Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 18 de xullo de 2013 Páx. 28639

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 da Coruña

EDICTO (DSP 672/2012-M).

María Jesús Hernando Arenas, secretaria do Xulgado do Social número 5 da Coruña, fai saber que ante este xulgado se tramitan autos co número DSP 672/12 por instancia de Lorena Almao Zarauza contra Muebles Ciudad de Marineda, sobre despedimento, nos cales no día oito de maio se ditou sentenza cuxa parte dispositiva di textualmente:

«Resolvo que debo aceptar e acepto a demanda que en materia de despedimento foi interposta por Lorena Almao Zarauza contra a empresa Muebles Ciudad de Marineda, S.L. e, en consecuencia, debo declarar e declaro improcedente o despedimento do que o demandante foi obxecto con data do 14 de maio de 2012; e condeno a que a entidade Muebles Ciudad de Marineda, S.L., no prazo de cinco días desde a data de notificación da sentenza, opte entre a readmisión inmediata da demandante, nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a notificación desta resolución, que ascenden a 38,36 € diarios, ou ben ao aboamento dunha indemnización por despedimento a razón de 2.004,221 €.

O aboamento da indemnización determinará a extinción do contrato de traballo, que se entenderá producida na data do cesamento efectivo no traballo.

No suposto de non optar o empresario pola readmisión ou a indemnización, enténdese que procede a primeira.

Que debo aceptar e acepto parcialmente a demanda que en materia de cantidade foi interposta por Lorena Almao Zarauza contra a entidade Muebles Ciudad de Marineda, S.L. e, en consecuencia, debo condenar e condeno a Muebles Ciudad de Marineda, S.L. a que lle aboe á demandante a cantidade de 4.020,25 € brutos, polos salarios percibidos en marzo, abril e ata o 14 de maio de 2012, pola compensación económica pola falta de desfrute de vacacións e os atrasos do ano 2011, así como os derivados de actualización salarial segundo o convenio para o 2011 e os quince días por falta de aviso previo, incrementadas no xuro do 10 % por demora e aplicable aos conceptos salariais.

Notifíqueselles esta resolución ás partes facéndolles saber o seu dereito a interpor contra esta recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal poderán anunciar por comparecencia ou por escrito ante este xulgado no prazo de cinco días a partir da súa notificación.

Advírtase o recorrente que non for traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros do depósito especial indicado no artigo 229.1 a) da Lei reguladora da xurisdición social, na conta aberta na entidade Banesto, a nome deste xulgado co núm. 47570000, código 36 e o nº de expediente, acreditándoo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, en caso de ser condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola dita cantidade, no cal se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso.

En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

Dedúzase testemuño literal desta sentenza, que quedará nestas actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Para que conste, para inserir no Diario Oficial de Galicia, co fin de que lle sirva de notificación á empresa demandada Muebles Ciudad de Marineda, S.L., co apercibimento de que as sucesivas notificacións se realizarán nos estrados do xulgado, agás as que revistan forma de emprazamentos, sentenzas e autos, expido e asino este edicto.

A Coruña, 28 de xuño de 2013

María Jesús Hernando Arenas
Secretaria xudicial