Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2013 Páx. 29681

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Ortigueira (expediente IN407A 178/2012).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Enderezo social: avenida de Arteixo, 171, A Coruña.

Denominación: LMTA, CTI, RBT, Lamacido.

Situación: concello de Ortigueira.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,320 km, coa orixe na LMT MEA-827 (Ortigueira), tramo entre os CCTT Soutomor (expte. 50.437) e CT Telefónica Amena (expte. 224/01), condutor tipo LA-56/54,6 mm2, e final no CTI Lamacido proxectado.

Centro de transformación intemperie, cunha potencia de 50 kVA, e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Liña de baixa tensión aérea, cunha lonxitude de 0,235 km, con orixe no CTI Lamacido, condutor tipo RZ, e apoios de formigón.

Resultando os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 24 de xaneiro de 2013 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG do 22 de febreiro de 2013, no BOP do 13 de febreiro de 2013, e no xornal La Voz de Galicia do 7 de febreiro de 2013; así mesmo, consta o certificado de exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello de Ortigueira. Do mesmo xeito, notificouse á propietaria dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se foi caso diso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. En concreto, remitiuse separata ao concello de Ortigueira, que non contestou, e reiteróuselle a dita solicitude sen ter resposta.

Terceiro. Durante o período de información pública non foron presentadas alegacións.

Cuarto. Os técnicos desta xefatura territorial realizaron visita de campo e concluíron que a parcela nº 18, propiedade de Josefa Pena Maragoto, non se ve afectada por ningunha das limitacións á imposición da servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é, a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 18 de xuño de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña