este técnico asinante confirma a existencia destas cruces situadas no extremo (aproximadamente) noroeste de cada unha das subparcelas.

3. Parcela Lagoa: esta parcela sitúase entre unhas vivendas, no núcleo rural, de forma que se converte en zona de paso a estas, cunha explanación que se usa para aparcadoiro de vehículos, onde a vexetación (matogueira e algunha frondosa dispersa) se sitúa no noiro que se forma entre o camiño da parte sueste da parcela e é a explanación de aparcadoiro. Outros usos: existen camiños de paso no interior da superficie.

4. Parcela O Pío: parcela atravesada por un regato, cuberta de pasteiro, matogueira e árbores de ribeira, que limita con outros predios, con muros de pedra e camiños, onde se aprecia a existencia dun lavadoiro e unha fonte, cubertos en parte por matogueira, e que parecen de uso público. Outros usos: os asistentes representantes da comunidade manifestan que este predio é pastoreado por veciños da localidade.

5. Parcela Cabreira Farexa: esta parcela sitúase no perímetro próximo dunhas vivendas da Canicouva. A parcela limita con outros predios, por muros de pedra, a estrada e un noiro. Percórrea ao longo un camiño. Predomina a matogueira e apréciase a corta de dous eucaliptos; os representantes da comunidade manifestan que esta foi realizada a favor da CMVMC da Canicouva como faixa de protección contra incendios forestais das vivendas próximas. Nunha esquina próxima á estrada obsérvase un pequeno feixe de palla, e non se observa ningún outro uso privativo.

6. Parcela Rebordelo: parcela cuberta de pasteiro e matogueira, con algún piñeiro proveniente de rexeneración natural: limita con outros predios, con muros e camiños. Existen camiños de paso no interior da superficie e os asistentes representantes da comunidade manifestan que este predio o pastorean os veciños da localidade.

7. Parcela Outeiro: esta parcela sitúase no núcleo rural de Cacheiro (parroquia da Canicouva) e no seu interior contáronse 3 vivendas e 4 galpóns. Tamén se inclúe nas parcelas unha estrada e diversos accesos e rúas asfaltadas de servizo ás construcións do núcleo de poboación. A escasa vexetación (matogueira e pasteiro) da parcela sitúase principalmente nos noiros e terrapléns da estrada que atravesa a parcela (…)».

Cuarto. O rexistrador da Propiedade nº 1 de Pontevedra certifica, con data do 4.2.2010, que «os montes denominados Caeiro, Pía de Auga ou Espedregal, Lagoa, Cabreira Farexa, Rebordela e Outeiro, sitos na parroquia da Canicouva, municipio de Pontevedra, tal e como se describen e deslindan na instancia anexa, non aparecen en dominio nin posesión a nome de ningunha persoa».

Quinto. Á vista da documentación achegada polo solicitante e do informe do Servizo de Montes, os montes obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: A Canicouva.

Nome do monte: Caeiro.

Cabida: 705 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: propiedades privadas de Aristela Sabajanes Portela.

Sur: camiño veciñal, e mais propiedades privadas.

Leste: propiedade privada de Carmen Barreiro Portela.

Oeste: camiño de servizo e propiedade privada de José Carlos Portela Portela.

Nome do monte: Pía de Auga ou Espedregal.

Porción A do monte Pía de Auga, dividida pola estrada PO 0001.

Cabida: 3.700 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: propiedade de Nieves Fontán Portela.

Sur: propiedades de María Sabajanes Portela e Remedios Portela Sabajanes.

Leste: propiedades de Carmen Barreiro Portela e Concepción Fernández Sabajanes.

Oeste: monte veciñal da parroquia de Figueirido (concello de Vilaboa).

Porción B do monte Pía de Auga.

Cabida: 2.845 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: propiedade de herdeiros de José González Fontán.

Sur: propiedades de Remedios Portela Sabajanes e María Sabajanes Portela.

Leste: propiedades de Manuel Sabajanes Fernández e María Rosa Sabajanes Fernández.

Oeste: monte veciñal da parroquia de Figueirido (concello de Vilaboa).

Monte Lagoa.

Cabida: 837 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: propiedades de herdeiros de María Fontán Portela, Nieves Fontán Portela.

Sur: camiño de servizo e propiedade de Esther Portela Carballo.

Leste: propiedade de Manuel Boullosa Bóveda.

Oeste: propiedade de Jesús Sabajanes Portela.

Monte O Pío.

Cabida: 881 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: propiedades de Carmen Barreiro Portela.

Sur: Concepción Boullosa Bóveda e Carmen Barreiro Portela.

Leste: propiedade de Nieves Fontán Portela.

Oeste: propiedades de Carmen Barreiro Portela.

Monte Cabreira Farexa.

Cabida: 1.013 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte e oeste: propiedade de María Isabel González Ríos.

Leste: propiedade de Alfonso Portela Sabajanes.

Sur: Concepción Fernández Sabajanes, Nieves Fontán Portela.

Oeste: monte veciñal da parroquia de Figueirido (concello de Vilaboa).

Monte Rebordelo.

Cabida: 411 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte e oeste: muro que separa das propiedades de:

Ernesta Tourón Fernández, Camilo Tourón Fernández.

Sur: María Fernández Sabajanes e herdeiros de José González Fontán.

Leste: Dorinda Barreiro Sabajanes.

Monte Outeiro.

Cabida: 8715 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: Teotista Currás Míguez, José Ramón Míguez Currás, Paulina Santos Míguez, José Luis Pazos Ríos, Rafael Castro Raña.

Oeste: María Lina Conde Cal, CMVMC de Santo Estevo da Canicouva.

Sur: Rogelio Míguez, Belarmina Conde Míguez, Eva Conde Currás, María Solita Conde Míguez.

Leste: Ana María Taboada Currás, Belarmina Conde Míguez e María Míguez Torres.

Sexto. Aberto o trámite de audiencia presentan alegacións no procedemento de clasificación:

– Belén Raposo Pérez, en nome e representación das CMVMC de Bértola (Vilaboa), CMVMC de Tomeza (Pontevedra), CMVMC de Ponte Sampaio e CMVMC de Marcón, que alegando, en síntese e de maneira uniforme en todos os escritos, que: «tanto o seu informe pericial como a planimetría que presentan fan referencia a superficies que non gardan ningunha relación coas parcelas cuxa clasificación instan. A Canicouva busca obter do Xurado un plano completo do seu monte que rectifique a liña de límite coas comunidades veciñas. O Xurado non entraría a examinar nin estudar a corrección da liña porque non afecta as novas parcelas que se pretende clasificar e non coñecería o erro da planimetría sobre a que montaría as novas parcelas. Posteriormente, este plano poderá ser utilizado como planimetría completa do seu monte e xerará conflitos innecesarios e unha falsa aparencia de legalidade».

A planimetría presentada pola Canicouva debe ser rexeitada e as parcelas que clasifique o Xurado deben plasmarse sobre un plano que non reflicta máis monte veciñal en man común que as parcelas que o Xurado considere oportuno clasificar, precisando sempre en calquera referencia á planimetría da solicitante que só se acepta na parte que afecte a parcela que se pretende clasificar (…) polo que solicita: « ( …) que unha vez tramitado o expediente clasificador, se o Xurado decide clasificar algunha das parcelas que se refiren no edicto publicado no DOG do 10 de setembro de 2010, se anexe á resolución clasificatoria que proceda planimetría que non reflicta absolutamente ningunha outra parte do monte da Canicouva que non sexa obxecto do presente expediente».

– Milagros Míguez Fernández e Marina Cal Naval opóñense á clasificación do monte Outeiro sustentando a súa pretensión no feito de que: « (…) neste terreo levantáronse as súas vivendas desde hai máis de corenta e cinco anos rodeadas de froiteiras e con muros pechados (achegan certificación catastral, planos e fotográfica) de xeito que non se veñen realizando consuetudinariamente aproveitamentos en man común polos veciños e non só e exclusivamente polas que subscriben e que, pola súa vez, tamén son comuneiros».

Así mesmo, en datas 30.7.2010 e 16.11.2010 o promotor do expediente presenta alegacións reiterando o carácter veciñal dos montes solicitados a favor da CMVMC da Canicouva. Con datas 18.10.2011 e 3.10.2012 solicitan a clasificación dos montes ao entender estimada por silencio positivo a solicitude de clasificación obxecto do expediente, ao transcorrer máis que de sobra o prazo dun ano que o Xurado de Montes ten para resolver este procedemento.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. As alegacións achegadas pola representante das CMVMC de Bértola, Ponte Sampaio, Marcón e Tomeza deben ser rexeitadas tendo en conta que expoñen cuestións alleas a este procedemento e en ningún momento se cuestiona o uso ou o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo das parcelas solicitadas polos veciños da Canicouva. Neste sentido, hai que lembrar que a clasificación dun determinado monte como veciñal en man común a prol dunha concreta CMVMC non se articula na lei como un mecanismo de blindaxe e protección preventiva fronte a pretensións doutras CMVMC, senón que a devandita clasificación única e exclusivamente procederá cando resulte evidenciado de xeito claro o aproveitamento consuetudinario polo grupo veciñal sobre as parcelas solicitadas.

Porén, as alegacións formuladas por Milagros Míguez Fernández e Marina Cal Naval contra a clasificación da parcela denominada Outeiro si deben ser estimadas, xa que que resulta incuestionable que se está a realizar un aproveitamento consuetudinario en man común con carácter exclusivo por parte dos veciños da Canicouva nunha parcela edificada desde hai máis de corenta anos con vivendas unifamiliares e galpóns, perfectamente delimitadas por muros e con peches.

En canto ao uso ou aproveitamento en man común dos montes Caeiro, O Pío, Cabreira Farexa e Rebordelo, queda suficientemente acreditado non só pola documentación histórica existente no expediente- senón tamén, e de xeito moi especial, polo contido do informe preceptivo do Servizo de Montes e polo informe técnico achegado pola comunidade. Ademais, o feito de que durante a tramitación do expediente non conste ningún escrito presentado por terceiro en que se discuta o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre estas parcelas demostra de xeito suficiente que vén existindo un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da Canicouva.

No que se refire á parcela Pía de Auga ou Espedregal hai que puntualizar que, tal e como se desprende do informe técnico de topografía, unha parte dela se sitúa no concello veciño de Vilaboa. Resulta evidente a falta de coherencia entre a confección da planimetría e a descrición física que da parcela fai a comunidade. Así, segundo consta no informe técnico achegado polo promotor, na páxina 28 indícase: (…) porción B, constitúe a parte norte do monte de Pía de Auga, ten lixeira pendente cara ao sur, e a súa altitude media é de 200 m sobre o nivel do mar en Alacante. O lindeiro oeste divide o concello de Vilaboa co concello de Pontevedra (parroquia da Canicouva). Porén, a CM insiste en que están claros os lindeiros municipais de Pontevedra e de Vilaboa e que a parcela que solicitan está integramente no concello de Pontevedra e que tampouco hai problemas de lindeiros entre os montes da Canicouva e os da comunidade estremeira (CMVMC de Figueirido).

Revisada novamente a cartografía e o CD achegado pola comunidade, compróbase que a diferenza está soamente no formato dixital e tendo en conta que se trata dunha escala 1:1.000, a superficie que toca é insignificante, erro que en nada invalidaría a clasificación pretendida pola comunidade.

Respecto da parcela Lagoa, hai que indicar que non queda suficientemente acreditado un aproveitamento en exclusividade a favor dos veciños da CM da Canicouva por canto semella que a parcela ten máis un uso público que veciñal.

Cuarto. Respecto ao feito de que a clasificación solicitada se debe entender outorgada en virtude do artigo 43 da Lei 30/1992 por silencio, só cabe reiterar o que este Xurado xa manifestou noutras ocasións (por ex. na resolución do 1.10.2009, no expediente do monte Regueiro Furado instado a favor da CMVMC de Lavadores).

«Non obstante, tal argumento non pode acollerse (…) cómpre significar que o citado artigo 43 da Lei 30/1992 non pode ser obxecto dunha hermenéutica illada senón que para a comprensión do seu correcto alcance debe ser posto en directa conexión co contido substantivo do artigo 62.1.f) do mesmo texto legal, sendo a conclusión que se extrae notoriamente oposta á mantida pola recorrente.

En efecto, o citado precepto establece que serán nulos de pleno dereito todos aqueles actos «expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición», o que vén matizar as consecuencias que noutro caso derivarían da operatividade práctica do artigo 43 invocado no recurso de reposición.

Neste sentido vense pronunciando reiteradamente a xurisprudencia do Tribunal Supremo que a modo de resumo sinala que o sentido do silencio administrativo, no caso de que a Administración non resolva dentro do prazo legalmente establecido, pode ser positivo ou estimatorio cando a adquisición do dereito solicitado (no presente suposto a clasificación do monte Meixoeiro ou Regueiro Furado pola CMVMC de Lavadores) non se puidese adquirir mediante resolución expresa. En definitiva, o que se pretende evitar é a aplicación da doutrina do silencio administrativo como unha medida de sanción ou castigo para a Administración ao non resolver en prazo, de aí a necesidade de conxugar o artigo 43 co artigo 62.1.f) da Lei 30/1992 (STS 12.5.1998; 7.5.1998)».

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado acorda, por unanimidade dos seus membros:

Clasificar os montes Caeiro, Pía de Auga ou Espedregal, O Pío, Cabreira Farexa e Rebordelo, solicitados a prol dos veciños da CMVMC da Canicouva, por reuniren os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, e non clasificar os montes denominados Outeiro e Lagoa ao non quedar acreditado un aproveitamento consuetudinario en favor dos veciños da comunidade da Canicouva.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 26 de xuño de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra