Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2013 Páx. 26903

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras do Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2013), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 5 de febreiro de 2013, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2013).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de reavais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar o acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2013).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de outubro de 2013.

No caso de esgotamento da dispoñibilidade para a concesión de avais do Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria:

Dotaranse provisións por importe máximo de 757.600 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 08.A1.741A.89000) do exercicio 2013.

As ditas provisións calcúlanse aplicando o 25 % sobre o importe máximo dos reavais que conceda o Igape ante as sociedades de garantía recíproca que subscriban o convenio asinado para o efecto, no período de vixencia, que se establece en 3.030.000,00 €, respectando xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, que para o ano 2013 é de 500.000.000 € de acordo co artigo 44 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do Programa de apoio ao acceso ao financiamento
operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas
mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción
Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca galegas
e as entidades financeiras adheridas (Re-solve)

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, enfoca os seus programas e iniciativas na procura do desenvolvemento do sistema produtivo galego, en especial apoiando as pequenas e medianas empresas.

Nos últimos tempos as dificultades para acceder ao financiamento converteuse no principal problema de moitas pemes, detectándose o incremento das exixencias de garantías por parte das entidades financeiras como un dos principais obstáculos. Neste senso, o Igape optou nos últimos anos por apoiar, mediante axudas en forma de garantía, o acceso ao crédito, mediante liñas específicas que as reforcen ante as entidades financeiras.

Tendo en conta, ademais, que a principal causa que move as pemes a solicitar crédito son as necesidades de liquidez para o financiamento do seu activo corrente, parece conveniente continuar cos apoios prestados polo Igape a través do Plan Resolve, nas convocatorias dos anos 2009, 2010 e 2011, de apoio ao acceso ao financiamento operativo. Nesta liña proponse este novo apoio do Igape consistente no reaval do 25 % ante as sociedades de garantía recíproca galegas, como principais axentes prestameiros de avais financeiros.

Este programa do Igape para o apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pemes, necesitará da instrumentación dun convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

A convocatoria do programa deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape.

A tramitación destes reavais exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar as empresas beneficiarias da tesourería necesaria para evitar os problemas de liquidez, sobre todo na actual situación de dificultades na economía con especial incidencia nas pemes. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación do programa de apoio dirixido a facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.

Artigo 2. Beneficiarios do programa de apoio

2.1. Poderán acceder aos reavais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.

2.2. En aplicación do artigo 55.b) da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro. Non obstante, deberán cubrir no formulario telemático de solicitude a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2.3. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións, e non ser considerados empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 800/2008).

Artigo 3. Actividades incentivables

Poderán ser obxecto do programa de apoio establecido nestas bases reguladoras, todas as actividades económicas, agás:

a) As actividades relacionadas coa exportación e redes de distribución.

b) As actividades do sector carbón.

Artigo 4. Condicións e requisitos

Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, seguridade social, aluguamento, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios, excepto pólizas de crédito ou préstamo destinados á mesma finalidade que venzan durante o exercicio 2013.

Artigo 5. Características das operacións de financiamento

5.1. Modalidade:

Préstamo.

5.2. Importe:

O importe máximo do préstamo subsidiable será de 150.000 €. O importe mínimo atendible será de 3.000 €.

5.3. Prazo:

O prazo de vixencia poderá ser de ata 5 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

Artigo 6. Tipos de xuro e comisións

6.1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

Tipo de referencia: será euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder os 6 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

6.2. Se o euribor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

6.3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

6.4. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR.

6.5. A garantía a favor das entidades financeiras será o aval da sociedade de garantía recíproca adherida ao convenio, polo 100 % do risco.

6.6. As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura do 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa, adicionais ás achegas reintegrables aos fondos das SGR estipuladas para a operación. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración, que sumados ao reaval do Igape non poderán superar o 75 % do risco asumido pola SGR.

Artigo 7. Axuda do Igape, compatibilidade e límite

7.1. Axuda en forma de garantía.

Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía do 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

7.2. Compatibilidade.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

7.3. Límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379 do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen no sector primario pesqueiro este límite será de 30.000 €, respectando o Regulamento 875/2007 da Comisión do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/2007, do 25 de xullo). Para a produción primaria dos produtos agrícolas que figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea, as axudas destas bases respectarán o Regulamento 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007, do 21 de decembro), sendo o referido límite de 7.500 €.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da operación consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

8.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ás entidades colaboradoras do Igape, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no Complexo Administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

8.4. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da operación consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro.

8.5. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do NIF do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o NIF coa solicitude.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes

9.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o formulario, este pasará á disposición da SGR e da entidade financeira, na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante, que a título informativo se xunta como anexo I a estas bases. Nesta solicitude apodérase á entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira. Para estes efectos as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

9.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade de crédito colaboradora.

Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9.3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitarán en nome do interesado o reaval ao Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do formulario na extranet das entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a entidade financeira só comunicará a súa denegación.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario.

9.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

9.5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, aínda que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo II.

9.6. Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo I); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo II entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.

9.7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

9.8. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante e a entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se lle terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

9.9. Comunicación da validación da solicitude e da autorización para formalizar a operación financeira.

O Igape comunicará a través da extranet de entidades colaboradoras
(http://extranet.igape.es) á sociedade de garantía recíproca correspondente e á entidade financeira a validación dos requisitos da solicitude da axuda en forma de garantía. A dita comunicación, autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

A SGR formulará a súa posición no prazo de 15 días hábiles seguintes ao traslado da validación. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo o Igape arquivará a solicitude.

Artigo 10. Resolución

10.1. Unha vez que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no formulario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

10.2. Na resolución de concesión farase constar o importe do préstamo e o seu prazo de vixencia e carencia, así como a axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR.

10.3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia.

10.4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito implicará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 11. Notificación, silencio administrativo e recursos

11.1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade financeira e á SGR a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

11.2. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á operación entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

11.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación completa da solicitude no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo diante dos xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición diante do director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

11.4. Será causa de denegación da operación a falta de comunicación pola SGR da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 12. Publicación

12.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

12.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

12.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 13. Formalización da operación financeira

13.1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á entidade financeira e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 9.9.

13.1.1. A formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

13.1.2. No contrato de préstamo formalizado anticipadamente, de acordo co previsto no punto anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras, non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

13.1.3. No suposto de que a resolución de concesión que, se é o caso, se dite, estableza unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, en que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

13.2. Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

13.3. O prazo máximo para a formalización do préstamo, ou, se é o caso, adaptación da póliza ás condiciones da resolución de concesión do Igape será de dous meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalice ou adapte, ditarase resolución tendo ao solicitante por renunciado e ordenando o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

13.4. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar o Igape e a entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

Artigo 14. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

14.1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo e tras un período de 180 días en que tanto a entidade financeira como a sociedade de garantía recíproca efectuarán as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade financeira prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de demora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o establecido no artigo 6.1 destas bases reguladoras.

14.2. A SGR non aboará os xuros de demora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade financeira.

14.3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia nos trinta días naturais seguintes. O Igape recoñecerá cada mes as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

14.4. As sociedades de garantía recíproca obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape segundo o establecido no punto seguinte.

14.5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados. Este importe deberá ser ingresado no Igape ao final de cada ano, na conta que este designe. Se a SGR se adxudica en pagamento de débedas, bens ou dereitos coa intención de vendelo a un terceiro, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc) ou por procedementos xudiciais, as SGR reembolsarán ao Igape á parte dos importes obtidos na transmisión dos citados bens a un terceiro que lle corresponda ao instituto proporcionalmente ao reaval do 25 % do principal, ao final de cada ano e na conta que o instituto sinale.

Artigo 15. Información periódica. Custodia da documentación

15.1. As SGR remitirán mensualmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

15.2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval, a que reflicte as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e a especialmente establecida nestas bases, durante un período de cinco anos desde a súa cancelación.

Artigo 16. Modificacións

16.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da operación e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

16.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión.

16.3. No caso de modificación do proxecto, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

16.4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario: deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da operación.

16.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

16.7. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

16.8. O Igape poderá requirir das SGR calquera documentación acreditativa do cumprimento do proxecto, así como outra información para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do exercicio. Para os ditos efectos, o Igape reserva para si o dereito de introducir modificacións e melloras na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións coas entidades colaboradoras e as actuacións de control que lle corresponden.

Artigo 17. Reintegros, incumprimentos e sancións

17.1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario do compoñente de axuda do reaval concedido así como as cantidades aboadas polo Igape á sociedade de garantía recíproca, con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión.

d) Amortización total da operación financeira sen ter transcorrido polo menos a metade do período de vixencia.

e) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión do reaval, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades apoiadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

f) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

g) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

h) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) A nulidade da resolución polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

17.3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes a súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

17.4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

Artigo 18. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestatario.

Artigo 19. Control

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 20. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

20.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o investimento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para a boa fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

20.2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo III a estas bases. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

20.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo IV a estas bases.

Artigo 21. Compensación á SGR

O Igape aboará ás sociedades de garantía recíproca colaboradoras neste programa en concepto de compensación das establecidas no artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, de subvencións un 2 % do principal dos préstamos formalizados que conten con resolución de concesión do Igape. O convenio de colaboración que para tal efecto se subscriba regulará o procedemento de liquidación e o destino desa achega.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican e na Orde da Consellería de Economía e Industria do 27 de agosto de 2009 (DOG nº 173, do 3 de setembro), no Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro) no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas.
Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pemes

Caixas

Bancos

SGR

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega

– Banco Gallego, S.A.

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, SGR)

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, SGR)

– Banco Etcheverría, S.A.

– Banco Popular Español, S.A.

– NCG Banco, S.A.

– Caixabank, S.A.

– Banco Caixa Geral, S.A:

– Bankinter, S.A.

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.