Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2013 Páx. 29052

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve un recurso de reposición contra a clasificación do monte de Bustelos a favor dos veciños do lugar de Bustelos, parroquia de Vilatuxe, concello de Lalín.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Gerardo Zugasti Enrique

(Xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar)

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro

(Xefe do Servizo de Montes)

Víctor Abelleira Argibay

(Representante do colexio de avogados da provincia)

X. Carlos Morgade Martínez

(Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra)

Lorena Peiteado Pérez

(Letrada da Xunta de Galicia)

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 18.00 horas do día 19.6.2013, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre o recurso de reposición presentado por Luis Liñares Medela, en calidade de representante dos veciños do lugar de Bustelos, contra a resolución de clasificación do monte denominado Bustelos a favor dos veciños do lugar de Bustelos, parroquia de Vilatuxe (Lalín).

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en Resolución do 3.10.2011, acorda non clasificar como veciñal en man común o monte Bustelos (Bustelos-Vilatuxe-Lalín).

Segundo. Luis Liñares Medela, actuando como veciño de Bustelos e en representación de todos os veciños de Bustelo que solicitaron a clasificación do monte veciñal en man común de Bustelos (Bustelos-Vilatuxe-Lalín) presenta o 18.11.2011 un recurso de reposición ao acordo de clasificación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición interpostos contra as súas resolucións, en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada lei.

Terceiro. No seu escrito de reposición trátanse varias cuestións:

1. O alegante, como non podía ser doutra forma, nesta ocasión rectifica os lindes da parte norte da solicitude para adaptalos ao Concello de Silleda e, así, non invadir o MVMC de Parada clasificado no seu día, feito que por si mesmo impedía a súa clasificación e, por tanto enténdese como unha rectificación técnica necesaria.

2. Unha das novas achegas do alegante son de novo fotografías, esta vez xeorreferenciadas, dos aproveitamentos veciñais. O informe emitido no seu día polo Servizo de Montes indicaba:

– Que a maioría do monte é raso, poboado con mato baixo e herbas, con abundantes afloramentos rochosos.

– A parte da existencia de varias pistas ou camiños, no extremo norte obsérvase unha liña eléctrica.

– Existen enclavados delimitados por muros e reflectidos na planimetría, sobre todo próximos ao lugar de Bustelo.

– Non se aprecian signos de aproveitamento recente.

Realizada unha segunda visita para comprobar a verosimilitude da proba presentada, compróbase que existen no monte signos de aproveitamento de pastoreo e recolla de estrume máis o menos recentes. Tamén existen varios pasteiros reflectidos no plano nº 3, ás veces sen chousumes e outras con chousumes de arame de pugas rudimentarios. Estes pasteiros non coinciden cos enclavados delimitados por muros que reflicte a planimetría, e ben poden ser pasteiros realizados polos veciños. Sobre esta cuestión pódese engadir tamén que non existen parcelas catastrais que coincidan con estes pasteiros e que as fotografías areas realizadas pola USAF en 1956 non recollen os ditos perímetros, indicios que apuntarían máis a un uso veciñal que privativo. Pola contra, moitos dos enclavados da planimetría xa aparecían nas fotografías aréas do 1956.

3. No recurso tamén se fala dos cadernos de sanidade animal presentados, que poderían implicar que gando doutros lugares aproveitase o pasto de Bustelos. Agora preséntase un escrito asinado por Mari Paz Silva Calvo, que é residente en Lodeirón e titular dunha explotación en Bustelo herdanza do seu sogro. Neste senso hai que indicar que a explotación, segundo informan os axentes forestais, esta dentro do lugar de Bustelo, por tanto a existencia dunha explotación privativa e individual que, como a descrita, non ten máis relevancia, a non estar dentro dos terreos que se pretenden clasificar.

Por outra banda, na visita púidose comprobar que, unha vez delimitados os lindes do monte cos dos concellos, compróbase que o resto do monte, zonas sur e leste, están rodeadas de pequenas leiras particulares de vexetación de ribeira e do río Deza, accidente natural que impide, cando menos, o fácil acceso do gando doutros lugares.

4. O promotor tamén presenta máis testemuñas, neste caso de estremeiros que axudan a reafirmar os límites das zonas sur e leste; non obstante, cómpre lembrar que as testemuñas como probas son de parte interesada, xa que a maioría delas son de veciños de Bustelo, e que no expediente existen tamén testemuñas contrarias á clasificación.

Estes últimos (16 veciños de Vilatuxe) non presentan ningún tipo de documentación que aclare as afirmacións de que o monte de Bustelos vén sendo aproveitado polos veciños de distintos lugares de Vilatuxe. Este veciños indican una serie de cuestións que por si mesmas poden ser discutibles:

1º. Que non existe nin existiu división ningunha do resto dos monte de Vilatuxe. Algo que fisicamente non é así, e que, ademais, non é certo, xa que o lugar de Moa (Vilatuxe) ten xa clasificado monte ao seu nome.

2º. Afírmase que existen dúas leiras aproveitadas por Manuel Arca e Javier Peiteado pero non se presenta ningunha proba, nin tan sequera se localizan.

6. No derradeiro lugar hai que indicar que, como xa se apuntou no primeiro informe do Servizo de Montes, existe unha liña eléctrica que atravesa parcialmente a parte noroeste do monte, da cal se presenta un documento de servidume a favor Gamesa da LAT 220 kW onde se declaran como propietarios os veciños de Bustelos.

Polo exposto, acéptase o recurso interposto e, por tanto, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, propóno instrutor e o xurado acorda por unanimidade do seus membros estimar o recurso de reposición presentado por Luís Liñares Medela en representación dos veciños de Bustelos contra a resolución denegatoria da clasificación ditada polo Xurado de Montes de 3.10.2011, coa conseguinte revogación dela. Deste xeito, acórdase clasificar como veciñal en man común o monte denominado Bustelos, a favor dos veciños de Bustelos, da parroquia de Vilatuxe, concello de Lalín, pendente do correspondente deslindamento e coa seguinte descrición aproximada:

Concello: Lalín.

Parroquia: Vilatuxe.

Nome do monte: Bustelos.

Cabida: 327.97 ha (superficie aproximada).

Lindes:

Norte: monte dos veciños de Gondoriz, concello de Silleda, concello de Forcarei, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

Sur: río Deza, concello de Forcarei, Luís Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez e María Iglesias Cachafeiro.

Leste: río Deza, monte dos veciños de Gondiz, concello de Silleda, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

Oeste: concello de Silleda, concello de Forcarei, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 20 de xuño de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra