Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 31 de xullo de 2013 Páx. 30507

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública das instalacións electromecánicas de aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Ponte Olveira II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), promovido por Ferroatlántica, S.A.U.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 11 de abril de 2002 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de efectos ambientais da central hidroeléctrica de Ponte Olveira II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos, na provincia da Coruña, considerando o proxecto como ambientalmente viable e establecendo unha serie de condicións.

Segundo. O 8 de xaneiro de 2004 o organismo autónomo Augas de Galicia aprobou unha modificación concesional do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira para unha ampliación de caudal de 35.000 l/s no río Xallas.

Así, o aproveitamento na configuración final estará formado pola presa e polo encoro de Ponte Olveira, derivándose 15.600 l/s para a central de Ponte Olveira I e 35.000 l/s para a nova central de Ponte Olveira II.

Terceiro. O 21 de xuño de 2005, o organismo autónomo Augas de Galicia resolveu aprobar o proxecto construtivo modificado do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira II.

Cuarto. O 31 de maio de 2007 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou administrativamente, aprobou o proxecto de execución, recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial e realizou a inscrición previa no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia da central de Ponte Olveira II, no río Xallas, promovido por Ferroatlántica, S.L.

Quinto. O 21 de xullo de 2011 eleváronse a escritura pública, que constitúe o número 2.009 do protocolo do notario de Madrid Jaime Recarte Casanova, os acordos sociais de transformación da entidade Ferroatlántica, S.L. sociedade unipersoal, en sociedade anónima unipersoal.

Sexto. O 2 de febreiro de 2012 o Consello da Xunta acordou aprobar o proxecto sectorial de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas, salto de Ponte Olveira II.

Sétimo. O 19 de decembro de 2012 Ferroatlántica, S.A.U. solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto denominado «Aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira II».

Oitavo. Por Resolución do 24 de abril de 2013 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña someteu a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación das instalacións denominadas «Aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira II, no río Xallas», de características:

– Turbina Kaplan de eixe horizontal para un caudal máximo de 35 m3/s, salto 21,4 metros e potencia nominal de 6.460 kW.

– Xerador síncrono trifásico de 7.000 kVA de potencia nominal aparente, a 6 kV de tensión

– Sistema de xeración a 6 kV constituído por cinco (5) celas para neutro, xerador, protección do xerador, saída de transformador de potencia e transformador de servizos auxiliares.

– A enerxía xerada a 6kV conducirase ata a subestación Ponte Olveira I (expediente IN407A 2005/254-1) que vai ser reformada coa finalidade de acadar a suficiente capacidade para dar saída á produción dos aproveitamentos hidroeléctricos, elevando a tensión ata os 66 kV na súa evacuación. A dita subestación constará, basicamente, de:

• Novo transformador elevador de potencia, de 12 mVA e relación de transformación 6/66 kV.

• Un transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia e tensións 6/0,4-0.23 kV.

• Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, control, medida, interconexión e posta a terra.

Esta resolución publicouse no DOG número 94, do 20 de maio de 2013, no BOP número 91, do 14 de maio de 2013, no xornal La Voz de Galicia do 7 de maio de 2013 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Mazaricos e Dumbría.

Durante a fase de información pública esta dirección xeral non ten constancia de que se recibise ningunha alegación.

Non obstante, en contestación a un requirimento da Xefatura Territorial da Coruña de 4.6.2013, no que se instaba a Ferroatlántica, S.A.U. para que procedese a investigar o acontecido coa notificación individual feita a nome de Antonio Fernández González, Ferroatlántica, S. A. U. manifestou que se comprobou que os predios 8, 7 e 10 (parcela 73 do polígono 29 e parcelas 1 e 3 do polígono 30) son propiedade de José Antonio Fernández Cives, fillo do titular proposto pola promotora, Antonio Fernández González, xa finado, e solicitou ademais que se aceptase a José Antonio Fernández Cives como propietario do predio número 11 (parcela 71, polígono 30), que aparece no expediente como propietario descoñecido.

A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña non manifestou oposición ningunha en considerar a José Antonio Fernández Cives como titular das parcelas citadas, entendendo que será no momento do levantamento das actas previas á ocupación cando se determinen os aspectos formais da titularidade dos predios afectados.

Noveno. O 2 de abril de 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos, obrigas e condicións asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para as instalacións electromecánicas de aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira II, no río Xallas, a favor de Ferroatlántica, S.A.U. Esta resolución ten unha corrección de erros do 17 de xullo de 2013.

Décimo. O 12 de xullo de 2013 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a declaración de utilidade publica, en concreto das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira II, indicando que non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e entendendo que se deu adecuado cumprimento ao procedemento de tramitación disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Segundo. O artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, correspondéndolle o seu outorgamento á Comunidade Autónoma segundo o artigo 53.

Terceiro. Á vista das alegacións achegadas, da contestación destas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, ponse de manifesto que:

Segundo o artigo 52.1 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

O artigo 140 Utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que ten por obxecto establecer o marco normativo en que se teñen que desenvolver as actividades relacionadas co sector eléctrico, baixo o modelo establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, dispón:

– De acordo co artigo 52.1 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

– A dita declaración de utilidade pública esténdese aos efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

– Para o recoñecemento en concreto da utilidade públicas destas instalacións será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

O artigo 143 Solicitude da declaración de utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, determina, nos seus puntos 2 e 3:

... A solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública, poderá efectuarse ben de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa e/ou de aprobación do proxecto de execución, ou ben con posterioridade á obtención da autorización administrativa.

Á solicitude xuntarase un documento técnico e anexo de afeccións que conteña a seguinte documentación:

• Memoria xustificativa e características técnicas da instalación.

• Plano de situación xeral, a escala mínima 1:50.000.

• Planos de perfil e planta, con identificación dos predios segundo o proxecto e situación de apoios e voo, de ser o caso.

• Relación das distintas administracións públicas afectadas, cando a instalación poida afectar bens de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, Comunidade Autónoma e corporacións locais, ou obras e servizos atribuídos ás súas respectivas competencias.

• Relación concreta e individualizada na cal se describan, en todos os seus aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que considere de necesaria expropiación, xa sexa esta do pleno dominio de terreos e/ou de servidume de paso de enerxía eléctrica e servizos complementarios, de ser o caso, tales como camiños de acceso ou outras instalacións auxiliares...

O artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que:

«A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as titularidades destes, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, de conformidade co artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares ou valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

O artigo 161 Limitacións á constitución da servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:

– Non poderá imporse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortas, tamén pechados, anexos a vivendas que existen ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión das hortas e xardíns sexa inferior á media hectárea.

– Tampouco poderá imporse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera tipo de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

• Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

• Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.

• Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo de informe das administracións ou organismos públicos a que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, de ser o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Examinado o proxecto, así como os planos parcelarios, non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Ponte Olveira II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), que se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Olveira, no río Xallas (expediente IN408A 2005/13-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Esta declaración de utilidade pública outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

Segunda. A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As instalacións recollidas no expediente IN408A 2005/12-1 serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia consonte os artigos 114 e 115 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas