Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2013 Páx. 29061

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 1 de xullo de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao expediente 50/79.

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o 19 de xuño de 2013, figura o acordo seguinte:

Monte Silvarrosa (expediente 50/79), pertencente aos veciños da parroquia de Covas, no termo municipal de Viveiro, e clasificado como veciñal en man común por Resolución do Xurado Provincial do 20 de outubro de 1980. Con datas 30 de decembro de 2011 e 30 de xaneiro de 2013 tiveron entrada escritos presentados por Manuel Escourido García, como presidente da comunidade, dando traslado de copia autenticada de sentenza firme ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro, con data 31 de xullo de 2007, recaída no procedemento de menor contía 199/2002, confirmada e matizada por sentenza da Audiencia Provincial de Lugo do 26 de outubro de 2009, así como conciliación celebrada perante o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Viveiro, entre esta comunidade e Manuel Salgueiro Abad e Marina Rodríguez Carballo, tramitada co número 435/2011, e aprobada polo Decreto do 3 de novembro de 2011. Na sentenza, estimando parcialmente a demanda presentada, acórdase, entre outros aspectos, o deslindamento e amolloamento do monte Silvarosa, O Cachón, Fraga da Voz e outros conforme a proposta de deslindamento que consta no plano 10 do informe pericial xudicial, proceder á delimitación material e externa, condenar os demandados a entregar á parte demandante a posesión dos predios que estando dentro do perímetro do monte veciñal estean ocupados por estes, e acordar a inscrición no Rexistro da Propiedade de Viveiro do monte veciñal en man común tal como resulta dos pronunciamentos anteriores. Mediante o acto de conciliación, en resumo, apróbase o deslindamento dos montes de conciliante e conciliados mediante unha liña recta que divide a zona de «Fraga Nova-O Cachón» en dous lotes conforme resulta do plano 4 e do informe pericial unido ao acordo, así como se define o lindeiro sur do predio «Cerrado de Casavella, Teixueira e Rociñas»; así mesmo, acórdase o establecemento dunha servidume de paso sobre o camiño ou pista xa existente, atribuír aos conciliados a totalidade dos dereitos sobre a madeira situada na zona litixiosa, quedando, co acordado, plenamente culminada a execución das sentenzas ditadas no xuízo de menor contía 199/2002. Dado traslado de toda a documentación ao Servizo de Montes, elabórase en marzo de 2013 unha proposta de novo esbozo para o monte Silvarrosa, tendo en conta o disposto nas devanditas sentenzas e acordo de conciliación, así como outras modificacións sufridas polo monte desde a súa clasificación, relatadas nos antecedentes da proposta, e, de acordo co establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e o acordo do Xurado do 17 de setembro de 2012, de solicitar do Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia susceptibles de tal adecuación. Como consecuencia desta revisión de esbozo, o monte Silvarrosa queda cunha superficie de 90,2434 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía. Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido na devandita sentenza e acto de conciliación, e aceptar a proposta de revisión de esbozo, procedendo á súa oportuna incorporación ao expediente, e constancia no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade con eles.

Ao se descoñeceren o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, e conforme o disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ponse no seu coñecemento o devandito acordo.

Lugo, 1 de xullo de 2013

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo